miércoles, 18 de diciembre de 2013

PEPE ARDEIRO




DA TERRA E DO TEMPO




                                                                               Anxo Mosquera



 A man do home, dominando o gume,
violou a madeira e a pedra dura,
en harmonía compasada e pura,
dende un ritual de ancestro, alén do lume.

Coma un ronsel ferido de bremanza,
antiga seiva anuncia a súa presencia
de nai ennobrecida coa esencia
dos símbolos máis fondos da lembranza.

No repouso da noite estrelecida
brinda o licor no vidro aloumiño,
ofrecendo unha loanza estremecida

ás gubias que gravaron o camiño
polo cerne da madeira agradecida,
na honra do deus Baco e o dóce viño.

                                               ( Un xardín no tempo)




domingo, 17 de noviembre de 2013

OS LAPIS




                                                                               (Foto López Tuñas)




No pasado setembro, despois de cumprir cen anos, morreu en México Choncha Concheiro a muller de Francisco Comesaña, os dous principais protagonistas de O Lápis do Carpinteiro.  
A min a historia non me era allea, coñecina de pequeno. E moitas máis cousas que non se recollen no libro. Por eso, cando vin a película que Antón Reixa fixo sobre a novela, disgustoume moito o tratamento que lle daba a certas esceas no cárcere, que me pareceron un pouco frívolas, pois souben  da anguria e  tristura que alí dentro se viviu. Nunha ocasión llelo manifestei a Isaac Díaz Pardo, fillo de Camilo Díaz, pintor e ilustrador que pasou no cárcera de Santiago os últimos momentos da súa vida, antes de que o asasinaran. Respostoume tranquilamente que a el parecíalle ben, que aquelo era unha película e as películas son así. Dalgún xeito tamén tiña razón.

A miña afección polos lápis ven de non hai moito, porque eses grafitos revestidos de madeira, fanos agora ben fermosos; afiadiños son do máis xeitoso para escribir e, cando te enganas, vas e borras como se nada pasara. Cada vez que vou a un museo ou institución, se os teñen merco un. Tamén na nosa mente debéramos escribir as cousas con lapis no canto de tinta, porque as que precisamos borrar non quedarían na memoria ata que o tempo as vai metendo no pozo dos recordos.

A lembranza máis antiga que teño do lapis é a do meu avó, facendo as contas na súa tenda en papel de estraza, ou notas dos que viñan ao “déboche”, que logo colgaba nun gancho. Tamén o de Domingos de Sanamede, o carpinteiro, que traballaba moitas veces na nosa casa e sempre tiña un vermello detrás da orella. Aí lévao, ás veces, un compañeiro; vinllo pola rúa e gustoume, porque é un bo mestre e ven sendo algo así como un símbolo da súa profesión. E xa non vou falar da miña profesora Marita, que lles sacaba unhas puntas de varios centímetros de longo que parecían agullas de calceta.

Hai tempo que teño unha pelexa cos crucigramas dun xornal, para eso collo os de gomiña, pois cando poño algunha verba por tanteo, zas-zas, se o preciso borro coma se non pasara nada.

Pero é verdade que se escribe moi ben con eles, son suaves esvarando polo papel e si teñen un fermoso deseño poden facer agradable a escrita que tampouco deslumbra como as pantallas, e non hai que estar dalle que dalle á monotonía do teclado.

Nostálxia?.. nen falar, hai que aprender a gozar cada día das sensacións máis agradables e nunca caer na rutina.

Probade e xa veredes.




jueves, 19 de septiembre de 2013

DE ANIMALIA


                                                                              Foto- Pedro Armestre



Sobre un caballo alazano,
cubierto de galas de oro,
demanda licencia ufano
para alancear a un toro
un caballero cristiano.
              N. Fernández de Moratín


Cando estudaba Bacharelato atopei nun libro de Sintaxis esta estrofa de Moratín, o escritor madrileño do século XVIII, sobre unha corrida de touros na Idade Media, que  memoricei e a través dela coñecín o poema.

