lunes, 30 de abril de 2018

CONCELLO DE NEGREIRA: AS TRECE CASAS CONSISTORIALES







A sede actual do Concello de Negreira foi trasladada ao edificio da antiga cárcel na Rúa do Carmen no ano 1982 sendo Alcalde José D. Vidal Martínez, cambio que non estivo ausente de polémica polo enfrontamento cos demais rexidores do Partido Xudicial, durante as negociacións para adquisición do edificio do que Negreira era copropietario, propiciando que na visita que o presidente da Xunta de Galicia, D. Gerardo Fernández Albor, se negara a ser recibido na actual Casa Consistorial a petición dos outros catro Alcaldes polo que tivo que facerse o acto oficial no Centro Municipal de Bacharelato.(1)
Este foi o decimoterceiro cambio que sufriu a Casa Consistorial ao longo da súa Historia, tantos como membros ten a Corporación Municipal na actualidade.

Os actuais concellos son froito da Constitución de Cádiz do ano 1812, que nos artigos 309 e 310 (Título VI, Cap. I) recollen que para o goberno interior dos pobos haberá axuntamentos nos que non o teñan e que por si ou coa súa comarca cheguen ás mil almas, pero nos dous anos seguintes non poideron ser constituídos pola Guerra da Independencia contra os invasores franceses.(2)

Tampouco nos outros seis, pois ao regreso de Fernando VII de Francia, onde fora retido por Napoleón, implantou o Absolutismo, suprimiu a Constitución e volveu a restaurar os antiguos señoríos e o Tribunal da Inquisición, así como outras medidas anteriores á aprobación da Carta Magna.

-Coa sublevación do Coronel Riego en Cabezas de San Juan (1920) o Rei é obrigado a xurar a Constitución e durante o chamado Trienio Liberal, no ano 1821 créase o Concello de Barcala, formado polas parroquias actuais de A Baña e Negreira. No 1836 dívídese, formando o de A Baña e o de Aro. Situándose a capitalidade deste último na referida parroquia onde permaneceu durante catro anos.(3)

O avogado e escritor Xulián Magariños, nun artigo publicado no xornal comarcal La Voz de Barcala en xaneiro de 1934 recolle todos os traslados da Casa do Concello que se produciron a partir da creación do Concello de Aro, que foron froito da convulsa situación política de España nos séculos XIX e comenzos do XX e que se reflectiron na localidade cos enfrontamentos entre os conservadores e os liberales (4).

-O 20 de outubro de 1840 coa caída dos conservadores e a marcha da Raíña Nai, accede o Xeneral Espartero á Rexencia, producíndose tamén un cambio no Concello entrando a gobernar D. Roque Ferreiro Hermida, administrador do Pazo do Cotón, propiedade do Conde de Hervias, e instalando as oficinas municipais no Pazo.

-A sede municipal na Vila durou só un ano pois en novembro do 1841 trasladouse de novo a Corporación a Aro, ao edificio propiedade de Cipriano Pais, cunha renda de 240 reais.

- No ano 1849, coa insistencia de D. Roque Ferreiro por recuperar a capitalidade retornou de novo a Negreira, instalándose xunto co Cuartel da Guardia Civil no edificio da súa propiedade situado nun extremo da Rúa do Carmen.

-Ao seguinte, no 1850, o Concello restablécese de novo en Aro, onde permaneceu durante catro anos.

Casa do Concello no Pazo

-En agosto do 1853, ao ser Negreira cabeceira do Partido Xudicial dese nome que fora creado o 21 de abril de 1834, solicítase ao Goberno Civil da provincia un novo traslado, informado positivamente pola Corporación Municipal presidida por D. Domingo Maceiras, coa finalidade de que a capitalidade xudicial coincidira coa municipal e que adoptara o nome de Concello de Negreira, co mesmo nome do Partido, sendo comunicada a aprobación o 26 de xullo polo Ministro da Gobernación, fixándose a súa ubicación no Pazo do Cotón. A partir desa data  pasou a denominarse Concello de Negreira. Posteriormente e froito dos avatares políticos  seguiu sufrindo outros cambios.

-Coa caída de O´Donnell en 1866, tamén cae o xefe local D. Roque Ferreiro tomando o poder o representante dos moderados de Narváez D. Antonio Fabeiro Gorgal, destituíndo aos funcionarios municipais e nomeando alcalde a D. Francisco Calviño, acordando un novo traslado ao Edificio da Cárcel (Rúa do Carmen) pois como consecuencia da supresión do Xulgado de Primeira Instancia atopábanse libres as súas dependencias.

-Cinco anos máis tarde, no 1872, ao ser reposto de novo o Xulgado, a Corporación Municipal presidida polo Alcalde D. Francisco Antonio Rey tomou o acordo de voltar ao Pazo do Cotón, decidindo co que era xa dono do mesmo D. Roque Ferreiro Hermida, que o tiña mercado por 14.000 escudos, o seu arrendamento tamén por 240 reais.

-Pero no 1884, coa chegada ao poder de Cánovas del Castillo, D. Roque perdeu o control político do Concello asumíndoo de novo D. Antonio Fabeiro Gorgal, trasladando as oficinas municipais ao seu domicilio no Camiño da Igrexa.

-O 23 de novembro do 1885, ao producirse a morte de Alfonso XII e a caída de Cánovas del Castillo, accede ao Goberno de España D.Práxedes Mateo Sagasta coa conseguinte perda de poder de D. Antonio Fabeiro Gorgal sustituíndoo de novo no mando D. Roque que levou outra vez as oficinas municipais ao seu Pazo onde permaneceron durante 41 anos.

-Como consecuencia da Dictadura do Xeneral Primo de Rivera suben ao poder municipal os Agrarios co alcalde Manuel Ruso Alonso ao frente e trasladan, no ano 1927, as oficinas do Pazo á Rúa da Cachurra, á vivenda propiedade de D. Francisco Leis.


Carreira de San Mauro


-No 1933, durante a II República, sendo alcalde D. Victoriano Fabeiro ubícase o Concello no edificio adquerido ao efecto na Carreira de San Mauro, onde está a actual Casa da Cultura, permanecendo alí durante 49 anos, ata que foi trasladado de novo as actuais dependencias na Rúa do Carmen, antigo edificio da Cárcel e do Xulgado de 1ª Instancia de Negreira no ano 1982.(5)




FONTES DOCUMENTAIS :

(1)-La voz de Galicia . 11,12 e 16 de maio de 1982.

(2)-Constitución Política de la Monarquía Española Promulgada en Cádiz a 19 de Marzo de 1812.Editorial Maxtor. Valladolid.

(3)-Xosé Fariña Jamardo : Os concellos galegos. Tomo VI .Fundación Barrié

(4)-Xulián Magariños Negreira. Un home da Época Nós. X. Amancio Liñares Giraut e Blanca Ana Roig Rechou. Edicións do Castro.

(5) Libros de Actas de Plenos. Concello de Negreira





No hay comentarios:

Publicar un comentario