lunes, 27 de julio de 2015

GALLAECIA



 
XVIII Bienal de Cerveira

 Vilanova de Cerveira está aí mesmiño, na raia de Portugal, ben protexida polo baixo Miño que amaina no Océano entre praias e áreas naturais das dúas beiras. Un espello no que mirarse porque é un exemplo de convivencia do antigo e o moderno; á sombra dos seus magnolios, unha conxunción que se estende dende a Escola de Arquitectura e Deseño "Gallaecia" ata o histórico edificio que acolle á exemplar Biblioteca Municipal.

Como cada ano celebra a Bienal de Arte Moderno e xa vai na XIV edición. Unha exposición que baixo o lema “Ollando o pasado para construír o futuro “ espállase por diversos lugares da Vila e polas veciñas localidades de Caminha, Paredes de Coura e a galega de Tomiño. Unha identificación dos saberes e tradicións da rexión, para presentar solucións de identificación contemporánea conducentes a unha aposta polo diálogo dos artistas creadores coa historia e o coñecemento dos medios onde se inscriben xeográficamente”

Porque saben que a utilidade da Historia é poder analizar e entender a realidade na que vivimos, axudar a darlle unha correcta solución aos problemas e buscar alternativas para un desenvolvemento social equilibrado.




THE SCRATCH









Este fermoso núcleo poboacional, capital dun concello de algo maís de 8.000 habitantes, debera ser visita obrigada desde esta beira do Miño, para arquitectos e urbanistas, xornalistas, políticos, cidadáns (especuladores, non) ou turistas que pretendan atopar un lugar de estancia pracenteira. Dende a fundación desta vila nova, en 1321, soubo evolucionar ata se converter nun foco que irradia modernidade na súa contorna, dende o profundo respeto ao seu pasado que lle serve para proxectar o futuro.










(Fotos López Tuñas)






jueves, 23 de julio de 2015

AS FESTAS DE SAN MAURO



Procesión de S. Mauro-Negreira 1910


A vida económica e social do noso pobo estivo durante séculos vencellada ao Pazo do Cotón, que deu  nome  ao núcleo de poboación que xurdeu na súa contorna, con construccións adicadas a comercios e tabernas que atendían aos labregos que dende toda a comarca de Barcala acudían ás feiras de gando e productos agrícolas o primeiro e terceiro domingo de cada mes e os días 25 de maio e 1 de novembro.

O incremento das rendas percibidas polos donos do pazo, durante a segunda metade do século XVIII, como consecuencia do excedente agrícola que se produciu en Galicia, deu lugar a un importante cambio da súa fisonomía, dotándoo de ese aspecto de fortaleza militar que hoxe ten  así como  da fermosa capela comunicada mediante o  Salón dos Arcos, que se estende sobre o que era antigo camiño real que conducía aos viaxeiros ás terras de Fisterra.

Cando entredes pola porta grande da Capela fixádevos  no seu lintel e veredes  que está consagrada á Virxe do Carme e a San Mauro (Amaro) e as  imaxes forman parte do fermoso retablo; por eso as dúas primeiras rúas que se abriron na Vila, para dar acubillo aos comercios e vivendas dos primeiros indianos que a finais do século XIX e comezos do XX retornaban de Cuba, levan aínda hoxe o nome de Carreira de San Mauro e Rúa do Carme.

As festas na honra de San Mauro, acadaron sona en toda Galicia e, grazas aos fotógrafos da localidade Alguero Penedo e José Rubira, quedounos constancia da fastuosidade con que se celebraban os festexos adicados ao santo abade, discípulo de San Bieito, organizados pola cofradía que tiña a súa sé na vivenda que hoxe ocupa unha farmacia na rúa que leva o seu nome.



Carreira de San Mauro-1990

A LENDA

O ilustre escritor e un dos fundadores da Real Academia Galega, Uxío Carré Aldao, publicaba o 4 de xuño de 1922 unha páxina no xornal El Ideal Gallego co título LAS FIESTAS DE SAN MAURO EN NEGREIRA, reflectindo tamén unha parte da Historia da terra de Barcala, que formou parte da desaparecida provincia de Santiago, e que estaba formada por 20 parroquias con 796 veciños dependentes do Conde de Altamira.