O traxe de luces puxéronmo de pequeno para asistir a un baile de disfraces pero foi só eso, unha festa de Entroido, que daquela chamaban Fiestas de Primavera, e pouco despois da famosa corrida de Negreira do ano1952 cando o segundo touro morreu tiroteado pola Garda Civil logo de que nun ataque de aburrimento saltara a barreira e acabara pacendo na Canteira de Vilachán. Polo demáis só recordo unhas verónicas a un carneiro que o meu primo “O Catalán” ensinara a trucar,  por eso había que telo amarrado a unha claudieira; arredor dela lidiábamos polas tardes, pero co adibal como freo. Aquelo acabou moi mal, para o carneiro e para o meu avó, vítima dunha traicioeira trucada que lle causou lesións, polo que as nosas pregarias non serviron para impedir que o tozudo cornúpeta acabara no matadoiro.

Era época de abondosas corridas televisivas, noites de flamenco e películas de Joselito, pero nin as garatuxas de El Cordobés conseguiron afeccionarme á Festa Nacional.

A progresiva modernización da sociedade española e a educación nun novo sistema de valores, deu lugar a que se foxe desviando a atención da parafernalia musical e colorista que rodea ás corridas de touros, cara o sufrimento ao que é sometido o animal e que este tipo de celebracións quedara reducido a determinadas comunidades e grupos de afeccionados. Como consecuencia da mellora das condicións de vida desapareciu o colectivo de rapaces que buscaban unha saída á súa situación de miseria arriscando a vida diante dun touro anoxado, coa xustificación tan coñecida de “más cornás da el hambre”,

O do touro de Tordesillas é outra parte da historia. Nesa cidade de Valladolid, que parece estar a uns 400 anos de distancia dos Pirineos, nas festas patronais o touro que ceiban polas rúas desvíano cara o campo onde unha manada de cenutrios con picas, vano acosando e acribillando entre os aplausos e o disfrute de miles de persoas, nais cos seus rapaces, mozos e mozas, novos e vellos, mentres rega co sangue o campo, ata que algún dos “heroes” da festa, acaba coa súa agonía.

Este ano correspondeulle a honra a un traballador en paro que foi encumbrado ao balcón do Concello polo Alcalde da cidade. Ao parecer, esta “autoridade” comparou a bestialidade festeira con unha obra de teatro. Quero pensar que o disparate se debe máis ao cinismo que á iñorancia. Por desgracia son moitos os que están a podrecer aínda máis a vida política e con tal de manterse no posto, non dubidan en aplicar o coñecido programa electoral de “O que queirades”, deixando de lado o labor de concienciación social e exemplaridade que deben procurar os que ocupan cargos representativos, sobre todo si se amparan baixo epítetos sociais.

Agora as televisións españolas presentaron o denigrante espectáculo digno da España Negra como un torneo ou unha liorta entre taurinos e antitaurinos.

Por sorte estaban presentes os fotógrafos das máis importantes axencias de prensa para certificar a barbarie e aínda queda a esperanza de que algún organismo internacional tome cartas no asunto, pois as nosas autoridades andan moi ocupadas en exercer as súas habilidades.



viernes, 23 de agosto de 2013

OS CHINITOS



Dende que os chinos encheron de bazares todos os corruchos ando sempre coa orella atenta a ver si entre eles hai un José ou Manuel, pero teño que confesar que a pesares do meu empeño, de momento, non tiven moito éxito no intento de atopar algún dos meus afillados neste colectivo.

Cando eu era pequeno todo o país estaba empeñado en bautizar aos habitantes da China para sacalos da súa iñorancia, por todas partes había carteis co lema “Ayuda a bautizar a un chinito” e tiñas que facer unha aportación económica para mandar alá aos misioneiros que levaran adiante este labor. A cambio dábanche unha estampiña, co retrato do rapaz, no que por atrás escribías os teus datos e o nome que querías que lle puseran ao teu futuro afillado.

