viernes, 19 de enero de 2024

ALFAREIROS

 


Son moitos anos os que levamos compartidos con este fermoso traballo dun artesán do barro que soubo reflectir ben o que cada un de nós pode descubrir a través da memoria dos nosos ancestros. É ben sabido que as raices son a parte máis importantes dos seres vivos, pois igual que as plantas, a través delas, reciben os alimentos que precisan, a regulación estacional e o seu soporte, o mesmo ocurre coas distintas civilizacións.

Dende a aparición dos primeiros seres humanos, a terra foi o seu sostén, así o soubo recoller Moisés no Xénese que sitúa a orixe do home nunha estatua de barro, porque este primeiro elemento foi a base da nosa civilización. A fabricación dos primeiros utensilios, a orixe da escritura, dos libros, das primeiras bibliotecas e durante moitos séculos foi un elemento fundamental para a vida das persoas.

Os primeiros escritos que se coñecen apareceron hai uns 6.000 anos, sobre taboiñas de barro alá na Mesopotamia e a súa función era recoller a lista de propiedades con debuxos moi simples como unha árbore ou homiños; logo pasaron a recoller pequenas ideas como a amizade, a enemizade ou a fertilidade segundo describe a historiadora Irene Vallejo. A escrita foi evolucionando ata que chegaron a representar as letras e os sons. Un traballo exclusivamente reservado a unha elite: os escribas. O primeiro autor coñecido da Historia da Literatura foi unha muller , Enheduanna, filla do rei Sargón I de Acad, que no seus poemas dedicados a Inana, deusa protectora e do amor inspiroulle fermosos versos cheos de vida. En algunhas bibliotecas como a do rei asirio Asurbanipal chegaron a desenterrar os arqueólogos máis de 30.000 taboiñas de barro.

Aínda que logo pasou a ser sustituído por outros elementos: o papiro ou o pergameo, a cerámica foi sempre un elemento fundamental da cultura dos pobos.


                                        Alfareiros na  Feira do Cotón (Negreira) : Ano 1900

No ano 1976 un grupo de xóvenes da comarca de Barcala decidimos crear unha Asociación Cultural e unha das primeiras actividades que puxemos en marcha foi unha exposición de cerámica popular galega. Cos nosos coches perorremos os principais obradoiros de alfareiros de Galicia: Buño, Gundivós, Niñodaguia, Puxeiros... recollendo mostras de cada unha delas para destacar as características que as diferenciaban  e os distintos usos a que se adicaban pois nas casa dos galegos a maioría dos utinsilios como cuncas, pucheiros, tinas formaban parte dende sempre do menaxe cotiá. A noticia publicada en distintos xornais fixo que fose todo un éxito para os visitantes locais e foráneos. Moitos de nós aínda conservamos nas nosas casas algunha mostra desa fermosa exposición e a lembranza de tan enriquecedora experiencia.

                                                                 Sargadelos

Malia a diminución de obradoiros da artesanía tradicional a cerámica en Galicia segue a ter uso e conformando a menaxe das casas, en parte grazas a persoeiros tan importantes para a nosa cultura como o intelectual Isaac Díaz Pardo, alma mater de Sargadelos, cuxas pezas son recoñecidas en todo o mundo.



No hay comentarios:

Publicar un comentario