domingo, 23 de octubre de 2016

ABRINDO FOSAS, PECHANDO FERIDAS







Ubicación da fosa no adro de Paramos (Val do Dubra)


Mañán comezan no adro da igrexa de Santa María de Paramos ( Val do Dubra) os traballos de sondeo arqueolóxico, excavación e exhumación dos restos de catro persoas que se atopan nunha fosa común, mortos como consecuencia do enfrontamento armado con forzas da Garda Civil nos límites dos concellos de A Baña, Santa Comba e Val do Dubra ( daquela concello de Buján) en 1949. Un equipo de oito expertos da Asociación para la Recuperación de la Memoria Histórica (ARMH) dirixidas polo arqueólogo René Pacheco Vila e coordinados polo Vicepresidente da Asociación Marco Antonio González Carrera procederán á recuperación dos restos a petición dos familiares das víctimas.

O 5 de marzo de 1949, cando se atopaban aloxados nunha casa do lugar de Zas, parroquia de Aro, do concello de Negreira os membros do destacamento Eive-Carbón pertencentes ao Exército Guerrilleiro de Galicia, ás 8,30 da mañá foron cercados polas forzas da Garda Civil producíndose un enfrentamento no que foi ferido un garda e morreu de dous disparos, ó saltar da horta da casa ao camiño, Carmen Temprano Salorio, natural de Iñás (Oleiros) (1), conseguindo fuxir o resto do grupo acompañados da sobriña da dona da casa Manuela Teiga Rojo ante as previsibles represalias por ser punto de aopio ao mesmo (2). Horas despois,  facéndose cun  cabalo, lograron  transportar con maior facilidade ao guerrilleiro Vicente Peña Tarrasa que resultou ferido neste primeiro combate.
Carmen Temprano Salorio

Tras unha longa marcha para escapar do lugar o antes posible foron sorpredidos nos montes de Paramos (Val do Dubra) sobre as catro da tarde, onde logo de ser cercados entablouse un novo combate a consecuencia do cal falleceron catro membros do grupo, conseguindo escapar un dos guerrilleiros, Manuel Ramiro Souto, na compaña dun veciño que o guiou ata a zona de Ordes onde contactou con outros compañeiros. Nove persoas de Bembibre, Rial, Niveiro e Lariño que presenciaron o paso do fuxido e según a súa testemuña confundiron cun cazador, foron condenados a penas de cárcere por non presentar denuncia

Os fallecidos, según o informe das autopsias e do Xulgado personado no enterramento foron os guerrilleiros José María Castelo Mosquera a) Doutor ou Casteliño, natural de Iñás-Oleiros, Vicente Peña Tarrasa a) Pedro Borrás de Palma de Mallorca,os dous identificados polos documentos personais que portaban nas súas carteiras e Manuela Teiga de Zas-Negreira, ademáis de outra persoa que figura como “descoñecido”. Nun informe posterior no expediente da causa militar 88 /1949 instruída como consecuencia destes feitos recóllese que corresponde a Manuel Pena Camiño, natural do concello de Mesía pois atopáronse dúas fotografías que correspondían á muller e a unha filla deste membro da guerrilla.

Según as testemuñas aportadas hai uns meses por membros dunha familia do concello de A Baña que aseguran que unha das persoas enterrada na fosa de Paramos é un antepasado seu e as evidencias documentais recollidas na causa militar tramitada polos feitos relatados (88/1949), é posible que os restos atribuídos a este último correspondan en realidade ao veciño da parroquia de Lañas Erundino Vieito Baña, xa que aseguran telo comprobado un familiar na caseta da fábrica do cemiterio de Paramos, onde estuveron expostos os cadáveres. Daquela non se atreveron a reclamar os restos por medo ás represalias xa que en 1947 foran encausados algúns dos seus membros por apoio á guerrilla (Causa 400/47).
Erundino Vieito Baña

Erundino Vieto foi movilizado no ano 1936 e desplazado ao frente de Asturias no Batallón nº 8 de Zapadores de A Coruña do que desertou (3) para pasarse ao exército republicano, onde formou parte do Batallón “Galicia” nº 219 e, ao parecer, estivo destinado nunha batería en Colloto. Feito prisioneiro o 10-11-1937, foi internado nun campo de concentración ( Candás?) onde desapareceu o 4 de febreiro de 1938. Erundino regresou á súa parroquia onde se mantivo agochado durante once anos, actuando como enlace da guerrilla. Según os familiares, quedara citado cos compoñentes do grupo de Zas para cambiar de lugar, por eso se viu envolto no enfrontamento que lle causou a morte.

A guerrilla antifranquista era coñecida na comarca como “Os Foucellas” en alusión a un coñecido guerrilleiro, Benigno Andrade, que era natural do lugar de As Foucellas no concello de Mesía.