Foron algunhas pesetas as que aportei para ter un bo número deles pero pouco a pouco funme dando conta de que os chinos das fotografías parecían todos iguais, o mesmo que a hucha que estaba no mostrador da farmacia de dona Maruja Robira, que tamén tiña a cabeza do chinito co lema debaixo. Decíase ademáis que eran moi inxenuos e cando a un lle tomaban o pelo, empezou a extenderse a costume de utilizar a expresión “enganáronno coma a un chino”.

A pesares de aquelo de ir incorporándoos á nova fe às veces non era de abondo coa picardía porque un pouco antes seica algúns empezaran a espabilar de máis e os americanos xa contaban na película 55 días en Pekín, que grazas a Charlton Heston e aos exércitos das potencias occidentais tiveron que achantar ante a ocupación e o poderío das forzas internacionais.

Agora, os chinos viñeron montar aquí os seus negocios e tanto che venden unha filarmónica que destiñe ou unha maceta sen burato como unhas tesoiras de podar que ao primeiro trallazo escachas os nocellos; pero é inutil que intentes fuxir deles porque vaias a onde vaias, os paraugas, as prendas de vestir ou calquera andrómena que consumas veñen de alá; polo tanto estás collido. Co invento da globalización parece que o entendemento foi máis fácil. Os nosos grandes empresarios poden instalar na China os seus chiringuitos para explotar aos "inxénuos" e os deles poden montar aquí as tendas sen ter que someterse a ningunha regra, norma ou procedemento. Un bo acordo para eliminar o noso tecido produtivo e, ao mesmo tempo, acabar co pequeno comercio local.

Hai pouco contáronme que unha profesora estivo nunha universidade da China dando clase de español. Pouco tempo despois de comezar o seu traballo descubriu que se trataba dun centro privado onde se ensinaba a língua a estudantes que ían vir traballar nos negocios en España. Cando avisou do engano aos responsables españoles, comunicáronlle que tivera o bico calado se quería seguir exercendo de profesora.





jueves, 4 de julio de 2013

TARDE DE VERÁN





                             Praia de Louro             ( Foto López Tuñas)

........................

Lanzal o tronco, as ponlas alongadas,
o follaxe en dosel, forte, senlleiro,
ten a medosa traza dun guerreiro
vixiante dos castros e valgadas.

Ó chegar ó pé del na atardecida,
da lexendaria edade saudoso,
quixérao ver cadeira frorecida

dun rei celta, barbudo, fazañoso,
ou soleada, verdecente ermida
dun santiño aldeán e miragroso.

                                         RAMÓN CABANILLAS


martes, 11 de junio de 2013

NO PASAMENTO DO PRESIDENTE DA UNIÓN BARCALESA DA HABANA

ROLANDO PÉREZ PALMERO


ROLANDO PÉREZ PALMERO,  Presidente da Unión Barcalesa da Habana, acaba de finar  logo dunha curta enfermidade. Foi durante 44 anos o representante do colectivo dos barcaleses na capital cubana ademáis dun home entrañable, un cubano galego de adopción polo seu matrimonio con Concepción Suárez Morilla, barcalesa pola familia paterna que era natural de Lueiro-Barbazán no concello de Negreira.

Hai unhas horas o Vicepresidente Manolo Rodríguez comunicounos a Amancio Liñares e a min a triste nova.

Cando o coñecín persoalmente no ano 1993 estableceuse de inmediato entre os dous unha corrente de amistade máis alá do protocolario sendo eu alcalde de Negreira e él o presidente da Unión Barcalesa. Estivo tres veces en Galicia, as mesmas que viaxei á Habana, símbolo da galeguidade exterior xunto a Bos Aires; con el e a súa dona, Secretaria da entidade, compartín xornadas inesquecibles e sei que para eles supuxeron unha porta por onde entraba o vento mareiro que lembraba a dignidade da emigración.

Repartindo a axuda de Barcala
A Unión Barcalesa da Habana agrupa aos descendentes dos nosos emigrantes e as súas familias e levou adiante unha importante labor de construcción de escolas na nosa comarca. Grazas á Sociedade os barcaleses en Cuba recibiron importantes envíos dos concellos de A Baña e Negreira e tamén do de Brión e logo da Asociación para a Solidariedade Alén Mar, froito das aportacións populares, comerciais e de diversas entidades, especialmente de FEIRACO.Tamén de particulares.

