jueves, 11 de septiembre de 2014

AIRES DA MIÑA TERRA



Que fermosas melloras  fixeron na cidade de A Coruña ao monumento de MANUEL CURROS ENRÍQUEZ !! Toda unha homenaxe ao noso poeta e tamén a unha das obras máis senlleiras do escultor galego FRANCISCO ASOREY. Nos xardíns de Méndez Núñez, xunto cos de outras persoalidades de Galicia: Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán, Daniel R. Castelao, Manuel Murguía, Eduardo Pondal ou Valle Inclán.


                                   Monumento a Curros               ( Foto López Tuñas)

Foi inaugurado no ano 1934 polo presidente da República Niceto Alcalá Zamora coa asistencia, entre outras autoridades, do Presidente da Real Academia Galega, institución promotora, e contando coa axuda económica dos nosos emigrantes en Cuba e Arxentina. Todo de granito, é tamén unha loubanza ao mundo do traballo, labregos e mariñeiros, debidamente representados na escultura que está asentada sobre os monstruos combatidos polo poeta: o caciquismo, a usura e a inxustiza.

Recordo hai anos o abandono no que se mantivo este conxunto escultórico, que logo foi recuperado con sucesivos arranxos e agora luce como se merece. Honra á cidade lembrar aos persoeiros ilustres e manter viva a memoria de quen tanto loitou pola xustiza e a dignidade do seu pobo. Os restos de Curros Enríquez repousan na Coruña, traídos dende Cuba, onde finou. O seu cadaleito foi acompañado por máis de 40.000 persoas polas rúas da cidade ata o Cemiterio de San Amaro.


Ouh! meiga cibdá da Cruña,
cibdá da torre herculina,
de xeneracións recordo
máis fortes que as de hoxe en día,
cibdá que por sobre os mares
érgue-la cabeza altiva,
cal onte nas túas murallas
o brazo de María Pita :
¿Que tes nese teu recinto,
que tes pros que te visitan,
que conocerte non poden
sin que deixarte non sintan?

….........

M Curros Enríquez
( Aires da Miña Terra)