lunes, 30 de abril de 2018

CONCELLO DE NEGREIRA: AS TRECE CASAS CONSISTORIALES







A sede actual do Concello de Negreira foi trasladada ao edificio da antiga cárcel na Rúa do Carmen no ano 1982 sendo Alcalde José D. Vidal Martínez, cambio que non estivo ausente de polémica polo enfrontamento cos demais rexidores do Partido Xudicial, durante as negociacións para adquisición do edificio do que Negreira era copropietario, propiciando que na visita que o presidente da Xunta de Galicia, D. Gerardo Fernández Albor, se negara a ser recibido na actual Casa Consistorial a petición dos outros catro Alcaldes polo que tivo que facerse o acto oficial no Centro Municipal de Bacharelato.(1)
Este foi o decimoterceiro cambio que sufriu a Casa Consistorial ao longo da súa Historia, tantos como membros ten a Corporación Municipal na actualidade.

Os actuais concellos son froito da Constitución de Cádiz do ano 1812, que nos artigos 309 e 310 (Título VI, Cap. I) recollen que para o goberno interior dos pobos haberá axuntamentos nos que non o teñan e que por si ou coa súa comarca cheguen ás mil almas, pero nos dous anos seguintes non poideron ser constituídos pola Guerra da Independencia contra os invasores franceses.(2)

Tampouco nos outros seis, pois ao regreso de Fernando VII de Francia, onde fora retido por Napoleón, implantou o Absolutismo, suprimiu a Constitución e volveu a restaurar os antiguos señoríos e o Tribunal da Inquisición, así como outras medidas anteriores á aprobación da Carta Magna.

-Coa sublevación do Coronel Riego en Cabezas de San Juan (1920) o Rei é obrigado a xurar a Constitución e durante o chamado Trienio Liberal, no ano 1821 créase o Concello de Barcala, formado polas parroquias actuais de A Baña e Negreira. No 1836 dívídese, formando o de A Baña e o de Aro. Situándose a capitalidade deste último na referida parroquia onde permaneceu durante catro anos.(3)

O avogado e escritor Xulián Magariños, nun artigo publicado no xornal comarcal La Voz de Barcala en xaneiro de 1934 recolle todos os traslados da Casa do Concello que se produciron a partir da creación do Concello de Aro, que foron froito da convulsa situación política de España nos séculos XIX e comenzos do XX e que se reflectiron na localidade cos enfrontamentos entre os conservadores e os liberales (4).

-O 20 de outubro de 1840 coa caída dos conservadores e a marcha da Raíña Nai, accede o Xeneral Espartero á Rexencia, producíndose tamén un cambio no Concello entrando a gobernar D. Roque Ferreiro Hermida, administrador do Pazo do Cotón, propiedade do Conde de Hervias, e instalando as oficinas municipais no Pazo.

-A sede municipal na Vila durou só un ano pois en novembro do 1841 trasladouse de novo a Corporación a Aro, ao edificio propiedade de Cipriano Pais, cunha renda de 240 reais.

- No ano 1849, coa insistencia de D. Roque Ferreiro por recuperar a capitalidade retornou de novo a Negreira, instalándose xunto co Cuartel da Guardia Civil no edificio da súa propiedade situado nun extremo da Rúa do Carmen.

-Ao seguinte, no 1850, o Concello restablécese de novo en Aro, onde permaneceu durante catro anos.

Casa do Concello no Pazo

-En agosto do 1853, ao ser Negreira cabeceira do Partido Xudicial dese nome que fora creado o 21 de abril de 1834, solicítase ao Goberno Civil da provincia un novo traslado, informado positivamente pola Corporación Municipal presidida por D. Domingo Maceiras, coa finalidade de que a capitalidade xudicial coincidira coa municipal e que adoptara o nome de Concello de Negreira, co mesmo nome do Partido, sendo comunicada a aprobación o 26 de xullo polo Ministro da Gobernación, fixándose a súa ubicación no Pazo do Cotón. A partir desa data  pasou a denominarse Concello de Negreira. Posteriormente e froito dos avatares políticos  seguiu sufrindo outros cambios.