Rolando, coa súa dona Conchita foi a alma do rexurdimento da Unión Barcalesa que hoxe ten xa 104 anos de existencia, e o seu recordo seguirá sempre presente nas nosas vidas.
 
Día triste para a súa familia, para os barcaleses de aquí e de alá e especialmente para as numerosas persoas que tivemos a sorte de coñecelo e disfrutar da súa apacible e agradable compaña. Unha aperta  de afecto e amizade  para Conchita, a súa filla Adriana e Noel o seu home, a neta Kamila e demáis familiares. Para a Xunta Directiva da Asociación e tamén  para todos os barcaleses na capital cubana.




miércoles, 27 de marzo de 2013

TEOLOXÍA CAMPESTRE




Logo do Curso de Deslocalización Semántica acabo de rematar o último exemplar correspondente ao Master en Teoloxía Campestre para novos emprendedores. Mentres o primeiro axuda a interpretar correctamente as informacións dos medios de comunicación o Master serve para entender a realidade baseada na observación e a experiencia.


Estes días as conversas na rúa, ademáis de polo que xa sabedes, non deixan de preocuparse pola choiva e o tempo que entraron na primaveira con cara de invernía. Todo se volve protestar e aparcar a diario diante das televisións para levar unha boa regadura, logo dos atracos regulamentarios dos que informan de cotío. Como se o home ou a señorita do tempo fosen quen de mandar para un lado ou outro ás borrascas do demo.

O Mentireiro Verdadeiro, calendario para o ano 2013, que se define como chusqueiro, escotolido, galego-castelán, profético, enxebre, noticioso, artimañeiro e tamén barato recolle ben ás craras que marzal e un mes avizorado, atolado, tarabelo, abuleiro e viradeiro e faga o tempo que faga que ninguén se escalde con galistradas. No mes de marzal o que non comenzou ben remata mal. A Lúa mingua o día 4 ás 22,54 e chea o 27 ás 10,30. Tamén recolle o santoral que comeza con Rosendo, Albino e Roán e remata o 31, o domingo de Pascua, con Santa Balbina, Acacio, Benxamín e Amos.

O Gaiteiro de Lugo e O Mentireiro Verdadeiro son os dous calendarios agrícolas máis populares dos que se levan publicados en Galicia, ademáis do Almanaque Agrícola ZZ da Empresa Zeltia Agraria.

O decano de todos eles, O GAITEIRO DE LUGO, que se define como relixioso, profético, astronómico, recreativo, patriótico, popular e barato, ten máis de 150 anos e chamouse nun principio Calendario de Galicia e logo Calendario Gallego, pasando a chamarse como na actualidade en 1927. Publicouse en lingua galega dende 1936 grazas a Xosé Figueira Valverde e dende 1996 edítao a Deputación Provincial de Lugo. Foi a única publicación que utilizou o galego durante o franquismo e daquela chegou a editar 50.000 exemplares. Contou coa colaboración de escritores como Noriega Varela, Álvaro Cunqueiro e Uxío Novoneira entre outros.

Ademáis das lúas, a previsión do tempo e o santoral reflicte na actualidade unha escolma de poesía popular e culta, debuxos e gravados de autores galegos, festas e feiras tradicionais de Galicia, táboa das mareas e outras curiosidades.

O MENTIREIRO VERDADEIRO editouse por primeira vez en 1960 polo sacerdote de Palas de Rei D. José Regadío e nun tempo en que se deixou de publicar O Gaiteiro chegou a distribuir entre doce e quince mil exemplares. O barcalés Avelino Pousa Antelo publicou nel algunhas colaboracións. Na actualidade, ademáis do calendario litúrxico, a previsión do tempo e as lúas explica distintas técnicas agrícolas como diversos tipos de poda, refráns e ditos populares.

Foron durante anos as únicas publicacións que chegaban á xente das aldeas de Galicia e unha axuda inestimable no campo das prediccións. Lede logo as que o Gaiteiro de Lugo do ano pasado facía para o 2013.
                                                                  ........
Non teño esperanza
tampouco este ano
que traerá recortes
e mais desenganos.

