sábado, 21 de enero de 2012

GLOBOS


Fotograma de Le ballon rouge


          Decir que dende neno sentín fascinación polos globos non resulta nada excepcional, porque a todos os nenos lles gustan os globos de cores. Azuis, vermellos, amarelos, brancos que máis da,  porque son lixeiriños, suaves, grandes e para os picariños cheos de nada. Recordo que mos tiñan que inflar  porque era moi difícil  para un rapaz  tan pequecho.

          Os globos acompañáronme sempre, toda a miña vida  foi un encher globos de cores, coa imaxinación, coa espranza, cos afectos e coas tristuras. O futuro sempre se converteu nunha colección de globos  que ían a máis según camiñaba, inflaban, subían e,  ás veces, estalaban na faciana quedándose nun bluf. De cando en vez  non faltaron tampouco  os estoupadores que se adican a meterlle o alfinete.
        
       Algúns  foron unha auténtica ledicia, porque aparecían nos momentos mais vitais; aínda me lembro cando en Negreira pasamos a ter unha segunda fábrica de soños: o Cine Gran Vía. O primeiro que se proxectou naquela inmensa pantalla de Cinemascope foi o marabilloso documental O Globo Vermello, de Albert Lamorisse.

       Pero  tamén foi pasmo: ¿Alguén de vós presenciou algunha vez o despegue do Globo de Betanzos, esa mole de 25 m de alto que nun mar de  milleiros de persoas, erguéndose na noite do 16 de agosto, dende o ano 1875,  levando consigo todo un ano de traballo e de vida desa fermosa cidade galega?. Se nunca fóchedes, facédeo  este ano, paga a  pena.

      O meu destino foi pasar a vida ao redor dun globo terráqueo con rapaces e rapazas, estudando a súa pel, as súas engurras, as súas xentes e historias, e disfrutar cando comprobas que lles gusta.

Pero sen dúbida,os máis fermosos de todos son os numerosos  globos cheos de Luz que sempre levo comigo,  dende aquel primeiro día en que chegaches e comezamos a camiñata xuntos, coa compaña dos nosos fillos.


         ¡De seguro!