miércoles, 19 de diciembre de 2018

NA LEMBRANZA






TEMPO DE SAUDADE

Quen escoitará nas sombras 
o son da miña voz perdida
no clamor pairado dos suspiros?

Quen, invisibel á morte,
agardará toda a esencia do meu ser
para amalo máis alá da morte?

Quen, na quedanza das tardes, soñará
un crepúsculo de cousas xa deixadas,
miñas vellas e fideles escrituras,
os meus nostálxicos retratos esquecidos...?


En que rosto esbarará
a cálida dozura dunha bágua
a caer sobre un aroma de recordos
cando a sombra do meu ser sexa tan só
un epitafio de soidade e de brancura?

Dos longos camiños do silencio,
abrollará no tempo algún fulgor
dende o río da miña ausencia sen retorno...?


X. Manuel López Gómez "Ardeiro"
O MATIZ ESMERALDA DA SOMBRA