viernes, 29 de enero de 2016

A CARRILANA



                                           A Carrilana      (Foto Carmen González)


Esta fotografía de finais do século XIX, deteriorada polo paso dos anos, corresponde á chegada a Negreira da Carrilana que facía o traxecto Santiago-Noia co Alcalde Sr. Calviño no pescante. O acontecemento era ben celebrado polos viaxeiros, moídos polo sube e baixa daquel baúl con rodas, os xuramentos do “mayoral”, a suor provocada polo bafo dos animais cando subían a costa de Augapesada e a inquedanza que, ás veces, producía a sensación de que se cae e non caía. Tamén nas paradas, polas taberneiras que atendían no mostrador aos viaxeiros e polos rapazolos que agardaban o seu paso para ir uns metros pendurados do moderno vehículo que viña do descoñecido. Pero sobre todo polos veciños das vilas de destino.

A noticia do xornal de onte recollía que hai 130 anos os nicrarienses protestaban polo retraso da dilixencia, dado o mal estado do camiño e porque, malia terse anos antes anunciado que o Estado tiña planificada a construcción dunha estrada de Santiago a Camariñas por Negreira, e outra a Corcubión, nunca se materializaran. Os deteriorados camiños reais polos que se desprazaban a pé, e só os máis afortunados a cabalo, dificultaba enormemente as comunicacións co exterior.


Foi na década dos anos trinta do pasado século cando a construción de estradas sufriu o primeiro pulo e varias comarcas de Galicia conseguiron estar comunicadas por un servizo de coches de liña regular que facilitou o fluxo de pasaxeiros coas cidades máis achegadas. Ese novo transporte tamén facilitou o comercio local, pois os comerciantes recibián por el algunhas mercancías ou os suministros que os revisores facilitaban, cos encargos de cousas que se vendían nas cidades e das que no rural non se dispoñía .

A información de 1886 que onte publicaba La Voz de Galicia reflicte o atraso na construcciòn de infraestructuras que dificultou o desenvolvemento das comunidades menos industrializadas de España. A carencia de vías de comunicación axeitadas foi sempre un problema para Galicia. E aínda hoxe, a loita entre as diferentes cidades non debera dificultar a planificación no transporte ferroviario ou aéreo, pois o interese xeral debe superpoñerse sempre a calquera outro de tipo localista








viernes, 15 de enero de 2016

O TAXI DO EMBAJADOR





Envoltos no ruido dos motores, o repinique das campás da Capela do Cotón e o estoupido dos foguetes subían en segunda a Carreira de San Mauro, detrás do taxi que portaba a imaxe do San Cristobo apoiado no bastón e co neno ás costas. Máis atrás, os primeiros veciños que saíran da misa.

A fotografía ten escrita no dorso con primorosa caligrafía: Día de San Cristóbal. Julio 10 de 1962. Era daquela cando percorrer os 22 Km de distancia entre Negreira e Santiago de Compostela levaba máis tempo que ir en avión dende Lavacolla ata Madrid. A estrada era unha sucesión de curvas de diferente apertura, por iso as escasas rectas do traxecto gozaban de merecida sona, como a do Portanxil ou  a de Roxos.

A cousa complicábase se era no coche da liña, porque á dificultade da estrada engadíase as numerosas paradas que cada 2 km tiña que facer para recoller viaxeiros, subir e baixar bultos e se coincidía diante dunha taberna aproveitar para tomar unha copa de caña ou coñac, que tanto tiña. Esa dilatación no tempo deu lugar ó primeiro taxi,  o de Vicente da Botica, e devagariño foise incrementando o seu número para as viaxes máis urxentes.

Falando da dificultade das estradas, Pepe da Pachanga dixo un día que, en Galicia, para facelas, ceibaban un burro e detrás ían os obreiros abrindo a explanada. Como un preguntou que pasaba cando non dispoñían do animal, contestou de seguido Pepe de Xan: “Pois logo contratan un enxeñeiro”, entra as gargalladas dos demáis compañeiros da Parada.

Os taxistas eran sempre os encargados de organizar a festa do seu patrono, o San Cristobo. Chegou a ser un gremio moi numeroso e na década dos anos 80 do pasado século había máis de cen licenzas de autotaxi. Cando Lisardo chegou co seu flamante coche americano todos o arrodearon, sentándose algúns no asento do condutor, comprobando o funcionamento da palanca de marchas ou prendendo a radio. Ata O Casanova comentou : Menudo luxo... ¡parece o coche dun embajador!

Dende aquel día chamábanlle “ Embajador” e sempre desfilaba de primeiro na procesión de San Cristóbal.

TAXISTAS


Pepe de Xan-Antonio-Marcelino-Lolo Ruso-Milín-Manolo de Seilán-Lisardo-Vilas-O Jayo-Cordeiro









lunes, 4 de enero de 2016

HOMIÑOS DE CEMENTO




Cen anos antes de Jesucristo os romanos comezaron a utilizar o “caementum” nas obras públicas, unha mezcla de cinza volcánica procedente do Vesubio e cal viva. O Panteón de Roma construido por Adriano, coa súa cúpula de 44 metros toda de formigón cun só lucernario na parte superior e hoxe utilizado como igrexa, é unha das numerosas obras importantes do mundo clásico que nos quedou en herdanza.

Na actualidade a obsesión pola utilización das cimentacións fai que os seus brazos se estendan  polas urbes e pobos cubrindo espazos naturais, carballeiras, parques e sendas coma unha gran ameba que ameaza con ocupalo todo, transformando as zonas urbanas en xunglas cimentadas onde a natureza queda relegada a un simple soporte de materiais e edificacións.

ISAAC CORDAL é un artista pontevedrés que combina a escultura e a fotografía dun xeito impactante, pequenas figuras humanas de cemento que vai colocando en rúas ou prazas das máis importantes cidades europeas ou nas salas de exposicións, cargadas de crítica e melancolía  que fan reflexionar sobre a situación á que está sometido o ser humano na nosa sociedade e tamén unha chamada de atención ao noso comportamento como masa social.


Agardando o cambio climático

Os homes da serie Cement Eclise con traxe, gravata e maletín, como se fosen traballar nunha oficina, en actitude pensante ou melancólica, cubriron xa espazos urbanos de Londres, Berlín, Nantes e importantes cidades de Suecia, Rusia, Colombia ou México e pretenden ser unha chamada de atención cara o que considera as vítimas da nosa sociedade.

A súa formación artística comezou nunha escola de canteiros e completouse logo na Facultade de Belas Artes de Pontevedra e a súa obra destaca pola orixinalidade e as composicións que fai coa fotografía. Vive en Londres.