Logo de loubar a importancia dos festexos adicados a San Mauro (Amaro) explica o escritor que a súa lenda é unha das marabillosas narracións que a través da Idade Media procede das ficcións célticas cristianizadas. A maís popularizada é a de “O monxe e o paxariño” que a través das Cantigas de Afonso X "O Sabio" - a 103- relata “ Como Santa María fai estar ao monxe 300 anos escoitando o canto dos paxariños porque lle pedía que lle mostrase o ben que se atopaban os que estaban no Paraiso, coa vida eterna sen límites nin conciencia do tempo o que non pode suceder cos goces humanos aquí na terra”.

Amaro (Mauro de Anjou), varon de familia noble, repartiu as súas riquezas en favor dos máis pobres, fundando hospitais, asilos e conventos, partindo nunha nave na busca do lugar onde se atopaba o Paraíso. Chegando a un porto seguro e solitario onde unha voz interior díxolle que aquel fermoso lugar era o tan esperado; encargou á tripulación que agardase a súa volta, e acompañado do seu báculo sen provisión algunha partiu coa confianza de que Aquel que provee de alimento aos paxariños non deixaría sen sustento a tan devoto servo.

Despois de moito camiñar e tras moitas dificultades o peregrino chegou a uns cumios que parecían perderse nas nubes, cunha fermosa planicie na que se erguía un muro cunha gran porta de ouro e pedras preciosas que facían que os raios do sol se descompusesen en milleiros de cores.

Chamando co báculo e co máis santo respeto, tras unha mirilla que parecía de delicado encaixe apareceu o rostro dun venerable ancián, que con aspecto severo e non desprovisto de dozura, preguntou a Amaro quen era o atrevido mortal que ousaba chamar a aquela porta turbando a paz e o silenzo de tan santa mansión.

Díxolle o seu nome e o fin que o guiara, pedindo humildemente autorización para entrar, aínda que fora por un instante, naquel lugar do Paraíso; replicoulle o ancián que era nada menos que o patriarca Enoch, que eso era imposible, pois ningún ser en carne mortal poderían entrar ao lugar onde moraban os xustos e benaventurados, que desandara o camiño, pois xa era dabondo con ter visto o que xamais ollos humanos contemplaran.

Foron tantos os rogos e a clemencia do piadoso Amaro que movido de piedade o patriarca outorgoulle o don pedido pero aínda non ben aplicada á vista á "mirilla" ordeoulle que se alonxara, argumentando que  xa estivera mirando bastante tempo. A marabilla da groria foi para el unha visión rápida e dirixiuse de novo en busca da nave, atopando no seu lugar un porto con moitas embarcacións, unha grande e populosa cidade cunha igrexa no medio dos caseríos e unha considerable multitude que se dirixía por mar e terra ata a urbe.

Mesturouse coa xente e ao preguntar a quen estaba adicada tan fermosa igrexa, repostáronlle que igual que a cidade a San Amaro, un santo peregrino que facía 300 anos chegara a ese porto, internándose polo interior do país e do que nunca xamais volveu a terse noticias. A tripulación, cumprindo as súas ordes, seguiu agardando e ela foi a que puso os cimentos da cidade, adicándolle unha igrexa na honra do santo que según se demostrou ao longo dos anos  fixo moitos e importantes miragres. Por iso, cada ano, celébranse na mesma grades festas e regocixos tributándolle ao santo varón testemuñas da súa gratitude con solemnidades relixiosas.

Así, relata Carré Aldao, Amaro comprendeu a grandeza do poder e sabiduría de Deus, que lla amosou  no que el pensara  era un so instante.