-Coa caída de O´Donnell en 1866, tamén cae o xefe local D. Roque Ferreiro tomando o poder o representante dos moderados de Narváez D. Antonio Fabeiro Gorgal, destituíndo aos funcionarios municipais e nomeando alcalde a D. Francisco Calviño, acordando un novo traslado ao Edificio da Cárcel (Rúa do Carmen) pois como consecuencia da supresión do Xulgado de Primeira Instancia atopábanse libres as súas dependencias.

-Cinco anos máis tarde, no 1872, ao ser reposto de novo o Xulgado, a Corporación Municipal presidida polo Alcalde D. Francisco Antonio Rey tomou o acordo de voltar ao Pazo do Cotón, decidindo co que era xa dono do mesmo D. Roque Ferreiro Hermida, que o tiña mercado por 14.000 escudos, o seu arrendamento tamén por 240 reais.

-Pero no 1884, coa chegada ao poder de Cánovas del Castillo, D. Roque perdeu o control político do Concello asumíndoo de novo D. Antonio Fabeiro Gorgal, trasladando as oficinas municipais ao seu domicilio no Camiño da Igrexa.

-O 23 de novembro do 1885, ao producirse a morte de Alfonso XII e a caída de Cánovas del Castillo, accede ao Goberno de España D.Práxedes Mateo Sagasta coa conseguinte perda de poder de D. Antonio Fabeiro Gorgal sustituíndoo de novo no mando D. Roque que levou outra vez as oficinas municipais ao seu Pazo onde permaneceron durante 41 anos.

-Como consecuencia da Dictadura do Xeneral Primo de Rivera suben ao poder municipal os Agrarios co alcalde Manuel Ruso Alonso ao frente e trasladan, no ano 1927, as oficinas do Pazo á Rúa da Cachurra, á vivenda propiedade de D. Francisco Leis.


Carreira de San Mauro


-No 1933, durante a II República, sendo alcalde D. Victoriano Fabeiro ubícase o Concello no edificio adquerido ao efecto na Carreira de San Mauro, onde está a actual Casa da Cultura, permanecendo alí durante 49 anos, ata que foi trasladado de novo as actuais dependencias na Rúa do Carmen, antigo edificio da Cárcel e do Xulgado de 1ª Instancia de Negreira no ano 1982.(5)




FONTES DOCUMENTAIS :

(1)-La Voz de Galicia . 11,12 e 16 de maio de 1982.

(2)-Constitución Política de la Monarquía Española Promulgada en Cádiz a 19 de Marzo de 1812.Editorial Maxtor. Valladolid.

(3)-Xosé Fariña Jamardo : Os concellos galegos. Tomo VI .Fundación Barrié

(4)-Xulián Magariños Negreira. Un home da Época Nós. X. Amancio Liñares Giraut e Blanca Ana Roig Rechou. Edicións do Castro.

(5) Libros de Actas de Plenos. Concello de Negreira





miércoles, 25 de abril de 2018

A LIBERDADE É UNHA COMETA....





Para conmemorar o quinto aniversario do pasamento do escritor, economista e intelectual JOSÉ LUIS SAMPEDRO celebrouse o pasado 3 de abril na Biblioteca que leva o seu nome, no madrileño barrio de Chamberí, un fermoso acto presentado pola súa viuda Olga Lucas. José Luis ademáis de brillante novelista foi un intelectual lúcido e comprometido que comparaba á libertade das persoas coas cometas.

A cometa foi un dos xoguetes preferidos dos rapaces doutra época. Para a súa construcción, daquela os Reis Magos viñan unha soa vez e non para todos, había que dispor dos materiais: cumpría conseguir unha cana de escoba para fabricar a estructura con todos os elementos dispostos xeométricamente, botar varios veráns á caza dos tutos dos foguetes que os días de festa caían do ceo, en competición co resto dos compañeiros; deses tutos sacábase o cordel que forraba o recipiente da pólvora para ir envolvéndoo nun pau. Da cantidade de cordel dependía logo que a cometa voara máis ou menos alto. Para a construcción, unha vez cuberta con papel de celofán de cores, cumpría colocarlle os tirantes e o rabo, tamén de fragmentos de papel amarrados ao longo del.

