domingo, 6 de septiembre de 2015

III - O PAN DE TODO O ANO




                                                      Hórreo barcalés-Negreira                         (Foto López Tuñas)


Dicía Castelao que o hórreo era “ unha ucha sacra na que se garda o pan de todo o ano” pois a súa función é almacenar, secar e conservar o millo.

Aínda que este cereal non chegou de América ata o século XVII, momento de gran expansión económica que propiciou que este típico almacén de gran se expandira por toda a xeografía galega, a súa orixe remóntase aos períodos prehistóricos. Ata a Idade Media existía un hórreo comunal en cada lugar, onde se almacenaba o maínzo ou millo miudo que máis tarde foi sustituido polo novo cereal procedente do continente americano.

Miniatura nas Cantigas de Santa María-S.XIII
Segundo recolle o escritor Manuel Caamaño Suárez no Caderno nº 9 do Museo do Pobo Galego, no ano 1988 estimábase que había en Galicia 3.500 hórreos.
Téñense feito moitas clasificacións da súa tipoloxía, atendendo á pranta, materiais e elementos construtivos pero a máis completa de todas é a que Ignacio Martínez Rodríguez recolle no seu estudo El hórreo gallego, distinguindo un total de 18 modelos distintos co nome das zonas da súa implantación.


O barcalés ou mahián é o máis común na nosa comarca, coa cámara sostida por cepas ou muros transversais e co armazón construído con trabas costais de madeira, o tellado a dúas augas e a porta nun dos penais. E o fisterrán nas zonas máis cerca da costa.



Hórreo fisterrán-Pesadoira-Negreira


Este hórreo de pedra esténdese pola zona costeira e cara o interior nunha franxa duns 20 Km de ancho. Polas duras condicións climatolóxicas, chuvia e vento, precísase que sexan materiais duradeiros e consistentes. A sustentación de cámara rectangular é de esteos (columnas de cantería) coroados por tornarratos, e a cámara de pedras de tamaño variable con ocos para a ventilación.

  O claro, que é a equidistancia entre un soporte e o seguinte, chámaselle tamén tullo. O número de claros expresa moi ben o poderío económico da casa á que pertence.

O hórreo é unha das construccións máis singulares da arquitectura popular galega e xunto co muíño un elemento fundamental para os habitantes do medio rural, pola importancia do pan na alimentación e na nosa cultura.



Broa ou pan de millo (Foto Panadería Xallas)




Hórreo en Covas



Hórreo de Carnota









No hay comentarios:

Publicar un comentario