martes, 2 de junio de 2015

FÍSICA E QUÍMICA







Esta fotografía non deixa de ser unha instantánea de un proceso no que varios elementos químicos se fusionan para formar un todo con propiedades distintas aos compoñentes esenciais. Só pretendía reflectir o momento no que dous xogadores do Barça recollían a Copa de España das mans do Xefe do Estado D. Felipe. O realizador da televisión, atento ao seu traballo, decidiu nese intre mudar a imaxe e saiu o que se ve.

Sentiame ledo porque o Barcelona volvera gañar outro título en poucos días e deixou claro que o futbol, como calquera outra actividade, pode elevarse á categoría de arte cando o bo facer e a ilusión acompañan á xenialidade. Dende aqueles anos en que con Pepe Oreiro, Rodríguez de Aro, Elías Ruso e catro máis pelexabámonos por facer un Barça local para enfrontarnos na Praza do Cotón a unha selección de outros rapaces seguidores de Di Stéfano, que impoñían case sempre os seus goles á minoría de disidentes deportivos discípulos de Kubala, foi o equipo co que máis simpaticei.

Pero volvendo ao conto da foto, si se mira con atención, podemos ver á esquerda o ánodo e o cátodo desta electrólise: o Ministro Grrrr..!! coa ollada perdida na Torre España, o aplauso recollido e quen sabe que agochado no fondo dos seus miolos  ao lado do Presidente Máis!! cun sorriso de "agora  fódeste" e aplaudindo aos seus, mentres o Xefe do Estado mostra un semblante complacente pensando seguramente en  como os vascos e cataláns pelexaban pola Copa de España, desempeñando o papel de árbitro que lle corresponde na contenda política.

Destacando o capitán Iniesta, erguendo o trofeo coa expresión característica de home prudente e xogador exemplar, prototipo da profesionalidade e respeto para con todos.

Ao fondo, como a disolución que contén todos estes elementos, os xiareiros, uns ledos e outros tristes según lles foi. Os demáis, detrás do plasma, disfrutando do espectáculo deportivo cada un coas filias e fobias que as paixóns deportivas  deparan ás veces,  porque o futbol é un deporte para gozar, sobre todo cando son os melloriños os que nos agasallan coas súas habilidades.

Déixovola para que cada quen, coa súa particular ollada, extraia e descubra outras lecturas.