O proceso de fabricación das cometas precisaba dunha habilidade e unha constancia da que non dispoñían todos os rapaces. Pero a liberdade humana requeriu dun proceso moi longo, séculos e séculos de sometemento da maioría das poboacións á tiranía das clases máis poderosas. Millóns de persoas que sacrificaron as súas vidas e tremendos sufrimentos para conquerir ese dereito fundamental recollido nos Principios da Revolución Francesa: Liberté, Egalité, Fraternité. E logo na Declaración Universal dos Dereitos Humanos, aínda que na maioría dos países non se teña  hoxe.


QUE VOA SI ESTÁ ATADA





Dicía J. Luis Sampedro que si lanzas a cometa ao aire non voa pero si a atas resistirá ao vento e subirá. O cordel é a libertade responsable frente aos demais, porque os dereitos das persoas rematan onde comenzan os dos outros. A base da democracia consiste en elaborar unhas leis entre todos e logo alguén que as faga cumprir. Os dereitos e as obrigas son un matrimonio indisoluble, si non cumpres coas leis os dereitos pérdense. É a corda que fai que a liberdade poida acadar cotas cada vez máis elevadas.


As consecuencias da política dos modernos “libertarios” que só pretenden os seus dereitos, hai que buscalas na Historia dos anos trinta do pasado século e a axuda indirecta que supuxo para rematar coa democracia que os sectores máis ilustrados da nosa sociedade pretenderon construír.


Nós, dicía o tamén membro da Real Academia Española de la Lengua, temos que educar en contra da mala educación que nos dan. Educación para formarse e non para a eficacia.  








martes, 17 de abril de 2018

POEMAS DE MANUEL RODRÍGUEZ





O pasado 8 de marzo o Concello de Negreira adicaballe o Día da Muller Traballadora a Sofía Rodríguez, nun acto de homenaxe á muller que finou un mes antes de que se lle tributara tan merecido recoñecemento, a que pasou a súa vida educando aos máis pequenos. Case un mes despois finaba tamén a súa irmá Carmiña.

Ese día contabamos como todos os irmáns axudaban na labor docente da Escola da Revisora: Purita, José autor dos poemas que publicamos neste Blog hai agora un ano e Manuel, aquel mozo que polo verán nos ensinaba  Xeografía no mapa que debuxaba no campo e que xa ten superado as nove décadas dunha vida chea de fortalezas. Hoxe remitiume unha ducia de poemas do seu libro Anduriñas nos que reflicte a nostalxia de vivir lonxe da súa terra. Recollo eiquí un deles, en homenaxe a esta querida familia.





Nin chorando nin xemindo

Alexeime dos teus campos
dos teus ríos e das fontes,
de ise ceiño estrelado,
de isa quietude da noite;
de ises ventiños norteiros
que veñen afusquiñados,
coma fuxindo dos demos
para quedar no chan sagrado .

Das augas moinas que caen
e regan os teus encantos
docemente, aloumiñando
coma facendo o miragre,
que Deus elixiu o Ceio
rincón tan privilexiado,
que vos bendice e non sei
si quedas grorificado.

Pero si sei na saudade
recoñecer a virtude
para quererche máis e máis,
e sentir esa inquedume,
dos recordos que me afrixen
cada día e cada instante,
e soio unha espranza humilde
poidera ser que me salve.

Non escoito os paxariños
que ó xurdir como amapolas
aló, de mañá moi cedo
fan chirrio entre as follas
dos carballos e ameneiros;
intras xestas e toxales
de ises montes sempre cheos
de vida por todas partes.

Non vexo os campos cas frores
que aledan o meu esprito,
que se alcontra enfermo lonxe
de ises ventos solermiños
dos que me alexei un día
e vou chorando por vida.

Pra pior desgracia miña:
¡Que lonxe deles non viva!
Quixera ser coma o trono
que espertando ós máis durmidos,
levaran aos meus saloucos
para os deixar no chan querido.

Aliviar esta tormenta
de penas que levo dentro,
e que as nubes non alexan
nin chorando nin xemindo.


                                                 Manuel Rodríguez Rodríguez