Dende que os chinos
encheron de bazares todos os corruchos ando sempre coa orella atenta
a ver si entre eles hai un José ou Manuel, pero teño que
confesar que a pesares do meu empeño, de momento, non tiven moito
éxito no intento de atopar algún dos meus afillados neste
colectivo.
Cando eu era pequeno todo
o país estaba empeñado en bautizar aos habitantes da China para
sacalos da súa iñorancia, por todas partes había carteis co lema
“Ayuda a bautizar a un chinito” e tiñas que facer unha aportación
económica para mandar alá aos misioneiros que levaran adiante este
labor. A cambio dábanche unha estampiña, co retrato do rapaz, no
que por atrás escribías os teus datos e o nome que querías que lle
puseran ao teu futuro afillado.
Foron algunhas pesetas
as que aportei para ter un bo número deles pero pouco a pouco funme
dando conta de que os chinos das fotografías parecían todos iguais,
o mesmo que a hucha que estaba no mostrador da farmacia de dona
Maruja Robira, que tamén tiña a cabeza do chinito co lema debaixo.
Decíase ademáis que eran moi inxenuos e cando a un lle tomaban o
pelo, empezou a extenderse a costume de utilizar a expresión
“enganáronno coma a un chino”.
A pesares de aquelo de ir
incorporándoos á nova fe às veces non era de abondo coa picardía
porque un pouco antes seica algúns empezaran a espabilar de máis e
os americanos xa contaban na película 55 días en Pekín,
que grazas a Charlton Heston e aos exércitos das potencias occidentais
tiveron que achantar ante a ocupación e o poderío das forzas
internacionais.
Agora, os chinos viñeron
montar aquí os seus negocios e tanto che venden unha filarmónica
que destiñe ou unha maceta sen burato como unhas tesoiras de podar
que ao primeiro trallazo escachas os nocellos; pero é inutil que
intentes fuxir deles porque vaias a onde vaias, os paraugas, as
prendas de vestir ou calquera andrómena que consumas veñen de alá;
polo tanto estás collido. Co invento da globalización
parece que o entendemento foi máis fácil. Os nosos grandes
empresarios poden instalar na China os seus chiringuitos para explotar
aos "inxénuos" e os deles poden montar aquí as tendas sen ter que
someterse a ningunha regra, norma ou procedemento. Un bo acordo para
eliminar o noso tecido produtivo e, ao mesmo tempo, acabar co pequeno
comercio local.
Hai pouco contáronme que
unha profesora estivo nunha universidade da China dando clase de
español. Pouco tempo despois de comezar o seu traballo descubriu
que se trataba dun centro privado onde se ensinaba a língua a
estudantes que ían vir traballar nos negocios en España. Cando
avisou do engano aos responsables españoles, comunicáronlle que
tivera o bico calado se quería seguir exercendo de profesora.
No hay comentarios:
Publicar un comentario