As lendas de ”O monxe e o paxariño” e a de “Amaro o pelegrín” que son coñecidas deste xeito en Galicia, teñen analoxía con outras semellantes de autores clásicos como Homero e Heredoto ou coa que conta Plutarco, na vida de Sertorio (151-72 a.C.).







miércoles, 15 de julio de 2015

PINTAMONAS


Algunhas autoridades europeas parece que están dispostas a defender o patrimonio urbano e monumental contra o ataque dos cenutrios. Unha turista foi detida en Roma pola policía por tallar as súas iniciais nunha das pedras do Coliseum e, a finais do ano pasado, outro foi multado con 20.000 euros por algo parecido. Estas actitudes incívicas de emporcar as paredes das cidades e deteriorar os monumentos non son nada novo. Hai anos, nunha viaxe á Illa da Toxa, un exército de “guiris” afanábase en rotular o seu nome nas cunchas que cubren a fermosa capela. A miña filla, que daquela tiña cinco anos, preguntounos se ela tamén podería facer o mesmo. A resposta foi rápida:

-Non se pode, porque se deterioran os monumentos.
-E logo porque algúns o fan?
-Porque son uns ignorantes.
Unha señora que estaba tutorando a varias grafiteiras berrou:
-Niña...que ezte zeñó te eztá llamando ignorante..!
Disculpe, señora, resposteille, non me refería a ella sinó a todos ustedes, especialmente a los adultos.


Praza de Lugo- A Coruña

 Nas pasadas eleccións locais, na Praza de Lugo da cidade herculina, un concelleiro repartía folletos pedindo o voto, fixenlle unha foto á cabina telefónica que tiña ao lado e pregunteille se eso non entraba no Programa. Puxo cara de non entender e seguiu repartindo papeis.

Nos últimos anos o deterioro dalgunhas cidades resulta escandaloso, sobre todo dende que os centros comerciais arruinaron as rúas céntricas e o peche de establecementos foi acompañado dun ataque grafiteiro contra as fachadas e persianas, que fan lembrar o barrio do Bronx. O casco histórico de Santiago de Compostela (Patrimonio da Humanidade) está feito un cromo e abonda un paseo pola Rúa das Orfas para tomar conciencia do problema. A cidade da Coruña, por outra banda, xa pode presumir de ter as fachadas máis emporcadas de España, transmitindo unha imaxe noxenta.

Os pobos e as cidades son unha proxección do nivel cultural dos seus moradores e tamén dos gobernantes. Os cambios que se produciron estes días nalgúns concellos terán que supor unha profilaxe urbana en todos os ámbitos.

A ver....





miércoles, 1 de julio de 2015

O SELFIE DAS ROSAS






A imaxe do xardín é sempre impecable, está tratado con mimo, co coidado que debe darse ás cousas que se valoran e se aprecian, as que precisan dunha atención contínua para ir sacando as flores secas e coidar aos novos brotes, os que amosan entre os gamallos. Logo está o rego diario, porque no verán é cando as prantas máis precisan de coidados.

Hai uns anos, a súa dona tamén puxo polo exterior unha ringleira de roseiras, pero cando renovaron as baldosas das beirarrúas, alguén mandou sacalas privándonos do agasallo que nos ofrecía o seu coidado de cada xornada.

Estes días, unha delas decidiu sair polo medio do peche a ollar o exterior. Como pode ser a percepción do mundo que ten unha rosa acostumada a sementar arrecendo e cor como agasallo dos nosos sentidos? Saiu polo medio das rellas e como recordo, sorrinte, fíxose un selfie.

Así tamén os pensamentos e as ideas, meu amigo, non se poden engaiolar, tampouco ás verbas, porque son a expresión da característica fundamental do ser humano; as rellas non son só un elemento de seguridade, tamén un impedimento e unha barreira que limita a liberdade das persoas aínda que se presente en forma de Lei.

Despois de tanto predicar a desregularización do que convén, cada xornada recibimos unha nova da regulación do expolio de dereitos  humanos e sociais, que tantos anos de loita e conquista conlevaron.

Onte no Congreso dos Deputados en Madrid, como protesta polas nova Lei de Seguridade que hoxe entra en vigor, membros de Greenpeace subíronse a unha grúa cunha pancarta que decía La protesta es un derecho. Tamén, como a rosa, retratáronse.

Decía Alfonso Rodríguez Castelao: Cando non nos deixan falar é porque alguén se está beneficiando.