domingo, 18 de septiembre de 2016

XOSÉ RAMÓN ESPAÑA LORENZO , UN MÚSICO DO POBO




Cos seus alumnos de Negreira- 1986


Hoxe tribútaselle unha homenaxe ao profesor e compositor Xosé Ramón España Lorenzo, logo de toda unha vida adicada á música. O que foi primeiro profesor da Escola de Música do Concello de Negreira, filial do Conservatorio de Santiago  aprobada polo Pleno da Corporación o 26 de setembro de 1984, e director da Banda Infantil e Xuvenil recibirá as mostras de afecto e agarimo dos que foron os seus alumnos, algúns deles xa profesionais desta arte.

A música sempre estivo presente na comarca de Barcala, dende os primeiros gaiteiros que alegraban as festas e foliadas, como Faustino da Pena, os primeiros quintetos, como o de Agapito de Xallas, ou as diferentes bandas e orquestas. Esta actividade era na maioría dos casos un complemento para as modestas economías da comarca. Os coñecementos do solfeo e a práctica instrumental transmitíase duns veciños a outros detro dos mesmos núcleos veciñais.

O Concello de Negreira asumiu a formación musical dos máis novos e este músico de Taragoña (Boiro) foi o encargado de poñer en marcha a Escola dependente do Conservatorio de Santiago e a Banda Xuvenil. Anos de traballo e dedicación que logo fructificaron e nos que o profesor España acaparou o afecto e agradecemento de todos os que o coñeceron e conviviron con él.



Xosé España ao piano


O profesor España é un músico exemplar, con 16 anos xa formaba parte da Banda de Taragoña, aos 18 tocaba na da Escola Naval de Marín; por oposición pasou á Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela e cando decidiu marchar alén do mar, na de Caracas e os Teques (tamén en Venezuela). Dirixiu coros e agrupacións musicais nese mesmo país onde continuou a súa formación.

Logo de 18 anos en América a morriña fixo que voltara a Galicia para continuar aquí co importante labor musical que levara a cabo nese tempo. Xosé España creou seis bandas de música, unha en Venezuela e as outras cinco en Taragoña, Boiro, Negreira, Santa Comba e Mazaricos e no ano 2006 o Grupo de Musica antiga Menestreis en Cespón (Boiro) empregando réplicas de instrumentos medievais e renacentistas.

Tamén é un compositor moi prolífico de cancións, composicións para piano, Cámara, Orquestra e Banda. No ano 2009 a Consellería de Educación e O. U. da Xunta de Galicia e a Asociación Cultural e Musical Menestreis publicaron un libro e un CD coas máis importantes obras de José España, nel manifesta que “ Nunca esperei chegar tan lonxe, aínda que traballei arreo para conseguilo” e certamente, ademáis dun gran músico é un traballador exemplar.

A relación afectuosa que sempre mantivo co seu alumnado e as persoas que o coñecían fan que a pesar do tempo transcurrido dende a súa estancia en Negreira a admiración, agradecemento e afecto así como a importante labor no campo musical contribuiron a que os organizadores do Certamén de Bandas de Música Popular deste ano e o Concello de Negreira lle adiquen a Xosé R. España Lorenzo esta merecida homenaxe na que actuarán as bandas de Rianxo, Arteixo e a Ateneo de Negreira .


Coa Banda Xuvenil do Concello de Negreira





No hay comentarios:

Publicar un comentario