sábado, 21 de enero de 2017

O PAZO DA ALBARIÑA : Entre a lenda e a liñaxe





O Pazo da Albariña, chamado tamén de Varela ou do Capitán é, xunto ao Pazo do Cotón, unha das máis fermosas edificacións históricas do Val de Barcala. Situado no lugar da Chancela, parroquia de Logrosa do Concello de Negreira, mírase dende hai séculos na ribeira do río Tambre. A súa estructura fainos recordar as edificacións fidalgas que dende a baixa Idade Media proliferaron en Galicia.

O escritor Eugenio Carré Aldao (A Coruña, 1859-1932) sitúa neste pazo a lenda de Munia e Bernaldo. O xefe da fortaleza sae para a guerra á chamada do Rei na compaña do cabaleiro mentres a muller deste, a ama Munia, queda ao cuidado do fillo do señor. Pero un día de tormenta, cando paseaba co rapaz no colo pola beira do Tambre ao abeiro dos carballos, co estrondo dun trono o meniño esbara dos seus brazos caendo nas augas escuras do río mentres a muller berra entolecida chamando polo pequeno que desaparece arrastrado pola corrente.

Munia, tremando de medo, non se atreve a retornar ao castelo porque sabe que para ela non haberá perdón polo pecado do seu descoido e que o castigo será a causa da súa morte.

Cando o seu home Bernaldo retorna na compaña do señor e ó abrazala escoita dos seus beizos a desgraza da morte do neno, entende que para a súa muller non haberá clemencia. A xente armada acude á choza onde se refuxiara Munia e Bernaldo soborna ao xefe da tropa e convénceo de pagar el polo dano involuntario causado por Munia. Pero cando o verdugo baixa o machado para cortarlle a cabeza, nun movemento repentino, Munia coloca a súa ao lado nun derradeiro bico e dun so golpe rodan as dús cabezas.

A lenda remata cos corpos soterrados nun lugar onde naceron dous piñeiros que nos días de vento xuntan as súas copas axitándose queixosos na beira do camiño en recordo de Munia e Bernaldo.

Pero o  certo é que a realidade histórica e documentada recolle que o primeiro dono coñecido do Pazo foi Amaro López e por herencia pasou ao seu neto Juan Antonio López Fernández, nado en 1713, que casou con Ángela Suárez de Leis. O seu fillo Gregorio López Fernández de Leis, nado no pazo en 1772, casou con Mª Josefa Posse y Romero e foi o seu primoxénito Juan López de Leis (1805) o que obtivo executoria de fidalguía na Real Chancellería de Valladolid no ano 1827.

Como Juan morreu sen descendencia o Pazo da Chancela pasou a súa irmá Carmen López de Leis y Posse de Castro, casada con José Varela de Limia, chegando tamén por herdanza a José Varela de Limia y Méndez, casado coa Vizcondesa de San Alberto, Segunda Pais Gutiérrez. A súa filla Pilar, casada co Conde de Torre-Cedeira, Felipe Bárcena, procedeu a súa venda aos actuais propietarios a familia García Nimo.


Os brasóns dos Leis e os Varela están nos lados da porta de entrada ( Foto Concello de Negreira)

O Pazo da Albariña, situado nun fermoso entorno poboado de carballos centenarios é un dos edificios máis fermosos e mellor conservados do patrimonio histórico do Val de Barcala.





BIBLIOGRAFÍA : Torres, Pazos y Linajes de La Provincia de La Coruña. Carlos Martínez Barbeito . Diputación de A Coruña - 1978.






No hay comentarios:

Publicar un comentario