miércoles, 10 de octubre de 2018

A PONTE VELLA



                                                                                      J.M.L.T.


Os milleiros de peregrinos que cada día pasan o Río Tambre pola Ponte Maceira no camiño de Compostela a Fisterra, páranse para admirar  un dos lugares máis fermosos de Galicia. Aquí conflúen os elementos característicos da Galicia rural : O río, a ponte e os muiños, os hórreos e os pombais, o pazo e a igrexa, envoltos nun marco natural que sorprende aos visitantes. Onte, un señor que viña en bicicleta dende Valencia preguntoume como se chamaba. Nós, dende sempre, coñecémolo como A Ponte Vella porque é das máís antigas que se conservan na comarca. Dicíame logo que lle apetecía quedarse para sempre, mentres outros moitos non paraban de tirar fotos e un grupo de mozos mergullábase nas augas do río, logo dun longo camiñar.

CANDO AS PEDRAS FALAN


Muíño de Ponte Maceira


Os escudos nobiliarios das fachadas dalgunhas vivendas lémbrannos o seu pasado señorial e os muíños que se sitúan nas dúas marxes do río a riqueza agrícola que se extraía das terras do seu entorno. Nun deles apréciase a estrela de cinco puntas, símbolo do Islam, a pedra procede do dintel dunha vivenda, unha pegada dos musulmáns nesta comarca. Pouco se ten escrito sobre os mudéxares (os que mantiveron as súas crenzas ata a conversión forzosa no século XVI) en Galicia ou os conversos (mouriscos) ben é certo que a súa estancia na nosa comunidade foi máis importante do que se pensa.

O historiador Carlos González Paz (1) recolle datos da presenza en territorio galaico dun importante grupo en tempos de Alfonso II (791-842) así como documentos nos mosteiros de Celanova, Sobrado dos Monxes, Oseira ou San Martiño Pinario de servos que eran identificados con termos que indican unha clara orixe étnica ou relixiosa: Mauro, Mouro, Nigro ou Mourelo, de onde proceden os actuais nomes e apelidos. Ponte Maceira pertencía ao mosteiro benedictino de Portor – Portus Odorii - hoxe igrexa parroquial, que dependía de San Paio de Antealtares en Compostela.

A estrela é similar á que aínda se conserva nunha vivenda do lugar de Frieiro, Castriz, no veciño Concello de Santa Comba, outra proba máis da comunidade musulmana nos concellos rurais onde, dende as primeiras décadas do século VIII ata os últimos anos do século XVI, eran case sempre campesiños dependentes.

Barcala e Ponte Maceira ( P. Macyras) son as únicas localidades da comarca que figuran no Mapa do Reino de Galicia elaborado en 1603 por F. Ojea para o Conde de Lemos e nunha das reformas provinciais no século XIX foi concello, o que nos confirma a importancia que sempre tivo este pequeno e singular núcleo que repousa nas beiras do río Tambre.


Escudo en Ponte Maceira




(1) Carlos A. González Paz . Sarracenos, Moros, Mudéjares en la Galicia Medieval- I.E.G.








No hay comentarios:

Publicar un comentario