miércoles, 1 de febrero de 2017

A ORIXE DE BARCALA



                                             Val de Barcala               ( Foto Xurde Morán)

A comarca de Barcala constitúe unha unidade xeográfica formada polos concellos de A Baña e Negreira, así o decretou a Xunta de Galicia no seu plan de comarcalización, co artigo feminino diante. Durante séculos, as augas dun afluente do Tambre estiveron agardando que viñera alguén que as bautizara, mirando de cando en vez darredor e pensando que aínda non chegaran, pero un bo día, de súpeto, acadaron o nome do val que atravesaban.

Pero dende cando Barcala foi Barcala?


MOITO ANTES

De Gayo Plinio Segundo, escritor, científico, militar e naturalista romano dicía o seu sobriño (Plinio O Novo) que lía e estudiaba todo o día, facía resúmenes de todos os libros e cando viaxaba adicábase a observar e estudar as terras que visitaba, por iso é unha importantísima fonte de información da que hai que botar man para coñecer o noso pasado. Foi procurador na Tarraconiense no ano 73 e finou o 24 de agosto do 79 na erupción do Vesubio pois dende Miseno, pola curiosidade por ver de cerca aquel fenómeno, saiu coas súas naves para  conseguir tamén rescatar a uns amigos que estaban en perigo na bahía de Nápoles. Finou asfixiado polos gases do volcán.

Foron os romanos os que fixeron as primeiras divisións administrativas en Hispania. No 179 a. C. as dúas primeiras provincias, a Ulterior e a Citerior. Augusto dividiu a Ulterior, segundo ían conquistando as terras e sometendo á poboación, entre a Bética e a Lusitania e, posteriormente, Diocleciano  separou da Tarraconiense a Gallaecia. Logo fixéronse outras novas divisións ata completar un total de sete provincias.

Dos habitantes prerromanos desta nova provincia, conta Plinio e tamén Estrabón que tiñan un xeito de vida bastante primitivo, practicaban unha agricultura moi rudimentaria, vivían nos castros fundamentalmente da recolección de froitos, especialmente as landras dos carballos que secaban e logo facían unha fariña coa que amasaban o pan, a gandeiría de cabras e porcos e adicábanse principalmente á guerra e á rapiña e a súa incorporación á cultura romana e a súa administración foi máis lenta que os habitantes do Sur.

PERO...

Coa desaparición do imperio romano e a chegada dunha serie de grupos humanos, na maioría pertencentes aos pobos xermánicos, a terra foi o centro da vida das persoas, as cidades desapareceron e os reinos cristiáns que ían xurdindo dividíanse en feudos sendo o castelo o centro de poder e a maioría da poboación campesiña vivía en pequenas aldeas. Tempos aqueles nos que os catro xinetes do Apocalipsis: a fame, a peste, a guerra e a morte, campaban polos territorios. O señorío máis importante de Galicia chegou a ser o de Compostela, pola súa extensión e polo poder acadado polos arcebispos.

As terras comprendidas entre os ríos Támara (Tambre) e Ezar (Xallas) chamouse CÉLTIGOS polo nome que se lles daba aos seus habitantes. Alá polo século X este territorio perdeu a súa franxa costeira e xurdiron dúas novas circunscripcións: GENTINES a que estaba situada cara o Tambre e CARNOTA e no ano 1024 o rei Alfonso V, según se recolle no Tumbo A (64), doou a Santiago na franxa Sur a parroquia de Negreira: “in territorio célticos ripa Tamaris, Sanctum Iulianum de Nigraria cum suo debito, suis ecclesis et suis hominibus et suis adiacenciis”.


Alfonso IX - Tumbo A

Pero foi no ano 1127, cando aparece a primeira referencia a Barcala : Alfonso VII concede a Diego Gelmírez as terras de Gentines, Célticos, BARCHALA e Carnota dependentes do castelo de San Xurxo, na serra do monte Pindo e case un século despois (1209) Afonso IX concede novamente a Santiago as terras anteriores sinalando que o arcebispo terá baixo o seu control ademáis das citadas dúas novas Avania ( A Baña) e Iallas ( Xallas) que logo pasaron a depender, segundo o profesor Baudilio Barreiro Mallón, do Conde de Altamira.(1)

Xa no século XIX Barcala tamén foi concello (1821) formando parte do partido xudicial de Outes e estaba formado pola maioría das parroquias dos actuais concellos de  A Baña e Negreira que se separaron na reforma de 1836.(2)

Malia as divisións administrativas a sociedade barcalesa é unha unidade social cun medio natural e patrimonial dignos de ser protexidos, os fermosos pazos de Cores e O Barro ( A Baña) e os de O Cotón e Albariña ( Negreira), antigos receptores das rendas agrarias, xunto coas igrexas e demáis construccións populares forman un conxunto único.


Río Barcala




(1) Ana Framiñán Santas e Xavier Rey Souto - Historia de Santa Comba de Xallas- Concello de Santa Comba.2003

(2) Xosé Fariña Jamardo. Os concellos galegos. Tomo VI.Fundación Barrié, 1991







No hay comentarios:

Publicar un comentario