Unha vez recuperados os restos das víctimas, serán trasladados ao laboratorio que a Asociación ten no campus de Ponferrada da Universidade de León onde serán estudiados para poder determinar aspectos tan importantes como o sexo, a idade, as causas da morte e as patoloxías en vida de cada individuo e todos os aspectos necesarios que faciliten a identificación das víctimas, obxectivo polo que se fai este traballo.Ademáis das mostras de ADN para ser contrastados cos familiares vivos e a identificación definitiva das mesmas para aclarar a dúbida sobre Pena Camiño ou  Erundino Vieito .

Logo de rematados todos os trámites os restos serán entregados aos seus familiares que levan máis de setenta anos agardando para darlle unha sepultura digna.



José María Castelo Mosquera 




Vicente Peña Tarrasa








                                                                               
                  










Esta asociación xurdiu a raiz da exhumación dunha fosa en outubro de 2000 na que se atoparon os restos de 13 republicanos asasinados o 16 de outubro de 1936 na localidade leonesa de Priaranza del Bierzo, onde acudiu un numeroso grupo de persoas para pedir axuda na búsqueda dos seus familiares desaparecidos, polo que un grupo decidiu creala para este fin. Dende aquela posibilitou que centos de familias atoparan aos seus seres queridos.

Dende o ano 2000 leva feito máis de 150 exhumacións en distintos lugares de España e identificado mediante técnicas científicas a máis de 1500 víctimas da represión franquista, organizado tamén centos de actos de recoñecemento público a esas miles de persoas que non tuveron voz durante máis de 75 anos.

No ano 2002 iniciou os trámites ante o Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos para que esixira ao Goberno español a aplicación da lexislación internacional con respecto á desaparición forzada que impedía a Lei de Amnistía aprobada en outubro de 1977 polo Congreso dos Diputados.

A ARMH sostense coas cuotas aportadas polos seus socios ademáis do patrocinio de importantes asociacións internacionais como a de traballadores noruegueses ELOGIT e as estadounidenses ALBA (Abraham Lincolm Brigade Archives) e a Puffin Fundation que lle concedeu o Premio de Dereitos Humanos 2015.


NOTAS
    1)  Carmen Temprano Salorio foi enterrada no cemiterio de Aro (Negreira)
    2)  Catro membros da súa familia foron condenados a penas de prisión por estes feitos.
    3) O pai e un irmán de Erundino foron detidos cando desertou.




28 DE XULLO 2018




No Auditorio abarrotado de público de Val do Dubra o pasado 28 de xullo, os representantes da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica procederon á entrega aos familiares de José María Castelo Mosquera, Vicente Peña Tarrasa, Manuel Pena Camiño, membros da Agupación Guerrilleira de Galicia, dos restos que foron exhumados no cimiterio da igrexa de Paramos. Tamén os de Manuela Teiga, veciña do lugar de Zas (Negreira), sobriña da dona da casa onde estiveran aloxados os tres e que fuxiu con eles por medo as posibles represalias que poidera acarrearlle, o que lle sucedeu aos restantes membros da súa familia.

Foi preciso acudir ao análise do ADN para poder identificar a Manuel Pena Camiño pois tamén ese día desapareceu Erundino Vieito Baña que actuaba como enlace do grupo antifranquista e diversas testemuñas aseguraban que era a cuarta persoa que se atopaba na fosa común de Paramos, polo que ata o día de hoxe segue sen saberse cal foi o seu destino.


                                                              Foto X. Álvarez- Faro de Vigo


A búsqueda dos restos comenzou por unha solicitude feita polos familiares de Vicente Peña Tarrasa ante a Comisión dos Dereitos Humanos das Nacións Unidas o que deu lugar á posterior e laboriosa actuación da ARMH e numerosos colaboradores que rematou con este acto de entrega aos familiares das persoas enterradas na fosa común da Igrexa de Paramos.

O solemne e emotivo acto contou coa participación dos alcaldes de Negreira e Val do Dubra, así como outros cargos públicos e personalidades recordado en varios dos discursos o suceso que acabou coa vida destas persoas que, como outros miles tiveron que refuxiarse daquela nas montañas de Galicia e León. O Presidente da ARMH rematou o emotivo acto de entrega aos familiares quen recalcou que era excepcional en Europa, pois en calquera outro país membro da UE sería o Estado o encargado deses traballos e non unha organización de carácter privado.








1 comentario:

  1. Buenas días. Unas compañeras y yo estamos haciendo un reportaje sobre las exhumaciones en Galicia, debido a la excavación reciente en Val do Dubra. Nos preguntamos si podrías concedernos una pequeña entrevista sobre el tema. Un saludo y perdone las molestias

    ResponderEliminar