Aquela
tarde de verán foron os primeiriños en chegar, baixaron da
furgoneta de Pepe de Patiño no medio daquel fermoso piñeiral de San Miguel de Reinante e entraron polo arco que se abría á explanada. Acordaran viaxar
xuntos para amenizar as horas de coche polas tortuosas estradas de
acceso á mariña luguesa. Elixiron o pavillón que máis lle
gustaba e deixaron os bolsos enriba das literas, saíndo a visitar as
instalacións e achegarse aos cantís da praia da Devesa, respirando
a brisa daquel mar, moito máis rebuliderio que o das rías baixas ó
que estaban afeitos.
De
volta no campamento outro grupo ocupara as liteiras que deixaran
baleiras. Os novos contaron que eran de Santiago e, pouco a pouco,
ás primeiras verbas seguiron as presentacións. Eran mozos de
cidade, dous deles coñecidos pola súa afección ao atletismo.
Comezaba unha convivencia inesquecible que aínda perdura na memoria
de moitos. Pola súa orixe decidiron poñer ao seu grupo Os
Xacobeos.
Eran
todos futuros mestres e estaban alí para facer o Curso de
Instructores de Educación Física ademáis de ser instruídos no que
o Réxime denominaba Formación do Espíritu Nacional. A primeira
mañá xa estaban formados no patio central, coa roupa deportiva
para o izado das bandeiras, o discurso de presentación do Xefe do
Campamento e os comentarios retranqueiros e polo baixo sobre as
pernas daqueles homes vestidos de pantalón curto. Os organizadores
das actividades tíñano todo programado e alternaban a E.Física
con outras moito máis orientadas á persuasión ideolóxica e
política.
A
consigna de cada día era explicada polo Xefe, tiña que ser
desenvolvida a través de murais, frases e debuxos de xeito
repetitivo, utilizando as mellores técnicas propagandísticas para
que os mozos aprenderan a conformar o seu pensamento e discurso. A
comunicación persuasiva baseada na retórica da repetición que
utiliza a publicidade, a propaganda e as campañas de desprestixio
individuais ou colectivas.
Ao
final do día o grupo que máis destacara era homenaxeado coa entrega
do bandeirín, acto que se densenvolvía entre os aplausos de
todo o campamento. A enseña gardábana ata o día seguinte, no
que novamente se premiaría ó máis sobresaínte. O disfrute
daquelas xornadas e a convivencia foi o obxectivo que se propuxeron
Os Xacobeos que nunca se preocuparon por acadar o agasallo dos
máis aplicados. O día que rematou a estancia foron felicitados
públicamente por non caer “en motivacións máis apropiadas
para nenos de once anos que para futuros mestres”. Toda
unha lección
Campionatos Escolares ( Foto Concello de Santa Comba) |
Aqueles
mozos pasaron a educar a xeneracións de xóvenes, fomentando neles, ademáis doutros valores, o espírito deportivo. Froito desa
dedicación foron os Campionatos Escolares que contribuiron á práctica do deporte de base e de élite, xa que daquela eran os
colexios os que promovían este tipo de actividades.
Malia estar
xubilados, algún deles aínda concorre ás carreiras populares onde
o atopo cos seus grupos deportivos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario