sábado, 3 de septiembre de 2011

AMIGOS PARA SEMPRE

1983



O povo está empapelado e Gildo Capeáns e Luis Pazos están en buliga. Chegan o día dez  os amigos de SERZEDO acompañados   polos de Marinha Grande. Pero non é un partido de futbol ocasional e ordinario, non. É a embaixada deportiva do povo portugués que está irmanado-geminado- con Negreira.

Hai 30 anos que o equipo de futbol Veteranos de Negreira comezou a relación  con Serzedo, que se  foi consolidadando e agrandando nun exemplo de amizade, respeto e convivencia  cultural, porque  somos todos da familia, irmáns. Cada  ano, alternando ambolos dous concellos, retómase a pugna de quen trata mellor a quen. Abrazos, futbol, actos protocolarios, intercambio de agasallos, xantares familiares. A amizade entre os povos en estado puro.

Veteranos de Negreira en Serzedo
Os actos de irmanamento non deben quedar en acordos institucionais, por iso se oficializou o que xa era un feito e ese é un mérito que lle debemos as persoas que iniciaron esta convivencia e que ao longo do tempo seguen a mantela. Unha aportación ao que debería ser a construcción da Europa dos povos e das persoas. 


En Serzedo, o 25 de agosto de 1990, o Concello de Negreira asinou o protocolo de irmanamento acompañado de case 300 barcaleses; aquelo foi unha festa na que cada un fixo as mellores aportacións da súa música , da súa cultura e do seu futbol.

No ano seguinte o acto repetiuse en Negreira e aínda hoxe, nas noitiñas de verán,  parece escoitarse  as voces  do Grupo de Fados de Coimbra  na Praza do Cotón. Aqueles días  actuaron os grupos folklóricos e musicais daquí e dacolá , as bandas de música e as pandereiteras, e a convivencia foi todo un derroche de celebracións e amizade. Tamén exposicións na Casa da Cultura na que os nosos irmáns serzedenses amosaron o mellor da súa terra. Logo, durante  anos  continuaron  os intercambios e as visitas familiares en determinadas datas.

O Sr. Martíns, O Dr. Rocha, Aurelio Morais, Xaquín…tantos amigos da outra banda da raia  e as súas familias xa están  para sempre na memoria de todos nós e seguramente dentro de poucos días algúns deles  alegrarannos coa súa presenza. O deporte non é só un agarimo para o corpo e a mente, tamén como neste caso un exemplo de convivencia, respeto e amizade, os mellores lazos  para xunguir as persoas e aos povos.

En Negreira diversas asociacións  veciñais  están a realizar un importante labor no campo deportivo e a súa incidencia social e educativa entre os nosos xóvenes é innegable. Tamén o fútbol veterano, despois de tantos anos, segue ahí  presente . Sería bo que  se retomara de novo ese compromiso municipal asinado hai tanto tempo entre Negreira e Serzedo  e a relación se extendera  tamén a outros  campos pois as dúas comunidades teñen moito que aportar. Resultaría sen dúbida  beneficioso para todos.

Estamos seguros que o encontro  cos amigos portugueses do día 10  vai ser toda unha festa. Vaia  tamén a nosa felicitación para os promotores.


ALBUM 

Visita as adegas de O Porto


Recepción no Concello de Negreira
                                                         

Sinatura do Irmanamento en Negreira-1991


Mulleres de Serzedo tecendo o escudo de Negreira que preside o Salón de Plenos

Gildo Capeáns cos amigos de Serzedo


O Dr.Rocha, Alcalde de Serzedo, con Miriam e Conchita
Chegando a Serzedo