domingo, 18 de junio de 2017

BANDEIRAS AO VENTO


                                                    Foto: Concello de Negreira

Estes días no balcón principal da Casa do Concello ondean as bandeiras de España, Galicia e Portugal, pola visita dos equipos de futbol das Velhas Guardas de Serzedo e Marinha Grande para xogar co equipo de Veteranos de Negreira. Celébranse os 40 anos de intercambio deportivo e de amizade entre os tres pobos. Para unha gran maioría as bandeiras constitúen un vínculo de unión entre as persoas moito máis que unha diverxencia.

Xa hai catro décadas que o equipo de Veteranos comenzou o intercambio de visitas con Serzedo (Vila Nova de Gaia) e os xogadores e as súas familias conseguiron integrar a moitos outros veciños nesta celebración anual, cunha relación baseada no respecto, a convivencia e a amizade. O 25 de agosto do ano 1990 os concellos de Serzedo e Negreira asinaron na localidade portuguesa o protocolo de Irmanamento, acto que tivo a súa correspondencia no concello nicrariense, ao ano seguinte, unha celegración que contou con diversas actividades oficiais e populares, coa presencia de autoridades e amigos serzedenses. Aquel día tocou a Lotería Nacional en Negreira coincidindo coa da amizade, como se dun agasallo se tratara pois os décimos, despachados nun bar da localidade, estiveron moi espallados entre os veciños. Houbo festa por partida doble.

Logo estes lazos compartíronse tamén coa localidade de Marinha Grande, que pasou a formar parte deste numeroso grupo de irmáns de Galicia e Portugal. O futbol foi a desculpa para este convivio tan gratificante durante catro décadas de convivencia e práctica deportiva, que son un exemplo que debera extenderse entre os ambientes fanatizados e violentos que tanto degradan o mundo do deporte.

A expedición portuguesa foi recibida polas autoridades municipais, exalcaldes e directivos dos veteranos nicrarienses e no acto, celebrado no Auditorio, contou coa participación dos representantes das asambleas municipais dos dous concellos lusos. Un grupo de gaitas interpretou o himno portugués con moita maestría. Logo  tivo lugar o trofeo triangular de fútbol entre os tres equipos, xantar campestre na Area Recreativa de Cobas e máis festa. Tamén o compromiso para o próximo ano, que toca viaxe a Portugal, pois o trofeo altérnase  en ámbolos dous países.

O lema de Amigos para Sempre renóvase cada ano, gracias aos Veteranos, ás Velhas Guardas e as autoridades municipais dos tres concellos que sempre están prestos a estreitar, outra década polo menos, estes lazos de amizade que perduran no tempo; novos xogadores, novos alcaldes pero o irmanamento mantense ao día.

Parabéns!!!



sábado, 3 de junio de 2017

AS CEREIXAS DA ENCIÑEIRA



Subir ata o cumio da Enciñeira supón un gran esforzo e un exercicio de concentración. Calquera despiste pode resultar fatal e hai que facelo amodiño e con moito senso. A medida que se ascende a tentación de ollar para o que vai quedando abaixo é grande pero a prudencia dinos que mellor agardar a facer unha paradiña. Todo é subir e máis subir, por eso hai que agardar a ocasión de tomar folgos. Logo, a vista que queda aos nosos pés é espectacular, os meandros do Río SilMontefurado, a maior obra de enxeñería que os romanos fixeron na Galaecia.

Na época do emperador Traxano, no século II,  a riqueza mineira era unha das arelas dos romanos que construíron un  tunel xigante atravesando o monte, orixinariamente tiña 120 m de longo e 52 de ancho, para desviar as augas do río e recoller o ouro no leito seco. Dise que cada ano chegaban a obter unhas 20000 libras, destinadas á capital do Imperio. Ao lado, no lugar de Sesmil estaba acampada a Lexión VI,  parece que diso lle ven o nome ao lugar, polos seis mil soldados que tiña esa unidade de combate romana.

Logo subir e seguir subindo, sempre atentos á dificultade da escalada ata chegar ao punto máis alto onde baixo un ceo moi azul atopámonos arrodeados por un mundo de cereixas, grandes e vermellas, relucentes coma a porcelana e  a tentación fainos sentir o pracer no padal. O  sabor,  exquisito e refrescante, enche os nosos sentidos, por algo os romanos relacionaban esta froita con Venus, a deusa do amor.

De seguro que foron eles os que depositaron as cereixas neste fermoso lugar. Segundo o historiador romano Plinio atoparon esta sabedora froita na colonia grega de “Kerasos”, na costa do Mar Negro, latinizado  “cerasus”, que deu lugar a cereixa.



O señor Gregorio acudeu coa filla a depositar as frores na tumba da súa muller, como cada vez que volta de Quiroga, onde vive na compaña do seu fillo. Sorprendido pola súa antiguidade pregunteille cantos anos podería ter a cerdeira.

- Ai, tenlle moitos! eu sempre a recordo igual e eso que  tamén lle teño bastantes, xa  me quedan pouquiños  para chegar aos cen e recórdoa  igual dende neno.

- Así e todo, dime, aínda non ten tantos anos como a enciñeira xigante que ve ao lado da igrexa,  ten máis de cincocentos, disque xa estaba alí cando fixeron o templo. É a que lle da o nome á parroquia, por eso lle chaman  Parroquia de Enciñeira.