Getaria |
Exactamente na Musika Plaza disfrutando dunha apacible mañá de domingo. Á esquerda, na fachada dun edificio, un gran letreiro que di- en inglés- que estamos en Euskadi e que non é nin España nin Francia. E á dereita unha oficina da Banca Cívica. Para coñecer un lugar nada mellor que situarse no medio e mirar para os lados.
Zarauz é o sitio ideal para pasar unhas vacacións apacibles porque ten todos os ingredentes para disfrutar dun grato verán, lugar de contrastes tanto estás a 29 graos de temperatura como sopra unha galerna e en poucas horas recomponse todo de novo. Enclave tradicional de vacacións da burguesía vasca reflicte en moitos dos seus edificios que iso de que somos iguais por vivir nun mesmo país, falar a mesma lingua e ter a mesma cultura, tararítarará.
Zarauz |
Onte poidemos percorrer o longo paseo que pola beiramar leva ata Getaria, berce de Juan Sebastián de Elcano, o primeriño en dar a volta ao Mundo- Primus circundediste me- e percébese o moito que o aprecian neste antigo porto baleeiro pois son abondosas as estatuas dos máis diferentes estilos e non é para menos. Nunha soa mañá disfrutamos dun casamento en euskaro, o aurresku diante do Concello, un concerto da Banda, que por certo interpretou uns marabillosos pasodobles, chistu e txakolí. Estaban en festas e pasear polas súas rúas era como andar por unha romaría.
Getaria |
Por iso hoxe toca descanso e navegar polas diferentes páxinas dos xornais. Público fala do próximo aterraxe do B-16 en Madrid e segundo di asesorado por Rouco para atacar ás leis de España. Xa é a terceira vez que este Xefe dun estado confesional viaxa subvencionado polas institucións públicas para atacar as leis que aproba o Parlamento Español. Se do que se trata é de dar unha patada nos estamentos inferiores de Blancanieves y los siete enanitos, paréceme que non era preciso tanta impedimenta, aínda así rememórame aqueles congresos eucarísticos da época dourada do fascismo.
Pero estamos de vacacións e ímonos para o Kulixka, que nada mellor que un peixe fresco degustado ollando cara a Gran Bretaña – mar en medio- e logo despois xa se verá.