domingo, 2 de noviembre de 2014

AOS MANES


Larario- Pompeia


Hoxe, Día de Difuntos, moita xente acude aos cemiterios para honrar e lembrar aos que nos deixaron e que aínda seguen nos nosos corazóns. Desde o Neolítico o culto aos mortos  está presente en todas as culturas e os pobos celtas adicaban tamén un día a adorar o Samhain, que significa o fin do verán.

Na relixión romana, no mes de febreiro, celebraban as Parentalia para asegurar o repouso dos seus difuntos. En maio, as Lemuria estaban especialmente adicadas ao recordo dos pais. Tamén no culto doméstico, aos Manes (espíritus dos defuntos), xunto cos Lares ou Penates ( protectores do fogar e da familia ) facíanlles ofrendas de viño, froita e perfumes e, a miudo, poñían lampariñas ante o larario, altar que as casas dos patricios (domus) tiñan no atrio ou patio principal. Os espíritus dos pais falecidos tiñan a mesma consideración que os deuses.


Estela funeraria romana de Logrosa-Negreira: (Consagrado) aos Deuses Manes (aquí xaz) Aurelius Aurelianus de 36 anos.Museo do Pobo Galego

Como en outras culturas en Galicia o espírito dos mortos formaba parte da vida da xentes, ata hai relativamente poucos anos era difícil coñecer a alguén que non se atopara de noite coa Compaña ou Estadea, nome das ánimas en pena que vagaban polos camiños, ou algunha por libre, como recolle Wenceslao Fernández Flórez en O Bosque Animado, cando Xan de Malviz “Fendetestas”, ladrón de camiños, se atopou coa ánima de Fiz de Cotovelo en peregrinación cara San Andrés de Teixido (que vai de morto o que non vai de vivo). Arredor da lareira, nas noites de inverno, a Santa Compaña e o lobo eran os protagonistas das conversas.

A morte é agora unha traxedia colectiva que entra nas vidas dos pobos sen esperalo, mortes programadas polas guerras, pola fame, polo virus ou polas bandas organizadas de delincuentes, dos que fuxen polo mar e polos desertos ou se estrelan contra os arames coroados de coitelas. Milleiros de mortos, homes, mulleres, rapaces e rapazas, nas cidades queimadas polas bombas que forman parte do espectáculo televisivo e que non importan porque son de outros. Ou de aspirantes a mestres de escolas rurais,  porque o espertar conciencias é un perigo para os intereses escuros. Mortos todos que non terán un lugar para que os vaian recordar, os mortos das fosas comúns que, só de cando en vez, amosan a barbarie. Porque non se trata do proceso natural ao que estamos abocados, é a actuación criminal dos roubavidas.

  La Santa Muerte (Foto López Tuñas)

A desaparición dos 43 estudantes de Iguala no estado de Guerrero, un dos máis pobres de México, fixo estremecer ao mundo; rapaces de familias pobres que aspiraban a ser mestres. Os seus familiares, amigos, compañeiros e miles de mexicanos están a reclamar que llelos devolvan vivos. Ou do asasinato de mulleres en Ciudad Juárez,  máis de 700 víctimas ata o  2012, a maioría  de idades entre 15 e 25 anos.

É unha mostra da barbarie que se vive nalgúns países de mortos sen tumbas nin cemiterios, roteiro principal do tráfico de drogas.











No hay comentarios:

Publicar un comentario