sábado, 29 de noviembre de 2014

A ESCOLA DE BROÑO




                               O Mestre Joaquin Abril cos seus  alumnos de Broño-1931


Escoiteille contar ao meu avó como a comezos do pasado século unha comisión de veciños da súa parroquia, Broño, desprazouse ao concello de Negreira a pedir que lles fixeran unha escola, para aprender a ler as cartas que os seus familiares emigrados en Cuba lles mandaban. A resposta foi taxante: Ler xa sei eu, así que traédeme as cartas que vos direi o que poñen.

A Asociación Cultural “Santa Mariña”  editou hai anos  a súa segunda revista na que José Daniel Casal Leis publica unha fermosa reportaxe sobre os primeiros mestres da escola creada, logo de moitos esforzos , no 1927 e a imborrable pegada que deixaron.

D. Joaquím Abril Casellas chegou dende a cidade de Barcelona a aldea de Broño en 1931 e algúns dos seus antigos alumnos, xa maiores, emocionábanse ao falar da importante labor do mestre. O Catalán, como lle chamaban, era un home afectuoso co alumnado; visitaba ás familias regularmente, impartía clases aos adultos, gratuitamente, polas noites e promovía iniciativas veciñais como a creación da Sociedade Agropecuaria de Broño. Tamén lembran as actividades que realizaban, da Festa da Árbore e as visitas a outras escolas do Concello para observar o traballo que os rapaces facían e como logo eran correspondidas.

Durante as vacacións do verán, o mestre mantiña correspondencia escrita cos alumnos maiores para que se habituaran a redactar cartas e nalgúns casos, cóntanos Daniel Casal, debido á precariedade económica dalgunhas familias, facéndose cargo do custo dos selos de correos.

O mestre Abril pasou a desempeñar o seu labor docente na súa terra, na localidade de Sant Fost de Campsentelles (Barcelona) onde se xubilou. No ano 1975 puxéronlle o seu nome ao novo colexio e posteriormente adicáronlle unha rúa. Alí escribiu:....... En esta recordada aldea de Broño- Negreira dejé parte de mi corazón y vertí mis primeras lágrimas profesionales al ausentarme en 1933.
Alumnos de Broño nos anos 60

A súa ausencia foi suplida pola mestra compostelá Dna. Lourdes Iglesias Fernández quen tamén se implicou profundamente co alumnado e os problemas dos veciños, continuando co importante labor educativa e cultural comenzada polo mestre anterior, coas visitas ás familias, clases nocturnas e coa promoción da Sociedade Agropecuaria de Broño. Malia ter que abandoar o traballo docente seguiu mantendo unha relación moi estreita coa parroquia e no ano 2006 foi agasallada cunha emotiva homenaxe .

Os veciños da parroquia, no ano 1957, arrincaron a pedra  e carrexárona por turnos da canteira do Monte de A Pena para construír o novo edificio escolar sufragado por eles, os emigrantes e mesmo a Unión Barcalesa da Habana, que xa levaba construidas outras tres escolas na comarca de Barcala. Os planos  foron elaborados por José Carballo Ferreiro  e José Leis Ardións. Na actualidade uilízase polos veciños como Local Social.





Canto esforzo realizado e que importante labor o dos mestres nas nosas parroquias, traballando, a meirande parte das veces, en condicións máis que precarias. Tamén meritorio o da Asociación Cultural “Santa Mariña” que está a recuperar con estas publicacións o patrimonio sociocultural de Broño.




No hay comentarios:

Publicar un comentario