martes, 20 de marzo de 2018

BALADAS



                                          (Foto López Tuñas)


Pareime diante da cristaleira unha mañá de finais do inverno, cando un tímido sol anunciaba a chegada da primavera. Chamoume a atención o enxeño do escaparatista presentando os produtos que se venden naquela tenda, alleos ao arte de Euterpe. A relucente trompeta, as partituras e a actitude relaxada da moza que escoita forman un conxunto no que parece transmitirnos que nesa cidade todas as artes forman un só corpo para o disfrute dos sentidos.

Mestres miraba atentamente esta creación ornamental chegaba ata alí os sons do cambio da garda da Almudaina, a que foi fermosa residencia dos emires de Palma e nos séculos XIV e XV dos reis de Mallorca.


                                                                  (Foto Lòpez Tuñas)

A poucos metros o Sol proxectaba nas columnas da Seo as cores dos cristais dos fermosos rosetóns góticos, pasando dunha a outra segundo o movemento de rotación do noso planeta íalle indicando, resaltando a beleza e o estilo da catedral. Nas mesmas datas do ano 1838 o músico polaco de ascendencia francesa Chopin admiraba o espectáculo na compaña de George Sand que asinaba as súas creacións literarias con nome masculino.

Fryderyk Chopin decidiu pasar os meses de finais de inverno dese ano en Mallorca na compaña da escritora que aproveitou para narrar algunhas das peripecias sufridas durante a súa instancia na illa mentres o músico transformaba en melodía os sons do seu piano Pleyel, ceibándoas ao ar pola fiestra da súa cela da Cartuxa de Valldemossa, para que se xuntaran co arrecendo da flor das laranxeiras e a claridade do sol que acariñaba as plantas da súa terraza. Tamén para agasallo dos que agora disfrutamos das súas fermosas composicións. Alí escribía ao seu amigo Fontana: ”Mándoche os Preludios. Volvede a copialos, Wolf e ti....Dentro dunhas semanas recibirás a Balada, unhas Polonesas e un Scherzo.... Vivo na miña cella. De vez en cando disfruto dunhas danzas árabes, un sol africano e un mar Mediterráneo". 


                                           Terraza da cella                      (Foto L.T.)


Cando Chopin fala das súas obras refírese á Balada en fa menor (op.38 nº 2) adicada a Schumann, a dúas Polonesas, en la maior e do menor, adicadas a Julien Fontana e o Scherzo en do sostido menor, adicado a Adolph Gutmann.

A descripción que George Sand fixo da súa estancia en Valldemossa, na compaña de Chopin, foi publicada en La Revue des Deux Mondes en xaneiro, febreiro e marzo do ano 1841 obtendo un gran éxito e volveu a aparecer no 1842 co título Un inverno en Mallorca.








Fotografías : J. Manuel López Tuñas



jueves, 8 de marzo de 2018

SOFÍA QUERE DICIR SABEDORÍA






Hoxe é o Día da Muller, unha data importante pola homenaxe que se lle tributa, pois foron elas as que sempre levaron o peso da familia e do traballo especialmente cando o home emigraba e soas facían frente á vida, cargando con todas as responsabilidades.
A primeira celebración do Día Internacional da Muller Traballadora tivo lugar o 19 de marzo de 1911 en Alemania, Austria, Dinamarca e Suiza e a súa conmemoración foise estendendo, dende entón a numerosos países.
En 1972 a Asamblea Xeral das Nacións Unidas declarou o ano 1975 Ano Internacional da Muller e no ano 1977 convidou a todos os Estados a declarar, conforme as súas tradicións históricas, un día como Día Internacional por los Derechos de la Mujer y la Paz Internacional.
Así que este día serve para celebrar os dereitos conquistados polas mulleres e lembrar o longo camiño que aínda queda por percorrer para lograr unha auténtica igualdade entre as persoas.