Recortes nos soldos
e nos prezos non,
vidiña moi negra
pra o traballador.

Recortes no Ensino
e na Sanidade
isto non é conto
que é boa verdade.

Subida de xuros
tamén de trabucos,
lamento dicilo,
veñen tempos duros.

Se queres eu sigo,
dame algún reparo,
dicindo que isto
non che ten amaño.

Pero penso, amigo,
que será mellor
afinar a gaita
e ir enchendo o fol.






sábado, 23 de febrero de 2013

LUCES DE BARCALA




Queridos padres, hermanos, parientes y convecinos: Desde que, por la iniciativa de algunos paisanos nuestros, nos hemos constituido aquí en sociedad; desde que nos hallamos juntos cuantos hemos tenido la suerte de haber nacido en ese hermoso rincón de Galicia, fue nuestro deseo, y así lo ejecutamos, sacrificar mensualmente parte de nuestro modesto haber, a fin de crear y sostener escuelas en el Valle, que sirvan para que nuestros familiares y convecinos puedan en el porvenir, una vez educados, ser útiles para sí mismos y para los suyos, ahorrándoles de esa suerte contrariedades que llevan aparejadas consigo la falta de instrucción.

                                        Almanaque Gallego para 1909 . La Habana . pp.143-145



Escola de Cobas

A emigración galega en América creou, segundo o profesor da Universidade de Santiago D. Vicente Peña Saavedra, 525 asociacións de carácter instructivo que fundaron e sostiveron en Galicia 235 colexios con 336 aulas en 186 edificios nun período no que o ensino público estaba abandonado pola administración do Estado.

A emigración foi sempre un problema endémico de Galicia, entre 1870 e 1930 máis de 2 millóns de galegos abandoaron a terra e aínda hoxe a sangría segue. A situación sociocultural no ano 1900 era dramática, co 67,2% da poboación adulta analfabeta. No ano 1927 estaba escolarizado o 52 % do alumnado e a metade non asistía.
Os  datos do Ministerio de Instrucción Pública e Belas Artes correspondentes ao ano  1908  recollen que  Negreira e A Baña tiñan 8  escolas en cada un dos concellos cando según a Lei Moyano correspondíanlle 17 e 16 respectivamente. 

Escola de Seoane
Os nosos emigrantes en América, como os do resto de Galicia, foron todo un exemplo de solidariedade e compromiso coa terra e cos que aquí quedaban. Foron varias as sociedade creadas no alén mar polos barcaleses: A Unión Barcalesa, La Moderna de Barcala e La Baña y su Comarca en Cuba; en Bos Aires La Primera de Barcala, Sociedad Agraria Instructiva y Mutua del Partido Judicial de Negreira, Hijos de Negreira y Anexos, Mutualista e Instructiva del Partido Judicial de Negreira e Agraria y Mutualista del Partido de Negreira y sus contornos e en Montevideo Escuela Unión Barcalesa.

Foi a Unión Barcalesa de La Habana a que acadou maior pulo e que aínda hoxe segue funcionando nas dependencias do antigo Centro Galego. Nacía en 1907 ao mesmo tempo que a estrea do Himno Galego, na capital cubana, e o seu labor educativo, asistencial e mutualista é todo un exemplo. En 1922 inaugurábase en Cobas a súa primeira escola, en 1926 a de Aro e en 1932 a de Seoane. A construcción dos edificios corría a cargo das cuotas aportadas polos asociados, o salario dos mestres e a elaboración dos programas escolares inspirados nas modernas correntes pedagóxicas, en contraste coa escola tradicional refractaria a toda innnovación e progreso que poidera axudar á innovación de Galicia.

Escola de Aro
Tamén La Baña y su Comarca construiu en S. Vicente o Colexio Cuba (que hoxe ocupan as oficiñas do Xulgado, Rexistro Civil e Correos), La Moderna de Barcala a Escola de Liñaio e o filántropo habaneiro Emilio Balandrón a Escola da parroquia de Portor.

