lunes, 4 de enero de 2016

HOMIÑOS DE CEMENTO




Cen anos antes de Jesucristo os romanos comezaron a utilizar o “caementum” nas obras públicas, unha mezcla de cinza volcánica procedente do Vesubio e cal viva. O Panteón de Roma construido por Adriano, coa súa cúpula de 44 metros toda de formigón cun só lucernario na parte superior e hoxe utilizado como igrexa, é unha das numerosas obras importantes do mundo clásico que nos quedou en herdanza.

Na actualidade a obsesión pola utilización das cimentacións fai que os seus brazos se estendan  polas urbes e pobos cubrindo espazos naturais, carballeiras, parques e sendas coma unha gran ameba que ameaza con ocupalo todo, transformando as zonas urbanas en xunglas cimentadas onde a natureza queda relegada a un simple soporte de materiais e edificacións.

ISAAC CORDAL é un artista pontevedrés que combina a escultura e a fotografía dun xeito impactante, pequenas figuras humanas de cemento que vai colocando en rúas ou prazas das máis importantes cidades europeas ou nas salas de exposicións, cargadas de crítica e melancolía  que fan reflexionar sobre a situación á que está sometido o ser humano na nosa sociedade e tamén unha chamada de atención ao noso comportamento como masa social.


Agardando o cambio climático

Os homes da serie Cement Eclise con traxe, gravata e maletín, como se fosen traballar nunha oficina, en actitude pensante ou melancólica, cubriron xa espazos urbanos de Londres, Berlín, Nantes e importantes cidades de Suecia, Rusia, Colombia ou México e pretenden ser unha chamada de atención cara o que considera as vítimas da nosa sociedade.

A súa formación artística comezou nunha escola de canteiros e completouse logo na Facultade de Belas Artes de Pontevedra e a súa obra destaca pola orixinalidade e as composicións que fai coa fotografía. Vive en Londres.












No hay comentarios:

Publicar un comentario