viernes, 25 de septiembre de 2015

A HABANA - RENACE O CENTRO GALEGO





O pazo do Centro Galego da Habana, un dos monumentos máis importantes da capital, situado no Parque Central ao lado do Capitolio, está a ser totalmente rehabilitado dentro do programa de recuperación da zona antiga da cidade. Fachada, instalación electrica e climatización, artesonados e outras  dependencias. Unha recuperaciób respetuosa coa obra inicial.

O Centro Galego, inaugurado en 1914, e construído polos nosos emigrantes con pedra levada da canteira lucense de Parga é todo un símbolo para Galicia, pois foi nese emblemático edificio onde centos de galegos autodidactas, coa mirada posta nos que aquí quedaban, puxeron en marcha un ambicioso proxecto que pretendía acabar co atraso cultural da sociedade galega da época. Suplindo o papel que lle correspondía ao Estado: a creación de centos de escolas, elaboración de programas didácticos e financiamento dos mestres. Moitos dos que alí se xuntaban, constituídos en mecenas, tamén se interesaron por introducir importantes melloras nas localidades de orixe, que aínda hoxe constitúen  un exemplo no que mirarse. No Gran Teatro do Centro Galego estreouse, no ano 1907, o Himno de Galicia.



Hoxe o fermoso edificio acolle ao Ballet Nacional de Cuba e nunha pequena dependencia ás  sociedades comarcais que aínda subsisten, malia as dificultades económica e grazas ás pequenas axudas que a Xunta de Galicia anualmente lles envía.            

Inesquecible a viaxe que realizamos algo máis de medio cento de veciños, acompañados polos alcaldes de Negreira, a Baña e Val do Dubra para asistir, xunto cos nosos paisanos alí residentes, á conmemoración do Centenario da Unión Barcalesa da Habana e celebrar a venturosa data no ilustre salón do Centro, baixo a atenta mirada de Castelao que sorría compracente dende o cadro que presidía a estancia. Alí comprobamos a maxestuosidade de tan emblemático edificio.

O actual Presidente da Unión Barcalesa da Habana, Manuel Rodríguez Barreiro, envioume estas fotografías amosándonos a súa ledicia pola recuperación deste fermoso pazo que será sempre  unha parte de Galicia en Cuba. Tamén fala das dificultades que están a atravesar para manter en pé á sociedade decana das barcalesas que o día 1 do vindeiro mes de novembro cumprirá xa o seu 108 aniversario. Deles depende tamén o Panteón que, no Cemiterio de Colón, acolle os restos dos barcaleses que nunca voltaron á terra.

As asociacións comarcais que hoxe aínda sobreviven no extranxeiro son tamén un patrimonio que hai que conservar, un exemplo para unha comunidade que, de novo, volve a expulsar aos seus, e que precisa dunhas políticas axeitadas que corrixan os problemas estruturais que arrastra e para o que é necesaria a implicación directa dos propios interesados.





O escudo de Galicia preside a entrada principal







           FOTOGRAFÍAS : Manuel Rodríguez Barreiro









sábado, 19 de septiembre de 2015

I - O CRUCEIRO DE BEALO





Hai un certo tempo que me agasallaron esta fotografía, sabedores da importancia que teñen ás imaxes como documento social, pois a sùa información é tan valiosa como a de algúns documentos escritos. No reverso, con primorosa caligrafía, pon: “Villancico en el Crucero de Bealo en la procesión del Corpus del año 1902, dedicado al tío y primos de Negreira. Su sobrino Valentín Lens Fabeiro”

Arredor do cruceiro os sacerdotes baixo palio, rodeados de ciriales, pendón e estandarte, homes e mulleres, coa atenta mirada dos santos dende as andas, ofrendan un sahumerio ao “Santísimo Sacramento”. Os cruceiros ubicáronse tradicionalmente nos cruces de camiños, por ser unha cristianización do culto aos deuses Viales.