É de agradecer que o Concello de Negreira escollera esta data para homenaxear a Sofía Rodríguez, unha traballadora exemplar, muller culta (en grego “sofía” quere decir sabeduría), intelixente, solidaria e modesta coma as persoas realmente importantes, pero sobre todo traballadora, dende a súa infancia ata o último día dos seus noventa anos, o traballo foi o seu compañeiro. Hoxe hai xusto un mes que Sofía partiu, de súpeto, en silenzo, sen esperar siquera a homenaxe que se lle ía tributar. Pola súa escola pasamos xeneracións de nenos e nenas que comezamos a nosa andaina educativa  na Escola da Revisora. Sofía foise pero queda nos nosos corazóns e na semente que deixou nos escolantes e que se foi transmitindo a través das familias.

Cando o señor Manuel e a señora Francisca chegaron a Negreira el comezou a traballar nos autobuses da Empresa El Celta e ela puxo escola no seu domicilio da estrada de Ceilán, na  saída do pobo cara A Baña. Fomos centos e centos de nenos e nenas os que alí demos os nosos primeiros pasos escolares, nunha etapa escura para a Educación, na que a segregación de sexos era obrigatoria e nas escolas os mestres tiñan que atender a numerosos alumnos nunha precariedade extrema e cun sistema educativo onde, ás veces, a violencia e o medo eran o único método de aprendizaxe. 

Co seu alumnado

Á Escola da Revisora iamos cada día felices e contentos, nela aprendiamos cantando. Ao comenzo das clases diante dos mapas todo o grupo ía repetindo distintas melodías e sempre con rima: “Extremadura dos: Cáceres y Badajoz” ...Logo Sofía continuou a laboura da súa nai, ás veces coa axuda periódica dos irmáns, Purita, Carmen, José...

No verán cando chegaba Manolo,  nas tardes de calor, agarraba os instrumentos didácticos: unha bursa de serrín, un sacho e o caldeiro de latón e levábanos ao monte no lado da presa de Longueira onde nos sentabamos á sombra dos carballos mentres, con pulso firme, trazaba co serrín o perfil da Península Ibérica, un dos maiores cavaba co sacho un canal ao longo do mapa verde e outro enchíao coa auga da presa : era o mar. Para ledicia de todos alí comezaba o exame.  Cunha vara longa había que ir sinalando onde dicía, cabos, golfos, cordilleiras e provincias. Xa todos tiñamos fixados os mapas na nosa memoria, malia a nosa curta idade. 

Na escola de Sofía tamén se educaba en valores: as normas de comportamento eran importantes, o respeto aos compañeiros e compañeiras, ás persoas maiores, e o aprender que os dereitos de un rematan onde empezan os dos demáis. Nunca vin unha pelexa nin faltar ao respeto uns a outros . As nenas eran iguais que os nenos e todo iso nunha sociedade na que o ensino das rapazas consistía fundamentalmente en aprender a ler, escribir, contar e rezar. Porque Sofía formaba parte dunha familia de persoas cultas que valoraban os coñecemento e o arte, que gustaban de ler, escribir poemas, pintar ou esculpir, así eran todos os irmáns e iso era o que nos trasmitían.

Sofía diante da súa casa-escola

Sofía viviu soa, e a súa casa tiña sempre durante o día as portas abertas, ela sabía que o máis importante ninguén llo podía roubar: o coñecemento e a cultura. Persoa solidaria e sinxela que escoitaba atentamente a todos e xamais interrumpía no falar, foi sementando entre o seu numeroso alumnado toda unha serie de valores que seguen multiplicándose a través das familias. Tamén modesta pois podendo gozar dunha vida  chea de comodidades elixiu vivir de xeito sinxelo, só para o traballo, e continuar co seu labor ata os noventa anos.O único luxo que tiña era unha radio, coa que se mantiña perfectamente informada do acontecer sociopolítico.

Hai un mes que Sofía nos deixou, tranquilamente, como era ela, pero queda un tremendo patrimonio educativo dentro das familias dos que pola súa escola pasamos, por iso continuará viva para sempre na memoria deste pobo.

Esta homenaxe que se tributa a unha muller exemplar tamén o é para o resto das mulleres que foron e son un exemplo de traballo e dedicación, unha chamada de atención para recordar a igualdade de dereitos entre as persoas, o respeto que se merecen pola súa dignidade e condición.




     FONTE: Fotos 2 e 3 cedidas pola familia Rodríguez e facilitadas por Natalia Suárez.