domingo, 27 de mayo de 2012

MINGOS E O PATULAS

Pepito do Pallal



Neste pallal non se garda
nin herba verde nin seca
nin hai quen lle meta o dente
a un “pepito” de ternera.

   Copla de Antroido
      Negreira 1990


A xenreira que nos produce a modernidade mal entendida é porque acaba  co patrimonio arquitectónico e cos lugares máis emblemáticos. Cando se inmolaron os dous últimos edificios da Rúa da Cachurra, esquina Av.de Barcala, acabouse. Dende  entón deixaron de existir  dous edificios tradicionais e  tamén o pallal  de María da Montouta.

Pepito e Delfina ubicaron no pallal a súa taberna, unha  mestura da Galicia máis enxebre e os boliches da Calle Corrientes que pasean polos centos de tangos que Gardel derramaba nos  corazóns. O galego  convivía co lunfardo que Pepito exhibía con nostalxía nos momentos máis trascendentes das tertulias do Pallal. Foron anos de estadía na Arxentina que ningún dos membros da parella  podería esquecer.

O Pallal era o acubillo da bohemia local nas noites de inverno; nas  tertulias xuntábase  os mellores conversadores da veciñanza a degustar  grolos de bo viño e ceibar párrafos alambicados envoltos no máis fino sarcasmo, que facían as delicias da pleiade de curiosos que formaban parte da tertulia. Só interrumpían as risas, os  sons do “¡ Teño un cantar miudiño…!”, e os “ ahí va eso, viejo” de Pepito,  acompañando as bandexiñas que esvaraban  a toda velocidade cos criollos ou cachiños de churrasco que primorosamente asaba Delfina.

A ollada revirada de Mingos paseando polo mostrador  impoñía sempre un aquel de respeto cando ó pasar por diante dos máis asíduos saúdaba co seu ¡Oooola!.... acostumado.

Mingos era o corvo que Pepito tiña adestrado e que case falaba coma un neno dun ano, parella de feito de O Patulas, un can palleiro que, fora a alma, parecía unha persoa. Cando algún novo cliente chegaba a O Pallal e os de confianza pedían unha exhibición, Pepito decíalle : Patulas, Mingos ¡á moto!: o corvo pousábase no lombo do can e logo á orde de ¡acelera!…O Patulas erguía a pata e o Mingos facía  o ¡rrrrrrrrrrrr..!!!. Ninguén podía entender os logros de Pepito na domesticación e socialización detes  persoaxes tan enxebres.

Os dous compañeiros só tiñan vetado ó can do cabo da Garda Civil; nada máis aparecer pola acera de enfrente, arrancaba O Patulas  ladrando, escoltado por Mingos e acribillabando ó pobre animal ata despois da carnicería de Pancho. Por iso ó pasar por diante do establecemento  parábase, ollaba con desconfianza cara a porta, e logo cruzaba correndo.
Cando nunha ocasión levamos alí a Torres, o capitán do Río Jatibonico da Flota Cubana que transportaba dende Vigo a axuda humanitaria, contaba pasmado  que alá na súa cidade de Holguín había nun bar un burro que bebía cervexa, pero que en nada semellaba o “nivel de entendemento“ do Mingos e O Patulas.

Xa hai un tempo que O Pallal desapareciu da habitual ruta dos bohemios e con el un dos lugares máis exóticos e festeiros da Vila. O prisma  dende o que se tralucía  o acontecer diario descomposto en bandas multicores que o viño axudaba a magnificar .

Estes días atópome a miudo con Pepito polas rúas e ó meu interese pola saúde de Delfina, respóstame logo, coa súa bondade de sempre, falándo  con nostalxia de Mingos, do Patulas , dos bos momentos vividos no Pallal. Tamén me pregunta polo Capitán. Pepito é o que se di un home educado, todo un cabaleiro. 


 ALBUM


O pallal de María da Montouta






FOTOGRAFÍAS:

Pepito do Pallal 
Arquivo do Servicio de Extensión Agraria

TESTEMUÑAS:

Pepito do Pallal
Fernando Carballo
Rubén Suárez


viernes, 11 de mayo de 2012

FLORENCIA



Praza da Signoria-Palacio Vecquio (Foto López Tuñas)

Florencia non se pode contar. É coma unha mañá de Reis na que os soños se fan realidade e vas de agasallo en agasallo sen saber con cal quedar, mentres as sensacións te desbordan. É para gozala e entendela, un chute sensorial que te enche.

É a presenza viva da arte e a exaltación do ser humano a través da beleza, exteriorizada no mármore e o bronce, da arquitectura, da escultura e a pintura. O berce do Renacemento. A cidade na que se constata que son as ideas as que moven o Mundo e o lugar no que un grupo de homes excepcionais rachan as tebras medievais e colocan ó ser humano, dotado da capacidade de razoar, no centro da vida.

