sábado, 9 de diciembre de 2017

NA BANDA GALEGA





                              Castelo de Santa Olalla                Foto. J. Luis Vázquez


Entrando en Andalucía pola Vía de la Plata sorprende atoparse cun típico pobo de casas brancas estendido pola ladeira dun cerro buscando protección na espectacular fortaleza medieval franqueada por dez torres que dende o alto domina toda a contorna. Faise inevitable deixar a autoestrada, achegarse a este conxunto histórico e adentrase nalgunhas rúas de casas brasonadas que fan referencia ao seu pasado señorial.

O topónimo galego de Santa Olalla chama a nosa atención eiquí en pleno Parque Natural da Serra de Aracena e Picos de Aroche. Na época romana este núcleo chamábase Ponciana e a tradición considéraa o berce da súa patrona, Santa Eulalia de Mérida, a moza que no século III partiu cara a capital da Lusitania onde sufriu martirio. Hoxe os olallense réndenlle culto nunha pequena capela que está situada nas aforas da localidade.


A BANDA GALEGA

O rei de Castela Fernando III O Santo ocupou estes territorios que pertencían ao antiguo reino de Sevilla no ano 1248 pero atopouse cos desexos espansionistas do reino de Portugal colisionando os dous exércitos en distintos enfrontamentos, ata que no Tratado de Badaxoz (1267) e o de Alcañices(1297) pasaron a depender de Sevilla.
Os enfrontamentos continuaron e para frealos Sancho IV el Bravo concedeu o privilexio, a varios pobos da Serra, para a construcción de fortalezas que frearan os ataques dos portugueses: Santa Olalla, Fregenal de la Sierra e a reconstrucción da de Aroche, comunicadas visualmente mediante antorchas e creouse unha zona chamada La Banda Gallega defendida por soldados procedentes do Norte na súa maioría de Galicia.



Cruceiro de Santa Olalla


Os galegos e os seus descendentes deixaron diversas pegadas nesa bisbarra. Á beira da igrexa da Asunción un cruceiro gótico recorda, segundo a placa alí colocada, aos numerosos peregrinos que de camiño a Santiago de Compostela pasaban por esta localidade.
O Entroido tamén  é unha das festas populares de Santa Olalla del Cala, o nome da localidade na actualidade, en clara referencia ó río, afluente do Huelva, que percorre estas terras. O sábado de Carnaval numerosas carrozas e comparsas percorren as suas rúas nesta tradicional celebración que remata co “Entierro del hueso del jamón” similar ao noso Enterro da Sardiña. O xamón é un dos produtos tipicos de Santa Olalla, como son tamén os bolos de rinchóns.

O mesmo que noutras localidades de Andalucía destaca o mimo con que coidan e tratan os núcleos urbanos tradicionais e a importancia que lle conceden ao pasado que lles da sentido. Santa Olalla conta con outros monumentos relacionados coa súa historia, sobremaneira da Guerra da Independencia na que desempeñou un papel importante na defensa contra as tropas francesas.

Aínda quedan moitos quilómetros por percorrer e hai que retomar a viaxe, pero queda a satisfacción de ter gozado desta fermosa localidade andaluza que, cando un a deixa, non pode evitar mirar atrás con admiración e a esperanza de ter outra ocasión para voltar.




No hay comentarios:

Publicar un comentario