sábado, 6 de abril de 2013

RADIO NEGREIRA NAS ONDAS...




O que non sei eu é si se chamará Radio Negreira, Radio Barcala ou algo parecido pero sí podemos afirmar que en Negreira están a facer os estudos técnicos para que empece a funcionar unha emisora de radio municipal.
                                         José Luis Blanco
                                                    Miñas donas, meus señores
                                                 Radio Galega
                                           19-01-1988


                                                                   
RADIO NEGREIRA no 107.0 da FM


Os maxestuosos compases do Himno Galego entraron por primeira vez no 107.0 de centos de receptores ás oito do serán do 24 de abril de 1988 envolvendo as voces de Plácido Fabeiro e Eliseo Ferreño, que anunciaban a primeira emisión de RADIO NEGREIRA. Con carácter experimental comenzaba a súa andaina a cuarta emisora municipal de Galicia que, de xeito ininterrumpido, chega xa aos seus 25 anos de emisión neste 2013.

Logo de meses de traballos dirixidos de maneira desinteresada polo técnico da Radio Galega Modesto Pena Rey, dende a Casa do Concello e cuns medios técnicos moi precarios emitíase a primeira programación de dúas horas diarias, que houbo que ampliar a horario nocturno pola demanda dos mozos e mozas que querían aportar a súa colaboración neste novidoso medio local.

A primeira emisora municipal de Galicia foi Radio As Mariñas, creda polo concello de Oleiros en 1980 e abortada en poucos minutos pola irrupción da Garda Civil, que por orde do Gobernador da provincia procediu ao precintado dos equipos de trasmisión.

Catro anos despois, en 1984, Radio Fene empeza as súas emisións, tamén chegou a orde de peche que foi desobedecida polo alcalde. A reconversión dos estaleiros de Astano coas protestas dos traballadores retransmitidas en directo por esta emisora, supuxeron un forte respaldo popular para Radio Fene e para o seu director Henrique Sanfinz. En 1987 os concellos de Oleiros e Corcubión crean Radio Libre de Oleiros e Radio Neria.

Primeiros Estudos no 1988
Radio Negreira foi a cuarta emisora municipal galega, creada por acordo plenario ao abeiro da Lei de Ordenación de Telecomunicacións de 1987 que posibilitaba que as corporacións locais dispuxeran de emisora municipal, e do Plan Técnico de Radiodifusión Sonora que xa distinguía 3 potencias segundo a extensión do municipio (500,150 e 50 vatios). Galicia, a pesares da dispersión de poboación, quedaba aínda desfasada na utilización da radio como medio de comunicación local pois en Cataluña xa funcionaban 160 emisoras municipais e en Andalucía 40. Arenys de Mar foi a primeira de España.

As emisoras municipais tomaron  forma de Lei en abril de 1991, cando se legalizaron definitivamente en toda España.

Ao mesmo tempo que a Radio aprobouse tamén a creación dunha revista e a colocación de paneis informativos nas parroquias e na Vila, para a publicación de todos os acordos que tomaran os distintos órganos municipais: Pleno, Comisión de Goberno e Alcaldía, ademáis da información considerada de interese para os veciños. Os obxectivos de Radio Negreira eran a difusión da información municipal, a promoción da cultura e o fomento da vida asociativa na comarca. A dispersión da poboación en 92 núcleos distribuídos en 115 Km2, xustificaba o medio.

O 12 de decembro dese 1988 creouse, polos representantes das catro primeiras emisoras municipais, xunto coa de Ribadavia (que acababa de nacer) a Asociación de Emisoras Municipais de Galicia  (EMUGA) que xorde como instrumento de asentamenteo do fenómeno radiofónico local, asesoramento xurídico, formación de persoal e fomento das actividades.

A organización do Curso de Técnicas Radiofónicas en Negreira, no que participou a popular presentadora de televisión Tereixa Navaza xunto con outros coñecidos profesionais da radio, posibilitou a formación das persoas da contorna que tiñan afección por este medio e que logo pasaron a formar parte da programación da emisora e a traballar noutros medios de comunicación  públicos e privados.

Gran popularidade acadaron os programas Onda Agraria, dirixido por Francisco de la Paz do Servizo de Extensión; A Saúde, do Doctor Marwan; Co mandil posto, de Luz Picos, os deportivos de Javier Tojo, os concursos ou, entre outros moitos, As Noites Tolas, unha experiencia desbordante na que participaban os persoeiros máis bohemios que, dende as terrazas dos bares, se achegaban aos altos do Concello para contar as súas anécdotas.A participación veciñal era a esencia dos programas.

O traslado dos estudos para a recén inaugurada Casa da Cultura no 1991 e a colocación do poste emisor no Monte da Pena supuxo a consolidación definitiva para Radio Negreira. 


FESTA DA RADIO-1994

Radio Negreira continuou a súa andaina grazas á dedicación e o esforzo dos que nela traballaron: Plácido Fabeiro, Javier Carnota, Emilio Forján, Lucía Cabezal, Abelardo Estévez, Manolo Gómez, Santy Pintos, Ovidio Martínez... e a colaboración de numerosas persoas e colectivos profesionais da comarca que adicaron horas e esforzo para sacar adiante este medio. Hoxe, xa máis profesionalizada, conta cunha programación de 24 horas emitindo en cadea coa asociación de radios municipais galegas.

Ademáis da Radio tamén cumpren  anos as Escolas Deportivas Municipais, polas que pasaron milleiros de rapazas e rapaces e que tanto levan feito pola promoción do deporte e pola formación dos máis novos.

Temos que entoarlles o Cumpreanos Feliz e desexarlle moitos éxitos a todos os que están a arrimar o ombreiro para seguir camiñando.


Colaboradoras de R. Negreira na Festa da Radio


24 de abril de 1988 - Plácido Fabeiro e Eliseo Ferreño en antena





                                             ESCOITAR ON LINE RADIO NEGREIRA