A pesar dos anos e da
distancia non pasa un Nadal que non recibamos a felicitación,
un pequeno libriño de relatos que contén algunha das súas
experiencias das viaxes nos que a súa profesión de xornalista o
levou polo mundo e que, pouco máis tarde, transforma nun agasallo
tenro dos que emocionan e se fan inesquecibles.
Os anos foron pasando
para todos e a vida fixo que cada un acabara seguindo camiños
diferentes pero él, Cristóbal Ramírez, espíritu inquedo, segue
sendo o de sempre, un tornado de creatividade e bo facer que nos
agasalla coas súas crónicas xornalísticas ademáis de amosarnos os
distintos camiños da Terra. Aínda onte falabamos do paso do tempo e eu
insistía na miña teoría de que a vellez é un estado de ánimo porque
vellos de trinta e corenta coñezo mogollón e os regos na pel ou
alopecia non son máis que raspaduras das areas que trae o vento. Ti
eres novo porque así o comprobo cando che leo.
Por que será que sempre
que un se atopa cun vello amigo a memoria revólcase e desfilan
centos de imaxes que como fotografías van amosándose, traéndonos
de novo vivencias que xa pasaron e por qué esas e non outras...? Sempre que falamos véxoo diante da máquina de escribir na mesa de
madeira, redactando algún boletín informativo, practicando xa no
que logo sería a súa segunda carreira e que posibilita que de cando
en vez goce das súas ben artelladas crónicas, sempre comprometidas,
coa defensa do medio ambiente, do urbanismo racional ou das causas
xustas.
Hoxe lendo o agasallo
deste ano fíxome viaxar a un lugar para min descoñecido e rematou
cun tremor que tamén fai somerxirnos no infinito, no baleiro do
que viñemos e ao que algún día retornaremos. Lendo En El Pier
de Bangor admiro o bo facer dun mestre do relato e do xornalismo.
Tamén o agasallo de amizade de quen comparte o mellor de un, as súas
vivencias, a súa familia e os bos desexos.
Grazas Cristóbal!