martes, 19 de enero de 2021

AUTOXESTIÓN FUTBOLÍSTICA



Chicho Vázquez, Fadeville, José Ramón, Paco Freire, Manolito Giraut e Rafaelito  .Diante: José Victor, Chacho do Fogueteiro, Andrés, Freire de Negreiroa, Xoan e Pepito. 

Esa tarde xogaban no campo de Futbol de San Mamede no veciño concello de A Baña contra unha selección da parroquia, foron camiñando dende a vila e así de decididos posaron para a fotografía. De vez en cando e a través de algún coñecido acordaban outro encontro contra os de fóra. Dime José Ramón que a alineación facíase por “selección natural” é dicir, os peores xa sabían que tiñan que deixarlle o posto aos que mellor xogaban e esperar a ocasión de ir participando pouco a pouco.

Ás veces decidían xogar en lugares máis alonxados nos municipios veciños: Seoane ou aínda máis lonxe, Brión ou Ames por iso trataban a viaxe con Pepe de Patiño para que os levara na furgoneta:

-¿Cantos sodes?

-!Trece! 

-Vale. Poñedes tres pesetas cada un e lévovos, espero que acabedes e logo tráiovos.

Así era, aprendendo a convivir e resolver de común acordo. Tiñan doce anos e os pais atendían aos seus traballos, que bastante era; non ían, dende logo, a ocuparse do xogo dos nenos.

Pouco despois Pepe Montes comezou a organizar o Trofeo da Amistade, entre equipos das parroquias do municipio, desplazándose os rapaces nas bicicletas ou como podían. Nunha ocasión, xogando en Liñaio contra os desa parroquia foron no coche con Suso García, no Seat 1500 que lle prestou seu pai, aínda que naquela altura era menor de idade xa sabía conducir. Subíronse todos pero á volta foi máis complicada porque o campo era todo de terra e acabaron negros da cabeza aos pés. Tiveron que ir camiñando ata Barbazán e bañarse na fervenza do río, así evitaron estragar os asentos do coche.

O futbol era a súa afección e igual que os maiores organizábanse  entre eles, cos amigos da escola e co resto dos veciños que pola semana se xuntaban a entrenar na Praza do Cotón. Xuntarse e organizarse e resolver os problemas que poideran xurdir era o cotiá, por iso foron madurando e aprenderon a asumir as súas responsabilidades. Na vida familiar, na laboral e nas relacións sociais. Algúns xa non están e otros xa atenden aos seus netos.

Ás veces coméntase o exceso de proteccionismo que algúns pais adoptan na educación dos fillos e do dano que lles producen para o seu desenrolo educativo, velaí o importante que é dende pequenos empezar a ser responsables, un valor que se adquire e constrúe a base das experiencias e das relacións sociais.