Aquí agromou unha nova época, un vasto movemento que pouco a pouco se foi estendendo por toda Europa introducindo profundos cambios na vida artística, cultural, política e literaria. Os Humanistas: escritores, pintores, escultores, científicos, abren as portas a unha nova era. A cidade dos Médicis, mecenas dos grandes creadores. O desenvolvemento económico e político da burguesía como nova clase social, motor da cidade.
O David - Miguel Anxo ( Foto López Tuñas)

Nas súas rúas seguen presentes Dante e Petrarca, Miguel Anxo, Donatello e Brunellesqui e ata a bella Simonetta que namorou a Giuliano de Médicis e ó mesmo Botticelli, quen a inmortalizou no seu cadro O nacemento de Venus que se garda na Galería degli Uffizi.

No centro de Florencia hai unha templo que mais parece unha fortaleza, é a igrexa-pazo dos gremios: Orsanmichele, que está exactamente entre o centro de poder relixioso da cidade, onde se ubica a catedral de Santa María dei Fiore, e a sé do poder politico, a Praza da Signoria, como se quixera reivindicar a independencia, a liberdade e a dignidade do mundo do traballo. Nas súas fachadas atópanse as estatuas dos santos protectores das artes.

Paseando por esta cidade, que foi a capital de Italia dende 1865 a 1871 e sede do primeiro Parlamento, intúese o contraste entre unha civilización que pon o seu diñeiro a prol do progreso da cultura, da sociedade e sobre todo das persoas, fronte á caricatura dun capitalismo depredador, representado simbolicamente por un grupo de escolares xaponeses que se retratan cun poster de Miky Mousse diante dunha tenda de Disney, a poucos metros da Praza da Signoria.


ALBUM


 Catedral de Santa María dei Fiore ( Foto López Tuñas)











(Foto López Tuñas)







Porta do Baptisterio. Lorenzo Ghiberti traballou 25 anos nesta xoia de bronce, chamada por Miguel Anxo a Porta do Paraíso


                                                                           (Foto L.T.)




  
                                          
               

Fonte de Neptuno na Praza da Signoria    ( Foto L.T)
As antigas tendas de Ponte Vecquio foron transformadas en xoierías ( Foto L.T.)



                                         ( Foto L.T.)






PERSEO  de Benvenuto Cellini na Praza da Signoria. Este bronce é un dos máis alabados do Renacemento polas súas dimensións.












viernes, 4 de mayo de 2012

PARA MIN A ESCOLA......




   As cores están agochadas na luz pero cando saen expresan emocións e sentimentos, tamén son un xeito de desenvolver a creatividade. Espertan os sentidos e alegran a vida. A profesora do Instituto de Educación Secundaria  Xulián Magariños de Negreira  Dolores Sánchez Leira, que tamén é Xefa do Departamento de Normalización Lingüística, ademáis de ensinar a comunicarse coa linguaxe tamén emprega a técnica das cores e o debuxo para que o alumnado de 1º da ESO manifeste os seus sentimentos.
   Nunha fermosa combinación da escrita e o debuxo reflicten así o que é a Escola para eles. En xeral os que utilizan liñas rectas, barras ou poucas cores son alumnos/as aínda sen evolucionar mentres que os que utilizan todo o espazo, liñas curvas, círculos en policromía son o alumnado máis maduro.
   Sempre hai alumnos que captan o explicado e expresan coas cores o que significa para eles a escola, a opresión que senten ou o pechados que se ven na aula. Outros expresan con liberdade a súa autonomía no proceso de aprendizaxe.


  • PARA MIN O COLEXIO É UN LIBRO ABERTO
    A escola é unha carreira de obstáculos.
  • Na escola acábaseme a batería.
  • Cando estou na clase invádeme a monotonía.
  • A escola encántame porque aprendo moitas cousas.
  • Na escola relaciónome cos demais.
  • É o único sitio onde estou con rapaces da miña idade.
          Hai auténticas xoias!







 






         

          SE A VIDA FOSE UNHA CARREIRA NON HABERÍA CORREDOR QUE CHEGASE Á META








PARA MIN A ESCOLA É UNHA OPORTUNIDADE AO TRABALLO




















PARA MIN A ESCOLA É UN ESGOTAMENTO.




















PARA MIN O RECREO É UNHA BENDICIÓN






















PARA MIN A ESCOLA É COMA UN LIBRO ABERTO.



















A ESCOLA É UN LABERINTO SEN SAÍDA






















          A ESCOLA É UNHA PEZA.......




















PARA MIN A ESCOLA É UNHA LIBERACIÓN