miércoles, 18 de diciembre de 2013

PEPE ARDEIRO




DA TERRA E DO TEMPO




                                                                               Anxo Mosquera



 A man do home, dominando o gume,
violou a madeira e a pedra dura,
en harmonía compasada e pura,
dende un ritual de ancestro, alén do lume.

Coma un ronsel ferido de bremanza,
antiga seiva anuncia a súa presencia
de nai ennobrecida coa esencia
dos símbolos máis fondos da lembranza.

No repouso da noite estrelecida
brinda o licor no vidro aloumiño,
ofrecendo unha loanza estremecida

ás gubias que gravaron o camiño
polo cerne da madeira agradecida,
na honra do deus Baco e o dóce viño.

                                               ( Un xardín no tempo)