martes, 20 de septiembre de 2016

EL DEFENSOR





Gonzalo Romero Osende



A publicación do libro A flor da figueira posibilitoume recoller centos de opinións sobre acontecementos da nosa Memoria e o agasallo de interesantes libros que son unha gran aportación para profundizar no coñecemento da nosa historia recente.

Gonzalo Romero Osende, natural de Zas de Carreira, foi Perito Mercantil, avogado e empregado de Banca. En 1936 foi movilizado como Tenente de Complemento e actuou como defensor nos consellos de guerra celebrados en Santiago de Compostela dende xullo de 1936 ata xuño de 1937. O seu fillo Manuel Romero Mengotti, Mestre Nacional e licenciado en Pedagoxía, publicou co título de EL DEFENSOR a novela documental baseada en feitos reais respaldados fundamentalmente por amplos documentos atopados nunha carpeta de seu pai e usados nas defensas.

Ademáis de reflectir os feitos ocurridos con motivo da sublevación militar en Santiago de Compostela e a súa comarca, tamén expón o desenvolvemento  dos consellos de guerra nos que participou seu pai, manifestando a impotencia que sentiu para defender con garantías ás persoas acusadas pois, segundo recolle neste interesante libro, as acusacións do fiscal pasaban directamente a ser sentencias aínda que se demostrara a súa falsedade.

Gonzalo Romero participou na defensa de cinco acusados de PADRÓN, dezaoito de PORTO DO SON, sete de SANTIAGO DE COMPOSTELA, vinte de ORDES, cinco de CURTIS, dous de ARZÚA, cinco de MUROS, un de FRADES, un da PÓBOA DO CARAMIÑAL  e no maior de todos, trinta e dous de NEGREIRA: Oito penas de morte (unha conmutada), doce cadeas perpetuas, nove de quince anos e un día e unha de oito anos e un día.

O día 4 de xuño de 1937, Gonzalo Romero atopouse coa súa última actuación nesta tráxica cerimonia do terror: o fusilamento dos sete condenados de Negreira. Fue una velada muy dura. Algunos de aquellos hombres daban cauce a la rebeldía e incomprensión de su situación...otros en cambio guardaban el silencio resignado de la amargura y la soledad ante el misterioso fin.
En su traslado en la camioneta al cementerio de Boisaca, hubo que emplearse a fondo....

Gonzalo Romero renunciou a seguir desempeñando o seu papel e pediu o traslado ao frente de guerra.

O libro de Manuel Romero Mengotti recolle a traxedia dos anos 1936 e 1937 na comarca de Compostela, reflicte situacións moi duras, especialmente para as víctimas e as súas familias pero é a  testemuña fiel dun escuro periodo da nosa historia que merece ser coñecido



EL DEFENSOR
Manuel Romero Mengotti
Finisterrae _ ediciones
Mayo 2013




domingo, 18 de septiembre de 2016

XOSÉ RAMÓN ESPAÑA LORENZO , UN MÚSICO DO POBO




Cos seus alumnos de Negreira- 1986


Hoxe tribútaselle unha homenaxe ao profesor e compositor Xosé Ramón España Lorenzo, logo de toda unha vida adicada á música. O que foi primeiro profesor da Escola de Música do Concello de Negreira e director da Banda Infantil e Xuvenil recibirá as mostras de afecto e agarimo dos que foron os seus alumnos, algúns deles xa profesionais desta arte.

A música sempre estivo presente na comarca de Barcala, dende os primeiros gaiteiros que alegraban as festas e foliadas, como Faustino da Pena, os primeiros quintetos, como o de Agapito de Xallas, ou as diferentes bandas e orquestas. Esta actividade era na maioría dos casos un complemento para as modestas economías da comarca. Os coñecementos do solfeo e a práctica instrumental transmitíase duns veciños a outros detro dos mesmos núcleos veciñais.

O Concello de Negreira asumiu a formación musical dos máis novos na década dos anos oitenta do século pasado e este músico de Taragoña (Boiro) foi o encargado de poñer en marcha a escola dependente do Conservatorio de Santiago e a Banda Xuvenil. Anos de traballo e dedicación que logo fructificaron e nos que o profesor España acaparou o afecto e agradecemento de todos os que o coñeceron e conviviron con él.



Xosé España ao piano


O profesor España é un músico exemplar, con 16 anos xa formaba parte da Banda de Taragoña, aos 18 tocaba na da Escola Naval de Marín; por oposición pasou á Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela e cando decidiu marchar alén do mar, na de Caracas e os Teques (tamén en Venezuela). Dirixiu coros e agrupacións musicais nese mesmo país onde continuou a súa formación.

