jueves, 20 de julio de 2023

NO COTO: Curso 1962/63

 


Ben colocadiños de dez en dez e baixo o sorriso do seu mestre, Manuel Romero, pousaron para a posteridade, eles que cada día enchían de ledicia ás rúas da Vila de Negreira para logo, como homiños, centrarse no traballo cotián. Eran alumnos das Escolas Graduadas do Coto, seis unidades ao cargo de tres mestres e tres mestras, daquela “los niños con los niños y las niñas con las niñas”. Hoxe son xa persoas maiores aos que lles agradará verse de pequenos e lembrar os momentos que pasaron cos seus compañeiros e algúns, probablemente, trataredes de identificar e comentar coas vosas familias as anécdotas vividas con aqueles amigos da escola.

Manuel Romero Mengotti gardaba este documento gráfico que me chegou a través de Isabel del Río Negreira. Adicou toda a súa vida ao ensino; foi Mestre Nacional, Pedagogo, Decano do Colexio de Doutores e Licenciados en Filosofía e Letras e tamén escritor, a quen tiven ao honra de saudar na última presentación do seu libro, El Defensor. Faloume de que exercera o Maxisterio en Negreira, atendendo ademáis dos alumnos da súa clase aos outros do mestre Manuel Abella, que estaba con baixa médica, por iso na foto figuran os de ámbalas dúas escolas.

Manuel é fillo de Gonzalo Romero que foi o defensor dos acusados da comarca de Compostela no Consello de Guerra a que foron sometidos en 1936 polas súas ideas e o seu compromiso coa Democracia, veciños de Negreira, Ordes, Curtis, Arzúa, Muros, Porto do Son...

                                                                          


As Escolas Graduadas do Coto foron unha novidade para o Ensino daquela época pois o alumnado que estaba en distintos locais agrupados segundo o seu lugar de procedencia foi organizado en cursos  pola idade dos nenos e nenas. No que antes fora a Robleda do Cotón  ubicáronse os tres bloques de edificios que durante anos, ata que foi construído o Colexio Público actual, preparou a centos de rapaces e rapazas para integrarse na vida adulta e chegar a ser o que hoxe son, unhas persoas extraordinarias. Eu que coñezo á maioría dos que figuran nesta fotografía podo dar fe diso.