jueves, 25 de octubre de 2018

A TABERNA DO CHOSCO




                                           Foto López Tuñas (1)


O avó tivo que marchar á Guerra de África porque a familia non xuntou os cartos da pasaxe ás Américas e no sorteo das quintas tocoulle, xunto con outro veciño da aldea, formar parte daquela tolería. Ferírono cando facía garda nun blocao e perdeu a vista do ollo dereito, por iso alcumárono O Chosco. Ese foi o nome que lle quedou ós restantes membros da familia. Daquela era así, cada casa tiña o alcume ou o nome que a distinguía das demais. Cando voltou abriu unha taberna onde se xuntaban cada xornada os homes da aldea.

Agora O Benito é quen a atende; abre pola mañá para que podan tomar a parva, a copa de caña antes do traballo, e polas noites xúntanse a parolar e beber o Ribeiro que saca das pipas de madeira e vai repartindo nas cuncas según lle van pedindo. Xoan da Nucha, O Xermán, Luis da Telleira e O Pego xogan ao dominó sentados na mesa e os demais xuntos no mostrador parolan ata que devagariño van marchando para as súas casas.

Chucho da Revolta é un home calado e mal encarado que toca o bombardino na Banda dos Neos. Sempre acaba nunha esquina onde fala co Benito.

-Alí brincábamos pola Rúa Escobar os rapaces, era a nena máis espelida da cidade, sempre rindo xuntos e eu de cando en vez traíalle algunha lambetada da nosa tenda. Fomos facéndonos mozos e viámonos todos os días. Aquela rapaza era coma a Virxe de Regla, alta, feitiña e co sorriso nos beizos....

-Cala dunha vez Chucho, cona, que xa estamos fartos de escoitarche decote esa leria! decíalle O Andrés. As cousas son como son e un non pode andar sempre remoendo coa mesma historia. Tés a túa casa,a túa familia e unha boa facenda, aínda non é dabondo? E respostaballe O Pego mentres batía a ficha contra a mesa :

- Non ves que é o viño? Cando leva catro ou cinco palomitas empeza de novo co mesmo conto..!

Minutos despois seguía coa voz máis queda: Todo se acabou cando o meu pai nos viu no Paseo do Prado, non ía permitir que o seu fillo casara cunha mulata. Sacou unha pasaxe e botoume para España. Cando o barco saía polo canal cara O Morro apoiado na baranda vina correr como unha tola polo Malecón berrando o meu nome. Xúroche Benito que pouco lle faltou para botarme ao mar e voltar con ela. Foi como se me estoupara o peito enchéndome todo o corpo de tristura.

Hai anos que Os Choscos pecharon a taberna e arranxaron a casa. Agora é o comedor onde Benito senta pra ver a televisión, ler o xornal que de cando en vez trae o seu fillo do Cotón e parolar coas súas netas cando chegan do colexio.

-Avó, dille a pequena, e que foi de Chucho da Revolta, xa non vive aquí...?

- Morreu hai uns anos, neniña. Cando os fillos marcharon da casa foi dúas veces a Cuba. Por Pepe do Ardeiro sóubose que andou preguntando, pero ninguén lle deu razón dela. Na segunda viaxe seica chegou ata a cidade de Holguín de onde viñeran os pais pero non a atopou. Pasou os últimos anos da súa vida sentado no banco da porta, apoiado no bastón e co cigarro colgado dos beizos. Sempre a ollada perdida polas rúas da Habana Vella, na percura da súa nenez.




(1) Museo do Pobo Galego




miércoles, 10 de octubre de 2018

A PONTE VELLA



                                                                                      J.M.L.T.


Os milleiros de peregrinos que cada día pasan o Río Tambre pola Ponte Maceira no camiño de Compostela a Fisterra, páranse para admirar  un dos lugares máis fermosos de Galicia. Aquí conflúen os elementos característicos da Galicia rural : O río, a ponte e os muiños, os hórreos e os pombais, o pazo e a igrexa, envoltos nun marco natural que sorprende aos visitantes. Onte, un señor que viña en bicicleta dende Valencia preguntoume como se chamaba. Nós, dende sempre, coñecémolo como A Ponte Vella porque é das máís antigas que se conservan na comarca. Dicíame logo que lle apetecía quedarse para sempre, mentres outros moitos non paraban de tirar fotos e un grupo de mozos mergullábase nas augas do río, logo dun longo camiñar.

CANDO AS PEDRAS FALAN


Muíño de Ponte Maceira


Os escudos nobiliarios das fachadas dalgunhas vivendas lémbrannos o seu pasado señorial e os muíños que se sitúan nas dúas marxes do río a riqueza agrícola que se extraía das terras do seu entorno. Nun deles apréciase a estrela de cinco puntas, símbolo do Islam, a pedra procede do dintel dunha vivenda, unha pegada dos musulmáns nesta comarca. Pouco se ten escrito sobre os mudéxares (os que mantiveron as súas crenzas ata a conversión forzosa no século XVI) en Galicia ou os conversos (mouriscos) ben é certo que a súa estancia na nosa comunidade foi máis importante do que se pensa.

O historiador Carlos González Paz (1) recolle datos da presenza en territorio galaico dun importante grupo en tempos de Alfonso II (791-842) así como documentos nos mosteiros de Celanova, Sobrado dos Monxes, Oseira ou San Martiño Pinario de servos que eran identificados con termos que indican unha clara orixe étnica ou relixiosa: Mauro, Mouro, Nigro ou Mourelo, de onde proceden os actuais nomes e apelidos. Ponte Maceira pertencía ao mosteiro benedictino de Portor – Portus Odorii - hoxe igrexa parroquial, que dependía de San Paio de Antealtares en Compostela.

A estrela é similar á que aínda se conserva nunha vivenda do lugar de Frieiro, Castriz, no veciño Concello de Santa Comba, outra proba máis da comunidade musulmana nos concellos rurais onde, dende as primeiras décadas do século VIII ata os últimos anos do século XVI, eran case sempre campesiños dependentes.

Barcala e Ponte Maceira ( P. Macyras) son as únicas localidades da comarca que figuran no Mapa do Reino de Galicia elaborado en 1603 por F. Ojea para o Conde de Lemos e nunha das reformas provinciais no século XIX foi concello, aínda que o acordo non se materializou, o que nos confirma a importancia que sempre tivo este pequeno e singular núcleo que repousa nas beiras do río Tambre.


Escudo en Ponte Maceira




(1) Carlos A. González Paz . Sarracenos, Moros, Mudéjares en la Galicia Medieval- I.E.G.