Logo de 18 anos en América a morriña fixo que voltara a Galicia para continuar aquí co importante labor musical que levara a cabo nese tempo. Xosé España creou seis bandas de música, unha en Venezuela e as outras cinco en Taragoña, Boiro, Negreira, Santa Comba e Mazaricos e no ano 2006 o Grupo de Musica antiga Menestreis en Cespón (Boiro) empregando réplicas de instrumentos medievais e renacentistas.

Tamén é un compositor moi prolífico de cancións, composicións para piano, Cámara, Orquestra e Banda. No ano 2009 a Consellería de Educación e O. U. da Xunta de Galicia e a Asociación Cultural e Musical Menestreis publicaron un libro e un CD coas máis importantes obras de José España, nel manifesta que “ Nunca esperei chegar tan lonxe, aínda que traballei arreo para conseguilo” e certamente, ademáis dun gran músico é un traballador exemplar.

A relación afectuosa que sempre mantivo co seu alumnado e as persoas que o coñecían fan que a pesar do tempo transcurrido dende a súa estancia en Negreira a admiración, agradecemento e afecto así como a importante labor no campo musical contribuiron a que os organizadores do Certamén de Bandas de Música Popular deste ano e o Concello de Negreira lle adiquen a Xosé R. España Lorenzo esta merecida homenaxe na que actuarán as bandas de Rianxo, Arteixo e a Ateneo de Negreira .


Coa Banda Xuvenil do Concello de Negreira





sábado, 10 de septiembre de 2016

O BARCO DE CANDUCHO






Romería da Barca
 

Hoxe ten un porto moderno onde as embarcacións se protexen dos fortes ventos que no inverno baten con forza no mar e nas penas e peneiran  ás gaivotas que fuxen  buscando refuxio nas rochas do Corpiño. O moderno malecòn luce un fermoso paseo e ata as embarcacións deportivas teñen alì acougo.

Daquela cando se aproximaba a treboada os barcos fuxían cara  dentro da ría para refuxiarse na Ponte do Porto ata que os ventos amainaban. A vida dos mariñeiros era moi dura e as mulleres vestían de negro, eran unha excepción as que non perderan alguén nas profundidades do Canto, onde se dirixían a botar as redes para buscar o sustento. Alguns días as familias agardaban no peirao baixo a chuva cos nenos pequenos ao abrigo dos mantelos mentres as embarcacións subían e baixaban sobre as augas traendo a ledicia aos seus, que comprobaban  que atracaban sen novidade.

Aquela noite o temporal chegou sen avisar, como tantas veces, e os barcos víronse obrigados a quedar no porto. Pola mañá era difícil camiñar polas rúas, o vento impedía avanzar e a auga caía como se a botaran cun xarro. Dende a fiestra vimos o barco, o máis grande de todos, sobre as rochas do Campo da Cruz. Romperan as amarras e foino levando o mar cara ese lugar. Polo nome soubemos que era o de Canducho. E agora, dicíamos, como farán para poder sacalo...! Pouco a pouco o mar comezou a batelo contra as pedras, unha e outra vez coma se fose de papel. Primeiro foi o casco de madeira o que empezou a esnaquizarse, logo virou sobre o lado de babor e a forza das olas continuou o machaque da ponte e dos mástiles ata que o esnaquizou de todo.

Foi unha gran perda, para o seu dono e os mariñeiros que formaban parte da tripulación, unha máis para o pobo de Muxía.

Estes días celebran a festa da Virxen da Barca e os romeiros, a maioría mozos, disfrutarán das verbenas na explanada que xa foi deseñada para  abrigar as casas do temporal. Milleiros de persoas chegan ao santuario nas beiras do mar bravío a mover a pedra de abalar, hoxe mutilada pola forza do último temporal, pasar a pedra dos cadrís ou disfrutar da forza do mar que segue a puir as rochas convertindo a auga en milleiros de burbullas brancas cruzadas polas gaivotas.


Canta xente...canta xente
Por camiños e por veigas!
Canta polo mar abaixo
Ven camiño da ribeira!!

.................
Xa Rosalía de Castro en Cantares Gallegos (1863 )  adicaba un poema á Virxen da Barca e en fermosas estrofas loubaba a beleza das mulleres que dende os máis diversos lugares de Galicia  acudían á festa para das as grazas ou buscar a protección da santa.

Ramo de frores parece
Muxía a das altas penas
Con tanta rosa epallada
N ´aquela branca ribeira...
...............

Cando se coñece a dura vida dos homes do mar e as desesperadas situacións nas que parece que todo se acaba, enténdese que ata os máis fortes sintan que só unha forza sobrenatural poda rescatalos. Os exvotos colgados na basílica da Barca son refrexo de situacións extremas vividas polos mariñeiros.



Exvoto no santuario