domingo, 30 de abril de 2017

REFOXOS





Os recordos compartidos son un elemento vivencial aos que o río da vida dalles un aire nostálxico que nos conmove. Onte camiñaba de vagariño pola beira do río e pareime na Balsa, a nosa, onde de novos disfrutábamos do sol do verán e convivíamos apaciblemente. Nese tramo fluvial había tres muros que atravesaban o cauce embalsando a auga para desviala polas canles dos muíños que logo facían mover os rodicios: O de Garrido, que aínda se conserva intacto e podemos admirar pola súa fermosa cascada; o de Vilachán, que desviaba a auga para o que aínda se conserva e o de Refoxos, xa parcialmente esbarroncado, para outro que había na marxe dereita do cauce e que está en ruinas. Os tres levaban o nome dos respectivos muíños.

Naquel lugar apacible de auga embalsada aprendemos a nadar e a convivir por nós mesmos, ollando como facían os mellores e pelexar contra a auga, tragando a que fose preciso, ata que, pouco a pouco, te mantiñas a flote entre os berros de ánimo dos amigos. Que pracer bucear entre as augas xélidas ante o silenzo das troitas, paradas sobre os seixos e as areas do fondo, que ollaban con pasmo aos intrusos que ousaban entrar no seu mundo! Malia os centos de rapaces que durante xeracións aprenderon a nadar naquelas augas, non se recorda percance algún, pois a prudencia era o acordo implícito da confianza dos pais, que acompañaban a nosa autonomía dende lonxe. Logo os máis atrevidos pasaron a facelo no Tambre.

Pero foi a chegada da modernidade e o nomeamento dun alcalde, Antonio García Abeijón, baixo cuxo mandato foi construida a piscina pública no que era Coto Escolar. A instalación estaba dotada incluso de trampolíns dende onde os máis arriscados locían a súa valentía mergullandose de cabeza ou do que cadrase. A partires daquela a Balsa de Refoxos foi quedando pouco a pouco no esquecemento, vivindo na memoria dos menos novos.

Daquela liberdade de xogos da que gozabamos os rapaces pasouse a unha sobreprotección física e psicolóxica que chegou até o alfombrado do chan nos lugares de xogo, para que os meniños non se magoen cando caen e sempre coas nais e os pais pegados a eles, por se os precisan defender do empurrón doutro. O mesmo acontece coa sinrazón de darlles sempre por bo todo o que fan, non contradecilos ou poñerlles límites cos demais.

A integración dos nenos na escola é o primeiro paso para aprender a convivir en sociedade e transformarse en adultos que saiban vivir en libertade, para empezar a socializarse e entender que os dereitos das persoas acaban onde comenzan os dos demáis. Os alumnos non se escolarizan só para instruirse nas materias curriculares, pois os centros educativos, como o seu nome indica, teñen tamén outra importante función que é a de educar a través da convivencia e da adquisición de coñecementos.

Agora o río é un lugar de paseo, esparcimento e de evocación de recordos das historias xuveniles na balsa de Refoxos. Tamén  a posibilidade de disfrutar  da frondosa contorna pola que discorre o paseo fluvial.







miércoles, 19 de abril de 2017

AURELIO AURELIANO



                                                           Santa Eulalia de Logrosa                     (J.M.L.T.)     


Aurelio foi un persoaxe que viviu en Logrosa (Negreira) alá polo século IV. A agricultura debeu ser o seu medio de vida, traballo duro como correspondía aos estratos inferiores da sociedade, pois en Roma non todo era esplendor. Admiramos en Pompeia as domus e a forma de vida dos patricios, pero eran só unha minoría, o resto da sociedade vivía con moitos menos recursos.

Morreu Aurelius Aurelianus non moi novo, aos 36 anos. A esperanza de vida nesa altura era de trinta, debido ás condicións dos traballos e ás enfermidades que, segundo as invertigacións feitas sobre restos humanos atopados nas excavacións, eran maioritarias a artritis e o cancro de osos. Esa cifra  non se superou en España ata finais do século XIX.


A esperanza de vida é a idade media da morte,  non a da poboación máis lonxeva, condicionada pola alimentación, as epidemias ou os conflictos sociais. Na época romana víase disminuida pola intensa mortandade da poboación menor de quince anos. Tómase como un importante indicador do benestar social. A partires da Revolución Industrial aumentou de xeito espectacular pola mellora dos hábitos hixiénicos, como o lavado das mans, a depuración das augas e a rede de sumidoiros pero sobre todo pola evolución da Medicina e as campañas de vacunación. Na actualidade a media mundial está en 67 anos.

No libro A flor da figueira, falando dunha muller coetánea de Aurelianus que tamén morou en Logrosa, Aebura Cilena, contaba que as igrexas consagradas a Santa Eulalia, que foi vítima de martirio na capital da Lusitania, Emerita Augusta (Mérida), estaban situadas sobre antigos cimiterios romanos, por iso foi que no de Santa Eulalia de Logrosa foron atopadas varias estelas funerarias, entre elas a de Aurelius Aurelianus (1). O mesmo aconteceu coas tumbas de épocas posteriores, como un sarcófago medieval aparecido a finais da década dos cincuenta do pasado século, co gallo do acondicionamento da estrada de acceso á aldea. Ata alí nos desprazamos os veciños e o daquela alcalde, José Abeijón, para observar o achádego, que causara gran expectación.


