martes, 28 de abril de 2020

A FOTOGRAFÍA : DOCUMENTO SOCIAL



Homenaxe a D.José Reino Caamaño na Robleda do Cotón

O francés Nicéphore Niépce inventou en 1824 a fotografía, cun procedemento muy primario mellorado polo pintor Daguerre para facelo accesible a todos.
O invento espertou tanto interese que o 15 de xuño de 1839, un grupo de deputados propuxo á Cámara que fose adquirido polo Estado e se fixese público (1). Os primeiros fotógrafos eran retratistas e posibilitaron que a burguesía formada polos comerciantes e artesáns: reloxeiros, sombreireiros ou zapateiros accederan ao retrato para destacar a súa importancia social, nesa altura era un privilexio da nobreza a través dos pintores.

A reproducción das imaxes utilizando placas e a mellora dos obxectivos favoreceron a súa utilización na prensa con fotografías sociais, de guerra e de acontecementos políticos, pasando a ser un documento fundamental para o coñecemento da nosa sociedade.


HOMENAXE A REINO CAAMAÑO


A fotografía anterior pertence a unha homenaxe ao avogado e xuiz D.José Reino Caamaño,veciño de  Cores (A Baña), que tamén foi Maxistrado e profesor de Dereito na Universidade de Santiago de Compostela, co gallo de sair elixido deputado a Cortes como independente  nas eleccións de 1931. Foi un documento que, coa axuda do meu pai, facilitoume o acceso ao coñecemento da Historia Contemporánea durante a miña infancia.
Acompañado polo Alcalde de Negreira Victoriano Fabeiro e outras persoalidades locales e veciños como o Notario Ángel Pardo de Vera, Enrique Fernández, Luis Osuna. Cipriano González e o seu fillo Julio que durante anos exerceu de médico en Negreira e foi concelleiro independente nas primeiras eleccións democráticas de 1979, Antonio G. Salderini, José Figueiras, Andrés Freire, Vicente Guzmán (Pacheco), Manuel López ou Manuel González. Moitos deles protagonistas da política local e a actividade social desa época.


HOMENAXE A NOVOA SANTOS

    Homenaxe a Novoa Santos    (Foto José Rubira)

Por outra banda tamén tivo lugar esta homenaxe ao deputado electo nas mesmas eleccións, o catedrático de Medicina en Santiago (1912) e logo na Universidade de Madrid (1928), Roberto Novoa Santos, que se presentou pola Federación Republicana Galega e recolle esta imaxen. Coñecido pola súa valía científica e pola militancia antifeminista, tanto en algunha das súas obras  como nas intervencións que tivo no Congreso do Deputados.
A fotografía, na Rúa do Carmen de Negreira, amosa as pancartas de apoio dos seus seguidores, coa presenza entre eles do escritor Xulián Magariños, baixo da pancarta dianteira, e de Benigno Ruso que logo foi alcalde de A Baña durante moitos anos (primeiro á esquerda). Dous dos protagonistas deste acto, Novoa Santos e Xulián Magariños faleceron por enfermidade ao pouco tempo (1933 e 1934 respectivamente).

As dúas totografías constitúen unha mostra da vida  na etapa republicana en Barcala.

Pero ademáis da importancia política dos documentos gráficos, os fotografos locales tamén se preocuparon por recoller a realidade social. Todos eles persoas cultas intentaron plasmar nas súas imaxes os distintos estratos da primeira metade do século XX pasando de ser simples retratistas a fedatarios da vida cotiá.

                         Nenas da aldea        (J. Alguero)

Tanto José Alguero como Francisco Rubira, Notario e Farmacéutico de profesión, respectivamente, durante a súa estancia en Negreira non foron alleos ás diferenzas económico sociais entre a vida urbana e vilega e as familias que vivían nas aldeas da comarca barcalesa.

Alguero Penedo, escritor e poeta foi membro da Real Academia Galega e Francisco Rubira fíxose coñecido polas súas reportaxes gráficas na revista Vida Galega, onde ademáis de fermosas vistas da súa Vila natal reflectiu unha variedade ampla de tipos populares da comarca.


Ata esa época, as persoas só podían contemplar a realidade nas rúas, nas plazas ou na aldea pero coa fotografía facilitabase o acceso a esa visión de xeito permanente e recollendo o punto de vista do fotógrafo que  transmite a través das súas instantáneas, perpetuando así a persoeiros e situacións cotiás que nos permiten hoxe trasladarnos a épocas máis lonxanas e facelo a través da verificación fotográfica que amosan as imaxes e que  proporcionan unha análise máis clara do noso pasado, fonte imprescindible de coñecimento para entender o funcionamento da sociedade actual, sempre froito da herdanza histórica.


            Foto de Familia   (J.Alguero)

A importancia destes documentos gráficos, que en ocasións aportan tanta información coma outros escritos, está dando lugar a que algúns concellos como Brión ou Oroso dispuxeran a creación de cadanseu arquivo, recollendo entre o vecindario aquelas fotos que poden resultar de máis interese histórico, social ou etnográfico e publicando regularmente revistas con elas como elemento de formación para o seu vecindario.




(1) Fotografía e Sociedade-Giséle Freund-1974




No hay comentarios:

Publicar un comentario