martes, 27 de octubre de 2020

HISTORIAS DE UN PIANO

Cumplíronse este mes trinta e seis anos da creación da Escola Municipal de Música de Negreira logo de que tomásemos  o acordo na Corporación, en setembro de 1984 (1), de aportar un local, pagar a un profesor e mercar un piano para formar aos máis novos e contribuir á promoción da afición e o coñecemento musical na comarca.

 

                             José R. España primeiro director da Escola de Música

O día 5 de novembro dese ano foi a inauguración do Curso, con cuarenta rapaces e rapazas e algún pai. O músico nicrariense Xoan Trillo, Director do Conservatorio de Santiago, do que dependía a Escola, pronunciou unha conferencia sobre a importancia da Música no entorno cultural e animou ao alumnado a volcarse no arte de Euterpe, pois dixo sentirse moi orgulloso de que o seu concello contara con un conservatorio.

As notas daquel piano fóronse sementando durante anos en terreo ben abonado. A comarca de Barcala, acolleu dende sempre a músicos de sona, ademáis de Xoan Trillo, fundador da Orquesta de Santiago, logo Xoven Orquesta de Galicia, outros da familia Magariños como Francisco, Director da Escola de Órgano de Xenebra e importante concertista, Daniel profesor e director da Banda de Negreira e antes  Jesús Lueiro "Salaño"; outros moitos crearon quintetos, bandas como a do Neo e varias orquestas de sona na comarca  que poboaron as festas de melodías.

 

                                              Orquesta de Barcaleses na Habana

Urbano López Trillo, clarinetista da parroquia de Broño, Victor de Gándara (trombón) e Pedro de Barbazán ( batería) xuntaron outros nove mozos das bandas e crearon en 1945 a Orquesta Ecos de Barcala que introduciu a música moderna nas festas parroquiais (2), Emilio Andújar, a orquesta que levou o seu apelido e outras máis que viñeron despois.

Na actualidade, aqueles rapaces e rapazas que se formaron neste centro son profesores de Conservatorio, responsables e compoñentes de orquestas, integrantes de bandas de música e a maioría persoas cunha ampla formación musical demostrando que a Música ten unha influencia fundamental no desenvolvemento das capacidades humanas, no aspecto intelectual, creativo, psicológico ou cognitivo .

 

 

                                      Raul Martín Niñerola coa Banda Xuvenil Ateneo

Por iso e grazas ao labor dos diferentes directores e profesores que foron integrando a plantilla docente, a adquisición de novos instrumentos e o apoio de outras corporacións, hoxe é un importante centro de formación musical. Segundo a información de Raúl Martín Niñerola, responsable da Escola, o pasado curso tiveron 123 alumnos e 12 profesores nas seccións de Linguaxe Musical, flauta, clarinete,saxofón,metais,percusión,gaita,a-cordeón,piano,violín e canto. Recoñecida pola Xunta, que marca as directrices e tamén a subvenciona, cada ano melloran os resultados  grazas á boa semente,  a dedicación e o esforzo.



(1) Libro de Actas do Concello de Negreira -26-9-84

(2) La Voz de Galicia -23-8-83-Luz Picos (M.F.)

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario