martes, 31 de julio de 2018

IDEA





Que mellor lugar para tomar unhas ameixas ou unha tapiña de polbo que aquí nesta terraza frente ao peirao, dicía Martiño, mentres refrescaba o padal cun grolo de albariño fresco. Agora, como ves, os máis novos xa van cambiando as dornas polas planeadoras. Chegan coa carga de navallas, ameixas ou percebes, baixan o coche pola rampa e cun acelerón montan as planeadoras no remolque e marchan con elas para a casa. A min, coma outros, o que máis me gusta é a dorna. Ahí as tés, dicía, pintadiñas e mariñeiras, como rapazas novas, repousando tranquilamente ollando ao mar.



Todas as rochas ao longo da ría teñen o seu nome, seguiu, o mesmo que as leiras do interior, para saber o lugar onde imos traballar, por eso este establecemento chámase Café Bar Vicanso, o nome da gran rocha que quedou tapada pola construcción da nova lonxa. É importante que os mozos sigan conservando este modelo tradicional de embarcacións, que durante séculos foron a nosa vida. Entra e mira que foto tan fermosa hai no comedor. Coa velame despregada como as ás dunha gueivota surcando a ría.

A señora non me dou tempo: Si quere, díxome, cóntolle a historia desa fotografía, mentres ollaba para ela. Pero si é de ManuelFerrol !! manifesteille sorprendido. Si, hai anos que o meu fillo, logo de vela nunha exposición en Ribeira veu correndo á casa: Papá, hai que mercar a foto do avó que está na exposición! E mercámola. Ferrol veu en persoa ao noso bar e agasallounos esoutra onde se ve tamén ao pai do meu home na dorna. Era un gran fotógrafo que naceu no faro de Cabo Vilán e por iso o seu amor polo mar. Tamén moi preocupado polos problemas sociais, as súas reportaxes sobre a emigración seguro que as coñece.

O pai do meu home, era moi traballador e intelixente. A quen senón a el se  lle podía ocurrir bautizar a dorna co nome de IDEA, ese acto de entendemento que é a representación mental dunha cousa? O traballo no mar foille sempre moi duro pero moito máis hai anos. Foi moita a xente que deixou a vida entre as augas da ría, esta parroquia naceu para que as mulleres de eiquí tiveran onde rezar polos seus homes.

A maioría dos nosos antepasados vivían na Illa de Sálvora e tiveron que abandonala porque lles ofreceron terras e barcos, malia que xa vivía xente neste lado. Ten que visitar o porto fenicio, dos máis antigos de Galicia. Navegaban por estas costas na percura de estaño para facer o bronce e tamén para comerciar con outros materiais.

Non o viches aínda..? presunta Martiño; agora tomamos as tapas con calma e ao rematar damos un paseo. Tamén poderedes ollar a Illa de Sálvora dende máis preto.

E alá fomos, nun paseo que pagou a pena.


Porto fenicio de Aguiño ( Ribeira)