lunes, 27 de agosto de 2018

OS CARTOS AO BANCO






Galicia é un dos poucos lugares de España no que en tempos pasados cada familia tiña o seu banco, o lugar onde se gardaban baixo chave os poucos cartos que o labrego podía xuntar coa venda dos produtos do campo ou os animais que quedaban logo do pago das rendas e os tributos. Xunto coa artesa e a hucha era o mobiliario máis importante da pequena casa rural.

A artesa de madeira con catro patas e tampa gardaba en salgadura a carne da matanza do porco que axudaba a completar a escasa dieta alimentaria que se adobaba no pote e a hucha as prendas de vestir para o domingo e os días de festa, o grao ou o pan.

Pero era o banco coas súas fechaduras quen protexía as moedas de cobre ou prata que se podían ir aforrando para unha necesidade, porque as de ouro xa sería moito falar, privilexio só dos donos dos pazos, dos mosteiros ou dalgunha casa vinculeira. Xunto coas banquetas, estaba na lareira e nel se sentaban os membros da familia, para xantar, quentarse nas noites de inverno a caron do lume e escoitar os contos dos máis vellos, sobre o lobo ou a Santa Compaña.

Os bancos con nome e apelidos das cidades e das vilas xa eran outra historia, negocios que nada tiñan que ver coas modestas economías dos labregos, caseiros ou caseteiros. Os fillos dalgúns, logo da volta de Cuba xa con fortuna,chegaron a ser banqueiros de sona.

Foi na parroquia de Cabalar onde atopei ao pé da igrexa baixo un alpendre este antiguo moble, como mostra do que foi a economía de subsistencia da maioría da poboación de Galicia en tempos non tan lonxanos e dos profundos cambios que  producíronse durante a penas un  século na nosa sociedade. Por eso non dubidei en fotografalo. En cada lugar da nosa terra atópanxe edificios e obxectos que nos están a falar da Historia dunha sociedade que a pesar dos atrancos soubo mellorar pouco a pouco as súas condicións de vida.

Atinada foi a decisión de quen acordou expoñer este importante elemento da casa labrega no fermoso adro da igrexa, lembrando a todos os que por alí pasan as esperanzas de futuro que se gardaban hai máis dun século ao pé das lereiras de tantas aldeas de Galicia.







No hay comentarios:

Publicar un comentario