A estela funeraria, como corresponde, está consagrada aos deuses Manes, que eran os protectores do defunto e da súa sepultura. A inscrición aínda permite ler: D (is) M (ani) b(us) Aureli (us) Aurelianus annorun XXXVI : (Consagrada) ós Deuses Manes (aquí xaz) Aurelius Aurelianus de 36 anos.

Que a terra lle sexa lixeira (STTL), como se decía no antigo Imperio, que equivale á locución cristiana“ Requiescat in pace” o que sería o actual DEP.




(1) Museo do Pobo Galego - Santiago de Compostela.





lunes, 10 de abril de 2017

ME SALE DEL ALMA !





Quen queira cantar á Terra
dunha maneira atinada,
que se vaia lonxe dela
xa verá como lle canta.
                J.Rodríguez


Joseito da Revisora era o nome que lle daban os seus amigos de infancia a José Rodríguez Rodríguez. Dunha familia de oito irmáns, os dous maiores naceron na cidade de Holguín (Cuba) onde os seus pais estaban emigrados. Como a moitos outros galegos a José tamén lle tocou o triste destino da emigración, despois de pasar a súa infancia en Negreira na casa familiar onde súa nai, a Señora Francisca, dedicou moitísimos anos ao ensino na compaña das súas fillas, Purita e Sofía.

José era unha persoa sensible que empezou a escribir dende que tiña dez anos, segundo dicía porque tiña necesidade de exteriorizar os seus sentimentos e os poemas saíanlle da alma. Emigrou a Bos Aires no ano 1950 e deixou unha ampla obra poética chea de sentimento e morriña, que se manifesta ao longo de toda ela. Confésábase un defensor da rima : No suenan muy bien los versos / sin rima que los sostengan / ave de alas recortadas / quiere volar y no vuela.

Durante a súa visita a Negreira compartimos moitas horas de conversas nas que, ademáis de falar da súa infancia, lembraba a a influencia que tivo nel o seu mestre D. Juan Garrido e da necesidade de volcar o seu silencio interior. Influído dende moi pequeño pola lectura dos poetas casteláns e galegos como Campoamor, Becquer, Rosalía ou Curros.

A súa obra inédita está recollida en dez libros de poesía castelán e cinco en galego e, ademais, seis en prosa. No seu corazón e na súa memoria sempre estivo presente o pobo no que pasou a súa infancia e xuventude.

José cantou a poetas como Pondal, Rosalía ou Miguel Hernández :
….
Recordando al fiel pastor
No expreso los campos lloran,
No digo los montes tiemblan,
Esta congoja es más honda...
Por la idea perseguida
Sin hallar misericordia;
Era la carne del pueblo
Que sufría sin derrota
En la sangre varonil
Acorralada en la sombra.
…....


Casa natal de José Rodríguez


A NEGREIRA

Suman anos distanciados con recordos
En ausencia do meu pobo máis amado,
Coas ledicias que se alonxan e non perdo,
Ti ,Negreira, si que fires sen horario.

A beldá que recibimos soio invita
A un soño moi enxebre; e soñarán
Tantos fillos, teus piñeiros que dormitan
E os campos con un verde cal imán.

Brotarán nos nosos vales matizados
De herbas, flores e tamén fecundidá;
E os ventos que son castos e aromados
acompáñante con solidaridá.

Que de veces ese sol alumiando
Cos seus raios teus fogares bicaría,
E dos vidros alfombrando os interiores
O haber da evocadora poesía.

Xa brindaron en bandadas mañanceiras
Tantos cantos entre merlos e gorriós,
E nas casas as fermosas anduriñas
Cos sus niños alegraron teus balcóns.

Arrabaldos moi humildes que eu lles canto,
Como Campos e o pretiño Vilachán,
E agochada Negreiroa enfeitizada
Arredada deses ríos que se van...

Rodeándote Logrosa coa Chancela,
Con Fontán a carballeira, e piñeiraes
Que se estenden alongadas e te velan
ternamente polas veigas e fogares.

O castelo de Varela silencioso
Que rendido polos anos...Cantos son
os recordos dese Tambre rumoroso
E os soños de ese Pazo do Cotón!

Sobre todo as tres cruces que se erguen
Elevando o teu reflexo celestial;
de Logrosa, a capela bela e santa
Coa añosa cruz do templo parroquial.

Dendes neno coas memorias arrodéome
Cariñoso te relembro permanente
E no claro da miña alma eres desexo..
Si, Negreira, serei teu eternamente.

( Do Libro Terceiro: Homes e Terra - 31 de xaneiro de 1941)


EPIGRAMA-nº 7

Caeu no río de cu
Manueliña do Rueiro
E dille Pedro ao pasar
por alí un pouco serio:
-Antes lavábase a cara,
Como cambiaron os tempos!



