lunes, 25 de mayo de 2015

O RETROVISOR








Circulaba devagar buscando un lugar onde poder deixar o coche, logo de parar ollei o retrovisor da esquerda antes de abrir a porta e vin un barco. Non é frecuente que nos espellos dos vehículos aparezan estas imaxes, o normal é que se reflictan outros coches que nos pretenden adiantar pola esquerda e ás veces pola dereita; son un dos elementos imprescindibles para a seguridade dos condutores porque poden evitar accidentes indesexados.

Cando lin o nome, sorprendeume que se tratara do Cornide de Saavedra e recordei que era o primeiro buque do Instituto Español de Oceanografía, ata hai pouco unha peza importante para a invertigación mariña e pesqueira.

Os retrovisores teñen unha función moi parecida á memoria das persoas, porque tamén nos permite botar unha ollada atrás, lembrar as vivencias pasadas e poñernos en garda ante calquera perigo que nos poida ameazar. Estes días, coa campaña política das eleccións municipais, volveu utilizarse a acusación infundada contra un dos candidatos, de xeito malicioso e coa finalidade de causar dano a un home honesto e moi prudente.

Por iso, veume á memoria unha anécdota que vivin de pequeno. Daquela había unha época do ano na que era unha obriga facer a confesión dos pecados no precepto da Semana Santa. Estabamos na porta da Capela do Cotón un grupo de rapaces de distintas idades. O Sr cura achegóusenos, dentro da súa sotana negra e coa capa que sempre levaba nos ombreiros, e interpelou ao máis calado de todos:

  • Juliño, Juliño, vienes a confesarte, Juliño..
  • Non señor.
  • Pero Juliño, no me digas eso, tenemos todos la obligación de confesarnos...
  • É que non teño pecados...!
  • Así me gusta, Juliño, que no tengas pecados..
  • Pero sei quen os ten, D. Restituto...!
  • Y quién los tiene, a ver, dime quién los tiene..?
  • Xoseíño do Pirelli  !!!


A calumnia é unha práctica frecuente en todas as ordes da vida, no ámbito social e profesional, no laboral e, por suposto, tamén na vida política, tal como vimos comprobando nos últimos tempos coa mestura de allos con bugallos. Unha mala semente que, como os cardos, só medra en lugares estériles e nunca prende en terreos fértiles. 



martes, 12 de mayo de 2015

O ACARREXO



                                                                   Luis Seoane


Lembro que foi en Pesadoira, unha das localidades máis afastadas da capitalidade municipal, na zona alta, rodeada de carballeiras e verdes pradarías que facilitan que a xente viva da cría do gando e de algún pequeno comercio: dúas panaderías e unha ferraxaría. Nas eleccións xerais de 1993, diante da escola, onde estaba ubicada a mesa electoral, parouse un Seat 1500 do que baixaron tres señoras maiores, vestidas de negro e cun pano da mesma cor na cabeza. Unha delas, a do bastón na man esquerda, curvada polos anos ou polo duro traballo no campo, achegóusenos:

-Bos días nos dea Deus! E logo... seica andan percorrendo as mesas das votacións... 

-Bos días! Si señora, por se hai algunha incidencia, pero todo está normal. 

-Pois eu veño votar. Tróuxonos ese e tamén deunos o sobre coa papeleta; pero vouno foder, que a boa lévoa na teta!

Quedamos mirando como, apoiada no seu bastón, se achegaba á mesa de votación. Diante da urna abriu a carteira para sacar o DNI e, mentres esmagaba o sobre que levaba na man entre os dedos de muller traballadora, sacaba outro do escote que lle entregou ao Presidente.

Dando media volta, moi devagar, foise achegando á porta do coche que lle abría o condutor e, antes de sentarse, volveuse cara a nós e chiscounos un ollo.