miércoles, 6 de mayo de 2020

REFLEXIÓN IONOSFÉRICA


Estación de Radioaficionado  EA1DFM


A miña aficción pola comunicación empezou sendo un neno, cando os Reis Magos me trouxeron un teléfono Walki-Talki, o aparello contaba con dous micrófonos unidos por un longo fío bermello a través do cal comprobei, xunto aos meus amigos, como as ondas sonoras se transmitían ao longo do cordel e escoitabamos as nosas conversas falando moi baixiño. Continuou mais adiante grazas a un vello amplificador dun equipo de altavoces que tiña meu pai e con un pesado micrófono imaxinábame que contactaba con barcos, avións e lugares lonxanos. A imaxinación dos nenos a esas idades non ten barreiras.

Tempo despois, sendo un adulto, aquelo foise facendo realidade cando soubemos que o Clube de Radioaficionados de Compostela convocaba un cursiño nun bar do Milladoiro para todos aqueles que quixesen integrarse nese colectivo. E alá fomos, Joaquín Buergo e mais eu. Durante uns fins de semana explicáronnos en que consistía ese sistema de comunicación, como se expandían as ondas curtas da radio a través da reflexión ionosférica, en que consistían os exames para poder operar coas emisoras e, sobre todo, escoitar a través dos seus equipos como se comunicaban con estacións de todo o mundo e aquel son tan agarimoso que envolvía as voces que chegaban a través dos pequenos transceptores.

Coa obtención da licenza e o indicativo provisional de clase C, o primeiro transceptor, un sinxelo President coa frecuencia de 29 Mhz, e a obriga de no plazo de dous anos efectuar 200 contactos debidamente xustificados coas tarxetas QSL. Aprobar o examen de Telecomunicacións de Clase A para operador de emisoras de radio de 5ª Categoría. Daquela o tempo de que dispoñía para estudar era pouco e os contidos dabondo, electrónica, radioelectricidade, lexislación, códigos de comunicación, pero foinos ben, e pronto chegou o indicativo definitivo EA1DFM. O Equipo de ondas decámetricas cos seus compoñentes, antena nova e adiante.

CQ-DX...CQ-DX

Comprobei, por fin, a concordancia da teoría e a práctica, a relación de bandas, frecuencias e propagación; días enteiros e fins de semanas disfrutando daquela nova experiencia. Comprobando como cunha potencia de 200 W podía contactar con estacións de todo o mundo, utilizando o Código ICAO que  permitía intercambiar datos en calquera idioma; aprendendo a interpretar a información que a revista da URE nos enviaba pois a cada hora do día e segundo o mes e o ano a propagación das ondas curtas depende da actividade solar.


QSL


Dende a Patagonia ata Laponia, dende Xapón a California, sempre loitando por conseguir as mellores e mais distantes estacións que cada fin de semana chegaban confirmadas ao apartado de correos con fermosas tarxetas QSL que eu tamén enviaba á estación correspondente coa foto do Pazo do Cotón e as condicións técnicas do contacto.

Así xurdiu a idea de crear Radio Negreira, a emisora municipal, unha das primeiras de Galicia xunto coas de Oleiros, Fene e Corcubión. Longas explicacións no Pleno do Concello: que non era o mesmo a Radioafición que a Radiodifusión, que con un pequeno emisor de FM, dous platos xiradiscos, un magnetofón e dous micrófonos podíase chegar ás radios dos veciños e informar cada xornada da actividade ordinaria e a vida veciñal. A axuda dun técnico da Radio Galega foi fundamental para sacar adiante a pequena instalación e logo unha subvención da Deputación para facer unha estrada ao alto do Monte da Pena, colocar un repetidor e cubrir todo o municipio. Hoxe é o medio de comunicación máis importante da comarca barcalesa.

Os contactos continuaron a centos, moitos días facíamos rodas entre tres ou catro compañeiros e xa acudían estacións diversas a pedirnos entrada e contactar con cadanseu. Todo sempre nun ambiente de corrección e respeto pois as normas prohibían falar de política e de futbol.

Pero os medios técnicos foron evolucionando e as comunicacións tamén. Chegou o ordenador e a impresora e houbo que deixar lugar e tempo. O 23 de decembro do 2001, ás 21,30 GMT foi o meu derradeiro contacto, na frecuencia de 21,252 Mhz. coa estación W7ZB, operador estadounidense Mark, que se atopaba na Illa de Santa María ao Leste das Azores. Segundo o Libro de Rexistro cunhas condicións ideais tanto de emisión como de recepción: O máximo, 5-9 !

Cada vez que paso pola  veciña localidade de Bertamiráns, miro sempre para o teito do edificio da esquina da rotonda, onde aínda se conservan as antenas do compañeiro de frecuencias Alfonso ( EA1BHL) e un mar de recordos parece que me envolve, lembrando ese son tan agarimoso que se desprendía do meu ICOM 757 e a tantos amigos cos que contactei ao longo do mundo.


  73-51
   (Saúdos- Apertas)


QRT
(Cambio e corto )





No hay comentarios:

Publicar un comentario