lunes, 21 de diciembre de 2015

TIBIA ESTAMPA DO NADAL







Cando os emigrantes voltaban nos invernos cansados
traendo nos ollos longos confíns de sombra,
era toda a luz da terra aberta,
e as brétemas eran amadas,
e había fumes íntimos en mornuras de aromas,
e unha fonda dozura vexetal de estameñas
nas lindes das mañás incendiadas.

Cando os emigrantes chegaban nos solpores
de días grises de fríos estremecidos,
traían nas maletas as consignas de Marsella ou Hannover,
e o corazón latexante de tenruras,
e cálidos xoguetes de harmonía
para os meniños de rostos alampados.

Cando os emigrantes falaban nos bares da noitiña,
a súa voz ateigábase de almibre e resoancias,
e abríase unha cor musical de belezas
e arelanzas de soños imposibeis.

No nacemento docísimo do inverno,
árdoras de paz recóndita
eran a transparencia das noites serenadas.

Cando os emigrantes voltaban.


                               O MATIZ ESMERALDA DA SOMBRA
                                 Xosé-M. López Gómez “ ARDEIRO”
                                                          1991

                            

                               - No 8º aniversario do seu pasamento-







jueves, 17 de diciembre de 2015

AS FIGUEIRAS TEÑEN FLOR


                                 Portada Xosé Cobas


Na vida das persoas hai momentos nos que se intúe que o mundo pode ser outro, que a utopía pode facerse realidade “


Foi moi agradable presentar un libro rodeado de tantos amigos, veciños e persoas coñecidas, moitas delas protagonistas que ao longo do tempo traballaron na nosa comarca polo desenvolvemento social, cultural e conómico. A flor da figueira, de Edicións do Cumio, é a crónica dun tempo longo que mediante as personaxes e os idearios reflectidos trascende a xeografía local adentrándose nun universo co que calquera lector pode sentirse identificado.

Este libro destaca polo protagonismo dos persoaxes e os feitos achéganse ao lector a través de distintas etapas históricas, utilizando recordos propios do autor, fontes orais e fontes documentais acumuladas ao longo do tempo. Pero son as persoas, sinxelas ou importantes, as que fixeron posible o que se narra. Nel, pretende transmitirse que son elas as que coas súas accións ou decisións protagonizan o acontecer social, cultural e político das comunidades ata convertirse en cidadáns conscientes do seu futuro e da realidade que os rodea.

O título, refírese a que a figueira, modesta como as persoas realmente importantes, na primavera non precisa facer gala da súa beleza, por iso a oculta. A súa flor medra cara a dentro agochada nun receptáculo en forma de pera cunha pequena abertura. Son flores pequeniñas que xeran unhas sementes rodeadas dun mesocarpo carnoso e que son os verdadeiros frutos xa que os figos non o son.

As fotografías que acompañan aos textos son un complemento gráfico das distintas etapas nas que transcurren os feitos que se narran e van acompañadas dunha descripción das características históricas de cada un dos momentos dos acontecementos que se reflicten.

A flor da figueira é un libro que fala do pasado, do presente e tamén do futuro.


GALERÍA



Xerardo Estévez-arquitecto, Pablo Vaamonde-médico e escritor, Jorge Tuñas -Alcalde de Negreira, Cándido Meixide-editor, X.Manuel López -autor



Auditorio da Casa de Cultura de Negreira