domingo, 14 de agosto de 2016

BARES EXISTE


Cabo Estaca de Bares


Estaca de Bares non é un invento dos mestres que dende pequenos nos facían recitar o nome dos cabos de Galicia, tampouco unha creación dos xeógrafos que sempre se empeñaron e bautizar cada curruncho da xeografía como se dun rapaz se tratara. A longa punta rocosa penetra no Atlántico querendo fuxir cara o infindo ante a mirada de envexa do Ortegal que, por pouco, perdeu a carreira para chegar a ser o punto máis septentrional de España.

Cada día de verán centos de persoas achéganse a este privilexiado balcón situado entre as rías de Ortigueira e O Barqueiro, onde escachan os ventos e as ondas para, moi amodiño, baixar ata a punta do cabo e alí ollar cara o horizonte intuindo quizais todo un mundo que se atopa máis alá. Aquí sepáranse as augas do Atlántico das da terra dos cántabros, emítense sinais luminosas e sonoras que chegan ata as vinte millas para avisar aos navegantes do perigo de achegarse aos agrestes cantís e a partires de setembro máis de 100.000 aves migratorias, alcatraces, pardelas e outras especies, fan do cabo lugar de paso, é pois un importante punto de observación das aves migratorias do Atlántico, do Ártico e do Mediterráneo. O cabo está situado nun dos paraxes máis espectaculares da costa galega.


PORTO DE BARES - Foto Ministerio de Agic. Pesca e Alimentación

Aos seus pés e na bocana da ría do Barqueiro está o porto máis antergo de Galicia que sigue en activo, din que fundado polos fenicios ( S. VIII a. C.), ese pobo de comerciantes que dende o Mediterráneo navegou ata terras astures, aínda que os últimos traballos de investigación dun equipo da Universidade da Coruña atribúe a súa fundación aos romanos, polos restos atopados nunha vila desa época, e van solicitar á Xunta de Galicia que sexa declarado ben de interese cultural. Na Idade Media, no ano 916, Ordoño II dona ao obispo de Mondoñedo, Sabarico, esta Vila de Bares. Logo foi un importante porto baleeiro a nas profundidades dos seus areais atopáronse numerosos esqueletos de cetáceos.

Coído de Bares e Illa Coelleira
O malecón do porto de Bares impresiona polos xigantescos pelouros que frean os embates do mar e protexen a súa fermosa praia, onde os nenos xogan a mergullarse nas mornas augas que teñen a cor da verde terra que a rodea.

Na súa beira tres meniñas loiras xogan a vender limonada recordando a primitiva orixe comercial deste fermoso lugar: Somos de Valencia y venimos todos los años. Si quiere puede tomar los vasos que le apetezca, sólo cuesta la voluntad. Al terminar nos repartimos entre las tres lo que recaudamos. Pruebe, verá como le gusta!

Deixounos para sempre Fernando, un bo amigo e compañeiro  que a miudo me lembraba que estivera de mestre nun dos lugares máis fermosos e espectaculares de Galicia. E dicía a verdade. Camiñando paseniño pola areal de Bares puiden gozar de toda a beleza que con tanta paixón me tiña transmitido o meu amigo.




Nas augas de Bares