No ano 1993 asinamos, no Centro Galego da Habana, un documento de entrega das escolas da Unión Barcalesa aos concellos de Negreira e A Baña, acto no que o Presidente D. Rolando Pérez Palmero manifestou que se facía a entrega das mesmas xa que foron sufragadas polos barcaleses e que a eles debían pasar.

Hoxe a Unión Barcalesa continúa a disfrutar de boa saúde e malia as dificultades económicas para sosterse é a decana das sociedades de Barcala, do que debemos sentirnos orgullosos.


ALBUM 


Centro Galego da Habana



Acto inaugural da Escola de Cobas coa asistencia do Rector da Universidade de Santiago



Veciños de Barcala no Centro Galego-Centenario da Unión Barcalesa-Foto El Correo Gallego




Directivos de Alén Mar co Presidente da Unión Barcalesa no Centro Galego da Habana




domingo, 17 de febrero de 2013

O MEIGALLO



Na nosa rúa botáronnos un meigallo. Ou eso é o que comentaban onte unhas veciñas entre risas por unha bolsa con tres ovos e unhas moedas que dende hai días está pousada nun dos cruces. O certo é que ninguén a retira e cada mañá aparece nunha das catro esquinas da encrucillada. Eu díxenlles que seguramente alguén que foi mercar os ovos esqueciuna no chan e non volveu a recollela, pero contestáronme con sorna: Si,Si...

O meigallo é unha das superticións máis antergas de Galicia e ao parecer levábase á práctica cando as enerxías máis negativas asolagaban a alma de alguén que precisaba liberarse delas botándolle todo o mal á persoa obxecto da súa xenreira. A miúdo había que acudir a unha meiga para que a instruira sobre a práctica mais axeitada a cada caso.

Sempre se facía con nocturnidade  nas encrucilladas e as aves eran elementos moi comúns nestas prácticas da meiguería.

Os cruces de camiños  tiveron un carácter máxico nas antigas culturas agrarias. Os romanos colocaban neles pequenos altares de culto aos deuses Lares e alí depositaban ofrendas, por eso en Galicia foron cristianizados cos cruceiros, esas cruces de pedra que aínda hoxe vemos nos camiños. Cando os enterros eran peatonais sempre se paraba o cadaleito en todos os cruces para rezar tres padrenuestros pola alma do difuntiño.

Tamén as aves formaban parte das prácticas supersticiosas, especialmente os galos.

Hai anos un amigo agasalloume uns interesantes exemplares editados pola Universidade da Habana sobre os estudos etnográficos que a profesora Lázara Menéndez realizou sobre a relixión afro-cubana. As prácticas da santería están moi arraigadas no Caribe e nunha das viaxes que fixen a Regla sorprendeume como os galos ó igual que noutras relixións naturalistas tamén eran un elemento a miúdo presente nesas cerimonias.

Pero eu mais ben penso que polos compoñentes da bolsa o “meigallo” da nosa rúa é mais ben unha pregaria ou ofrenda para curar algún mal.

-Hola buenos días, mi nombre es Vanesa, ¿en que puedo ayudarle?
-En conmmemorar con nós o corte de enerxía número cen que acabamos de sufrir hoxe varios veciños da nosa rúa.
-Xa están fartos de sabelo! Os ordenadores, descodificadores , conxeladores e outros aparellos reciben de vez en cando uns calambrazos nas súas partes máis íntimas que algún deles xa pasou a mellor vida.
-Ah, se trata de una derivación a tierra provocada por alguién que tiene una avería y la descarga se produce a través de su toma de tierra; es muy difícil de localizar porque solo puede hacerse cuando se produce la descarga. Es conveniente que llamen en el momento de producirse el corte de suministro para que la brigada pueda localizar al causante de la misma.
-Pero si xa chamamos centos de veces!!!!
-Bien, no se preocupe, voy a tramitarle una reclamación y en el plazo de quince días los servicios técnicos le informarán de la causa de la derivación.
- !!!!!!!!!!!!!!!!! ¿¿¿¿¿ ¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡¡

Cando polos medios racionais non se lle atopa solución aos problemas algunha xente acude a outros métodos máis inmateriais para ver de amañalos. Eu tiña unha parente que non acadando solución a algo acudía a Santa Rita. A pequena imaxe da avogada dos imposibles acompañouna durante a súa vida e botaba man dela sempre que lle conviña. Ao parecer o sistema funcionaba e cando non era así atribuíao a que as pregarias non foran acompañadas do debido fervor, por eso a santa non tiña a culpa dos fallos.

Penso que imos ter que facerlle algunha pregaria a San Voltio para ver de amañar o noso problema con FENOSA se o “meigallo” dese veciño ocorrente non da resultado.







viernes, 8 de febrero de 2013

1986-CAMPELO ENTRA EN EUROPA



No Entroido de 1986, ano de incorporación de España á Unión Europea, a parroquia de Campelo-Negreira acada o 1º Premio nos concursos de comparsas e carrozas dos concellos de Negreira e Santiago de Compostela.






 COPLA

Campelo entra en Europa
e xa somos europeos.
¿Quen falou de que empezaba
África nos Pirineos?
Temos hasta “Challenger”
coma os americanos,
espero que non estoupe
senón déixanos “colgados”.

Velaí ven representantes
da Europa comunitaria:
o gran danés mai-lo-belga,
e “Don Mitterran a Pata”.
O fillo de Luxemburgo,
que non sei como se chama,
e Don Bettino Espaguetti,
representante de Italia.
Don Nikos Papanatoulos,
e o Don  I.R.A. de Irlanda,
o tulipan holandés
e a filla da Gran Bretaña.
Don Helmut “Cerveza” Kohl
procedente de Alemaña,
e,  en fin, milagrosamente,
de Portugal doña Fátima.
Falta un para a docena
como capiscaredes vós:
Vai de viaxe en Bruselas,
por unha negociación.

Xa temos I  UVE A,
o IVA para entendernos,
os probes consumidores
non temos onde meternos.
Disque é o precio a pagar
por entrarmos en Europa,
¡Vaia, vaia...! e decir que
véndese esa señora.
Si os precios van polas nubes,
este adianto moderno
que trae a señora Europa,
é un trabuco do demo.
Non hai Cristo que o entenda,
é un rollo patateiro,
hasta os curas cobran IVA
por dar “ o pan de los sielos”.
A cambio do IVA teremos
un tempo de adaptación
pra enterarnos pouco a pouco
de que vai esta cuestión.

Circularán libremente
servicios e mercancías,
capitales e persoas,
borrallas e tonterías.
As aduanas de Francia
correrán  tupidos velos,
e pasarán os camións
esa fronteira sen medos.
Que farán os gabachiños,
en qué pasarán o tempo,
se non lles deixan tirar
nin laranxas nin pomelos?
Por min que vaian ao paro,
cheos de “merci  beaocoup”
ou mellor, pensandoo ben,
que vaian tomar....
(un viño á Torre Eiffel)

Á feira europea levamos
un gran carro de combate,
con fumeiros de castaño
e rodas de chiculate.
Un arado que ara soio,
sin cabalos e sin vacas,
¡temos tantos adiantos
que non nos caben na casa!
Temos un ordenador
con cara de sembradora:
¡como ordena os grans de millo
cando chega a súa hora!
Levamos caixas de froita
para vender en Avignon,
con un pouquiño de sorte
non nos “chiscan” o camión.
Toxo para facer licores
cebolas para empanadas,
empanadas europeas
que se comen coma nada.
Millo que dará fariña,
e a fariña, filloas;
filloas e filloeiros
tamén levamos a Europa.
Levamos coles da horta,
mellores que as de Bruselas.
¡Que lle pregunten aos porcos,
como pelexan por elas!
Encheremos o mercado
co noso leite europeo,
non está representado
porque o levou o leiteiro.

E agora perdoade,
porque temos que marchar.
O que pasa ciudadanos,
é que temos que votar...(as vacas)
                                               
                                                                                  (Comparsa de Campelo)