viernes, 23 de agosto de 2013

OS CHINITOS



Dende que os chinos encheron de bazares todos os corruchos ando sempre coa orella atenta a ver si entre eles hai un José ou Manuel, pero teño que confesar que a pesares do meu empeño, de momento, non tiven moito éxito no intento de atopar algún dos meus afillados neste colectivo.

Cando eu era pequeno todo o país estaba empeñado en bautizar aos habitantes da China para sacalos da súa iñorancia, por todas partes había carteis co lema “Ayuda a bautizar a un chinito” e tiñas que facer unha aportación económica para mandar alá aos misioneiros que levaran adiante este labor. A cambio dábanche unha estampiña, co retrato do rapaz, no que por atrás escribías os teus datos e o nome que querías que lle puseran ao teu futuro afillado.

Foron algunhas pesetas as que aportei para ter un bo número deles pero pouco a pouco funme dando conta de que os chinos das fotografías parecían todos iguais, o mesmo que a hucha que estaba no mostrador da farmacia de dona Maruja Robira, que tamén tiña a cabeza do chinito co lema debaixo. Decíase ademáis que eran moi inxenuos e cando a un lle tomaban o pelo, empezou a extenderse a costume de utilizar a expresión “enganáronno coma a un chino”.

A pesares de aquelo de ir incorporándoos á nova fe às veces non era de abondo coa picardía porque un pouco antes seica algúns empezaran a espabilar de máis e os americanos xa contaban na película 55 días en Pekín, que grazas a Charlton Heston e aos exércitos das potencias occidentais tiveron que achantar ante a ocupación e o poderío das forzas internacionais.

Agora, os chinos viñeron montar aquí os seus negocios e tanto che venden unha filarmónica que destiñe ou unha maceta sen burato como unhas tesoiras de podar que ao primeiro trallazo escachas os nocellos; pero é inutil que intentes fuxir deles porque vaias a onde vaias, os paraugas, as prendas de vestir ou calquera andrómena que consumas veñen de alá; polo tanto estás collido. Co invento da globalización parece que o entendemento foi máis fácil. Os nosos grandes empresarios poden instalar na China os seus chiringuitos para explotar aos "inxénuos" e os deles poden montar aquí as tendas sen ter que someterse a ningunha regra, norma ou procedemento. Un bo acordo para eliminar o noso tecido produtivo e, ao mesmo tempo, acabar co pequeno comercio local.

Hai pouco contáronme que unha profesora estivo nunha universidade da China dando clase de español. Pouco tempo despois de comezar o seu traballo descubriu que se trataba dun centro privado onde se ensinaba a língua a estudantes que ían vir traballar nos negocios en España. Cando avisou do engano aos responsables españoles, comunicáronlle que tivera o bico calado se quería seguir exercendo de profesora.