Curros Enríquez



JOSÉ DEBUXANTE

Os debuxos de José Rodríguez están no Centro Galego de Bos Aires; no Concello de Negreira, onde deixou un de Castelao asinado por el; nos domicilios dos seus amigos e familiares. Rosalía, Curros Enríquez, Ramón Cabanillas e outros importantes poetas galegos tamén saíron do lápiz de José para quedar inmortalizados en fermosos retratos. A poesía, a talla, o debuxo e o teatro, foron as súas afeccións. 
 
O desexo de José Rodríguez Rodríguez era vir morrer ao seu pobo, pero esa ilusión non se cumpriu pois o 29 de novembro do ano 2013, finou na cidade de Bos Aires onde residía.Pero segue vivo na súa abondosa obra literaria, no recordo dos seus familiares de aquí e de acolá e dos amigos que tivemos a honra de coñecelo.






lunes, 3 de abril de 2017

TRES, ERAN TRES...




                                           Foto Emilio Forján (La Voz de Galicia)


A preocupación da Unión Europea pola depuración das augas residuais trouxo millóns de euros para que as cidades e as vilas mantiveran o medio natural limpo de contaminación, dotanto incluso aos pequenos pobos dos medios adecuados para que o mar e os ríos mantivesen puras as súas augas e non se vira aínda más alterado o ecosistema. En moitos casos estes fondos foron administrados de xeito inadecuado, como pasou en algunhas poboación da provincia de Ourense, onde se instalaron depuradoras de barcos que nunca chegaron a funcionar.

En Negreira acaba de ser instalada unha estación dotada, ao parecer, dos máis modernos medios para depositar no río as augas fecais unha vez purificadas, cun investimento de algo máis de seis millóns de euros, con fin de resolver definitivamente os problemas de depuración “creados” pola derruba da estación que ata o de agora veu funcionando e que, construida en 1997, tantos quebradeiros de cabeza xenerou a parte do vecindario e tamén á administración municipal.

Situada no casco urbano contou, dende o principio, coa oposición dos veciños da parte baixa do pobo, afectadas as súas vivendas pola instalación, que non estaban dispostos a soportar as molestias do cheiro, e temerosos de que o arrecendo rematara tamén cos seus pequenos negocios e  coa saúde dos seus.

Os problemas comezaran cando o proxecto foi presentado ao Pleno da Corporación Municipal para a súa aprobación e os concelleiros socialistas, daquela na oposición, descubriron que figuraba nos planos ubicada nos terreos do campo da feira, colindantes co río. As autoridades municipais respostaron que era un erro do proxecto e que sería ubicada nos terreos de recheo fluvial, como logo fixeron. Pero a Comisión Provincial de Patrimonio comezou a poñer impedimentos debido a que non se gardaban as distancias reglamentarias co último vestixio do Pazo do Cotón, que era un muro de pedra ao outro lado da estrada. Resolveron o problema derrubando o citado muro e deixando o vestixio máis lonxe. Os informes técnicos foran maioritariamente negativos, pois a súa ubicación estaba prevista na zona de protección de Augas de Galicia.

Cansos de loitar sen ser escoitados, os veciños afectados recorreron ao daquela Presidente da Xunta que, segundo eles, manifestoulles que “a persoa que máis entende en todo o mundo de depuradoras son eu, e esa non vai cheirar, punto !” E así se construíu a tristemente famosa depuradora. A veciña propietaria da vivenda máis próxima a ese espazo recurriu á Xustiza pois, ademáis de ser a máis perxudicada, a estrada de acceso á súa casa foi ocupada por parte das instalación e o seu pozo contaminado. 

Anos máis tarde o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ditaminou que a depuradora debía ser derrubada por incumprir cos trámites legais e estar construída en chan non urbanizable de especial protección patrimonial. Os recursos presentados polo Concello non serviron de nada e así se dilapidou un millón de euros. Onte, un dos veciños dicía que, malia todo, a desgraza non fora tan grande como coa a anterior, pois nese mesmo lugar estivera tamén outra máis antiga.



Primeira Depuradora



Na década dos cincuenta do pasado século, Negreira foi un dos primeiros pobos de Galicia en contar cunha depuradora, malia non ter funcionado nunca, pois as autoridades municipais desa altura acordaran que o seu custo de mantemento era inasumible para as arcas municipais. O gran vaso de formigón chantado no chan e cruzado por unha pasarela metálica era o lugar onde os rapaces ían tirar pedras contra os batracios que nadaban nas augas da choiva do inverno que enchía o recipente. Os máis atrevidos ata chegaron a entrar para ver a maquinaria oxidada que durante anos estivo pechada na caseta de cemento dun lateral.

A desgraza fixo que unha noite de domingo, Emilio, un veciño da Chancela de Abaixo caera no vaso da depuradora. Logo de non retornar á súa casa, ó día seguinte, a familia e os amigos organizaron unha intensa búsqueda do home que apareciu morto na instalación. Aos poucos días un camión con volquete enchiuno de terra, tapándoo para sempre.