O historiador José Carlos Bermejo Barrera, no seu libro “La sociedad en la Galicia castreña” recolle o carácter máxico que dende a época prerromana se lle atribuiu ás encrucilladas e, coa penetración e implantación da relixión romana, as antiguas divinidades célticas toman o nome de Lares Viales  quedando reducidas á categoría de deidades propias dunha cultura “folk”.
Segundo J. Taboada Chivite os cruces de camiños no folklore galego tiñan un carácter funerario porque era o lugar onde se enterraban aos nenos sen bautizar, por non consideralos ben integrados no mundo dos mortos. Demoníaco, porque era o punto de unión sexual co demo e alí cúranse enfermidades como o tangaraño (raquitismo). Máxico, pois tamén se cura o aire de gato, cortando cun coitelo a corda,  posta nas mans e os pés do neno. Valor social, porque se utilizaba como punto de integración e separación dos membros do grupo. Nas encrucilladas tiñan lugar os recibimentos colectivos de emigrantes e as despedidas dos que ían cumprir co servizo militar.

O cruceiro é un dos máis importantes monumentos relixiosos do mundo rural galego e, practicamente, non existe unha parroquia que non teña unha destas fermosas manifestacións da arte dos canteiros.


Cruceiro de A Pena

 No noso concello temos 19 fermosas mostras destes sinxelos monumentos tradicionais, a maioría de estilo gótico e tamén nos cruces de camiños, algún coa mesa de pedra ou pousadoiro, onde se colocaban os cadaleitos cando os veciños os levaban ao cemiterio. Antonte comentábame Paulino que un dos dous que ten a parroquía de Bugallido foi cambiado de lugar e que ó campo da festa aínda lle chaman  Campo da Cruz.

Os cruceiros forman parte do Patrimonio Cultural de Galicia, están protexidos por Lei e non se pode facer ningúnha intervención neles sen as autorizacións correspondentes.







domingo, 13 de septiembre de 2015

II - MUÍÑO DO PORTO : FELIZ CUMPLE!



 
Pepe Teiga no " tremiñado " do muíño do Porto
 

Unha noite no muíño,
unha noite non é nada,
unha semaniña enteira
esa si que é muiñada!!
                        Cantiga Popular


O muíño do Porto acaba de cumprir 109 anos e segue funcionando como o primeiro día grazas aos coidados de Pepe da Habanera e Daniel Casal que se encargan de telo en estado de revista. A trituración do grao mediante a moenda era un proceso intermedio para a elaboración do pan, por iso non hai río en Galicia que non conserve algún destes muíños de ribeira.

A súa orixe ven do periodo Neolítico. En moitas mámoas atopáronse muíños de pedras planas que logo foron susituídos durante a romanización por outro dunha tipoloxía máis moderna. Durante as campañas militares as lexíons romanas transportaban nas mulas dos contubernios, grupos de oito soldados que convivían nunha tenda, ademáis da mesma e os elementos comúns, o muíño de man, formado por dúas pedras cilíndricas que ao xirar unha sobre a outra trituraban a ración de grao que era un elemento fundamental da súa dieta alimenticia.

Estes muíños circulares aumentados de tamaño e engadíndolle un artiluxio mecanico para que a enerxía hidráulica fixera mover a roda superior, foron sustituíndo aos pequenos de man. Tamén hai algúns movidos por enerxía eólica ou pola forza das mareas, pero son os menos.

O inferno co rodicio
Nos muíños hidráulicos unha presa desvía a auga do río por un rego -gavada- que a leva ata a canle, unha pequena construcción troncopiramidal que se estreita e conduce a auga ata o rodicio que ao xirar trasmite o movemento á pedra móbil ou moa. O grao que cae da moega, caixa de madeira pendurada enriba, introdúcese, a través da quenlla, polo burato entre as dúas pedras. E dalle que dalle, seguindo o ritmo da popular muiñeira, a fariña vai caendo no farneiro.

