jueves, 11 de diciembre de 2014

DECLARACIÓN UNIVERSAL DOS DEREITOS HUMANOS



Aprobada e proclamada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas 
o 10 de decembro de 1948






ARTIGO 25

1- Toda persoa ten dereito a un nivel de vida adecuado que lle asegure, así como á súa familia, a saúde e o benestar e, en especial a alimentación, o vestido, a vivenda, a asistencia médica e os servicios sociais necesarios; ten así mesmo dereito ós seguros en caso de desemprego, enfermedade, invalidez, viuvez,vellez ou outros casos de perda dos seus medios de subsistencia por circunstancias independentes da súa vontade.

2- A maternidade e maila infancia teñen dereito a cuidados e asistencia especiais. Tódolos nenos, nados de matrimonio, teñen dereito a igual protección social.




CONSTITUCIÓN ESPAÑOLA
Do 27 de decembro de 1978


ARTIGO 47

Tódolos españois teñen dereito a disfrutar dunha vivenda digna e axeitada. Os poderes públicos promoverán as condicións necesarias e establecerán as normas pertinentes para faceren efectivo este dereito, regulando a utilización do solo de acordo co interés xeral para que se impida a especulación.
A comunidade participará nas plusvalías que nazan da acción urbanística.











domingo, 7 de diciembre de 2014

SE FOSE RICA......!





Entramos nese comercio polo medio das frores bermellas, azuis, brancas, verdes; as macetas de cristal e porcelana. Sempre é unha ledicia entrar nunha froristería, enche os sentidos. As frores agasállanse as persoas que se queren, tamén ás que xa non están. Nun lugar de España hai un país onde o día do seu patrón no canto de maltratar animais, agasállanse frores e libros. Son así.

Antonte  tamén queríamos mercar frores para recibir a un matrimonio amigo que viña á nosa casa, por iso fomos alí e achegámonos ao mostrador. A conversa soaba a preocupación e inquedanza. Dúas mulleres falaban coa que atendía o establecemento e mentres que, de costas, collía un xarrón dunha estantería  decíalles :

 “Se fosea rica quedábame sen nada, porque ía repartilo todo!”.
 
Ao darse a volta comprobamos que a bondade das persoas vese tamén na limpeza da mirada.



martes, 2 de diciembre de 2014

TARTA DE LIMÓN






Estas rapazas chegaron ao museo e, como vedes, continuaron inmersas no seu mundo virtual, como si o entorno non existise, recibindo a información que outros lle envían.

Si amasas fariña, ovos e zucre, e logo lle engades o que queiras: chocolate, améndoas ou limón, e metes todo no forno, fas unha tarta. Podes adornala co que che pareza. Cada un, ao seu gusto. Tamén podes mercala nunha confitería. Menos traballo.

Asemade podes acender a tele, escoitar o que contan e logo formarte unha idea da realidade cos ingredentes que nos facilitan e os que lle engadas. No entanto, se pertences a un partido político, telo máis fácil, xa cha facilitan elaborada.

Así, ás veces, imos construíndo o universo de cada un ou conformando unha opinión sobre as persoas, sen coñecer os elementos de xuízo, sen analizalos e sen extraer as nosas propias conclusións; vivindo tamén nun mundo virtual no que son os demáis os que facilitan os ingredentes que lles interesan. Aceptámolos e aí quedan.

Quizais por iso existen dous universos, o real e o imaxinario que é o que normalmente coñecemos.