viernes, 25 de septiembre de 2015

A HABANA - RENACE O CENTRO GALEGO





O pazo do Centro Galego da Habana, un dos monumentos máis importantes da capital, situado no Parque Central ao lado do Capitolio, está a ser totalmente rehabilitado dentro do programa de recuperación da zona antiga da cidade. Fachada, instalación electrica e climatización, artesonados e outras  dependencias. Unha recuperaciób respetuosa coa obra inicial.

O Centro Galego, inaugurado en 1914, e construído polos nosos emigrantes con pedra levada da canteira lucense de Parga é todo un símbolo para Galicia, pois foi nese emblemático edificio onde centos de galegos autodidactas, coa mirada posta nos que aquí quedaban, puxeron en marcha un ambicioso proxecto que pretendía acabar co atraso cultural da sociedade galega da época. Suplindo o papel que lle correspondía ao Estado: a creación de centos de escolas, elaboración de programas didácticos e financiamento dos mestres. Moitos dos que alí se xuntaban, constituídos en mecenas, tamén se interesaron por introducir importantes melloras nas localidades de orixe, que aínda hoxe constitúen  un exemplo no que mirarse. No teatro do Centro Galego estreouse, no ano 1907, o Himno de Galicia.



Hoxe o fermoso edificio acolle ao Ballet Nacional de Cuba e nunha pequena dependencia ás  sociedades comarcais que aínda subsisten, malia as dificultades económica e grazas ás pequenas axudas que a Xunta de Galicia anualmente lles envía.            

Inesquecible a viaxe que realizamos algo máis medio cento de veciños, acompañados polos alcaldes de Negreira, a Baña e Val do Dubra para asistir, xunto cos nosos paisanos alí residentes, á conmemoración do Centenario da Unión Barcalesa da Habana e celebrar a venturosa data no ilustre salón do Centro, baixo a atenta mirada de Castelao que sorría compracente dende o cadro que presidía a estancia. Alí comprobamos a maxestuosidade de tan emblemático edificio.

O actual Presidente da Unión Barcalesa da Habana, Manuel Rodríguez Barreiro, envioume estas fotografías amosándonos a súa ledicia pola recuperación deste fermoso pazo que será sempre  unha parte de Galicia en Cuba. Tamén fala das dificultades que están a atravesar para manter en pé á sociedade decana das barcalesas que o día 1 do vindeiro mes de novembro cumprirá xa o seu 108 aniversario. Deles depende tamén o Panteón que, no Cemiterio de Colón, acolle os restos dos barcaleses que nunca voltaron á terra.

As asociacións comarcais que hoxe aínda sobreviven no extranxeiro son tamén un patrimonio que hai que conservar, un exemplo para unha comunidade que, de novo, volve a expulsar aos seus, e que precisa dunhas políticas axeitadas que corrixan os problemas estruturais que arrastra e para o que é necesaria a implicación directa dos propios interesados.





O escudo de Galicia preside a entrada principal







           FOTOGRAFÍAS : Manuel Rodríguez Barreiro









No hay comentarios:

Publicar un comentario