martes, 20 de diciembre de 2011

O FUTURO VAISE

Xosé Cobas-Centenario da Unión Barcalesa



Coa puntualidade de sempre, Manuel Rodríguez, Vicepresidente da Unión Barcalesa da Habana, remíteme as fotografías da última xuntanza da Xunta Directiva que tivo lugar o sábado 17 nos locais do Centro Galego da capital cubana. Como ó día seguinte se conmemoraba o Día do Emigrante houbo, segundo informa o noso amigo, unha lembranza moi especial para todos os galegos  espallados polo mundo.

Xunta Directiva no Centro Galego
Na actualidade a tradición emigratoria segue, perto de 11.000 xóvenes de entre 18 e 35 anos abandonaron Galicia o pasado ano, un éxodo que se repite. Marchan buscando outros lugares que ofrezan   posibilidades e saídas laborais que aquí non atopan. Na práctica totalidade son persoas con estudos universitarios, é decir, que a xeneración mellor formada da historia de Galicia ten que marchar por falta de oportunidades.

           
        O futuro vaise e a situación empeora. Galicia é unha das comunidades españolas coa poboación máis envellecida sendo a media de idade de 44,8 anos, incluso superior en 3,6 máis ca media do Estado, presentando uns índices demográficos que poden calificarse de alarmantes.

O xornal El Correo Gallego destaca hoxe na súa portada o que define como “suicidio demográfico de Galicia”. Reflectindo as conclusións do libro publicado por Alejandro Macarrón Lumbé “El suicidio demográfico de España”, recolle a situación especialmente grave da nosa comunidade á que dedica apartado especial na publicación.  

As provincias de Lugo e Ourense están  lisa y llanamente en situación precatastrófica  en demografía y forman junto con su vecina del sur, Zamora, el trío de cabeza de España en suicidio demográfico. A inmigración apenas repercute nesta dinámica pois estamos situados á cola en proporción de estranxeiros e de nacidos de nai foránea. Ademáis Galicia tampouco ten garantido o relevo xeneracional polo que se sitúa entre as sociedades sen futuro a medio e longo plazo.

A advertencia non é nova, xa hai anos que diversos expertos veñen dando conta destes datos negativos nos medios de comunicación. Este desastre non é unha prioridade para os  galegos  e a clase política está inmersa no día a día. Puro onanismo.

Membros da Directiva






domingo, 11 de diciembre de 2011

A FORZA E A CARRAXE DAS MULLERES GALEGAS


          Cando remata unha ditadura, xorden sempre os enterradores da memoria e pola contra investigadores e investigadoras que desenterran esa parte do pasado e da nosa Historia que permaneciu oculta polos anos de esquecemento e polo medo.

Aurora Marco
       Aurora Marco López é catedrática de Didáctica da Lingua e Literatura Galega na Facultade de CC da Educación da Universidade de Santiago, membro dos consellos de redacción de diversas revistas especializadas e ten no seu haber máis de vinte libros publicados, moitos deles sobre o papel da muller en diversos ámbitos da sociedade como Mujer, Lengua y Literatura; Mulleres e Educación en Galiza. Vidas de Mestras; Diccionario de Mulleres Galegas e estes días acaba de sair do prelo  MULLERES NA GUERRILLA ANTIFRANQUISTA GALEGA, que será presentado o vindeiro mércores día 14, ás 8 da noite,  na Livraría Couceiro en Santiago de Compostela.

          Este traballo, que requeriu anos de investigación e viaxes, recolle o destacado papel-até o de agora oculto- da muller galega na guerrilla. Tomei contacto con Aurora Marco na súa visita a Negreira para coñecer por boca dos afectados os acontecementos vividos na parroquia de Zas no ano 1949, data na que tivo lugar un enfrontamento coa Garda Civil que causou a morte de dúas mulleres (Carmen Temprano Salorio e Manuela Teiga) guerrilleira e enlace respectivamente, así como doutros tres compañeiros e unha dura represión que levou á cadea a máis dunha ducia de persoas. A través dela coñecín a importancia e o valor das nosas mulleres na defensa da democracia e a liberdade

      A presentación deste interesante traballo coincide coa noticia da concesión do Premio “Memoria i Justícia Universal” no III Festival Internacional de Derechos Humanos de Santa Coloma de Gramenet á película realizada polo seu fillo, Pablo Ces, “ As Silenciadas” sobre a mesma temática e da que Aurora Marco é guionista e que será proxectada neste acto.
      O mércores poderemos ter acceso a esas importantes testemuñas, que nos descubrirán páxinas importantes do pasado da comarca de Barcala e de Galicia, até o de agora decoñecidas, grazas ao esforzo investigador da profesora Aurora Marco que segue a ser un exemplo vivo do compromiso da muller galega coa súa terra e as súas xentes.