Pero o muíño do Porto é un dos poucos de cubo que hai na nosa contorna, porque como o caudal do regueiro é pequeno, ten un depósito de cantería que almacena a auga que ven da gavada e cando está cheo, abrindo o billote, a auga sae con forza para mover o rodicio. Di Pepe, mestre canteiro, que a auga de cada cubo da para moer, polo menos, un ferrado de grao. Este muíño comunal tiña repartido o seu uso entre todos os veciños do lugar en turnos de moenda, tanto de día como de noite. A de historias que se poderían contar vividas neste muíño...! comenta sorrindo coa súa habitual picardía, porque os muíños tiñan tamén a función de centro social e ás muiñadas acudían especialmente os mozos e mozas, ás veces de troula.

Onte polo WhatsApp mandoume Daniel copia do documento de constitución da comunidade muiñeira, asinada polos veciños en 1906. Ademáis de Concelleiro, é tamén un estudoso da Historia da súa parroquia de Broño e nas revistas que a Asociación de Veciños publica periodicamente vennos agasallando con interesantes e documentados artigos.

Os muiños deron tamén lugar ao apelido Muíño, contribuíron ao enriquecemento do noso léxico e a abundantes topónimos como Os Muíños, Muiñonovo ou este onde se atopa o do Porto: Lugar de Redemuíños.



Pepe e Daniel







BIBLIOGRAFÍA

- As construccións adxectivas-Cadernos Museo do Pobo Galego 9 -Manuel Caamaño Suárez-1998

-Legionario.Manual del soldado romano- Philip Matyszak-Akal -2010







domingo, 6 de septiembre de 2015

III - O PAN DE TODO O ANO




                                                      Hórreo barcalés-Negreira                         (Foto López Tuñas)


Dicía Castelao que o hórreo era “ unha ucha sacra na que se garda o pan de todo o ano” pois a súa función é almacenar, secar e conservar o millo.

Aínda que este cereal non chegou de América ata o século XVII, momento de gran expansión económica que propiciou que este típico almacén de gran se expandira por toda a xeografía galega, a súa orixe remóntase aos períodos prehistóricos. Ata a Idade Media existía un hórreo comunal en cada lugar, onde se almacenaba o maínzo ou millo miudo que máis tarde foi sustituido polo novo cereal procedente do continente americano.

Miniatura nas Cantigas de Santa María-S.XIII
Segundo recolle o escritor Manuel Caamaño Suárez no Caderno nº 9 do Museo do Pobo Galego, no ano 1988 estimábase que había en Galicia 3.500 hórreos.
Téñense feito moitas clasificacións da súa tipoloxía, atendendo á pranta, materiais e elementos construtivos pero a máis completa de todas é a que Ignacio Martínez Rodríguez recolle no seu estudo El hórreo gallego, distinguindo un total de 18 modelos distintos co nome das zonas da súa implantación.


O barcalés ou mahián é o máis común na nosa comarca, coa cámara sostida por cepas ou muros transversais e co armazón construído con trabas costais de madeira, o tellado a dúas augas e a porta nun dos penais. E o fisterrán nas zonas máis cerca da costa.



Hórreo fisterrán-Pesadoira-Negreira


Este hórreo de pedra esténdese pola zona costeira e cara o interior nunha franxa duns 20 Km de ancho. Polas duras condicións climatolóxicas, chuvia e vento, precísase que sexan materiais duradeiros e consistentes. A sustentación de cámara rectangular é de esteos (columnas de cantería) coroados por tornarratos, e a cámara de pedras de tamaño variable con ocos para a ventilación.

  O claro, que é a equidistancia entre un soporte e o seguinte, chámaselle tamén tullo. O número de claros expresa moi ben o poderío económico da casa á que pertence.

O hórreo é unha das construccións máis singulares da arquitectura popular galega e xunto co muíño un elemento fundamental para os habitantes do medio rural, pola importancia do pan na alimentación e na nosa cultura.



Broa ou pan de millo (Foto Panadería Xallas)




Hórreo en Covas



Hórreo de Carnota