jueves, 5 de agosto de 2010

TÁNGER : ON PARLE GALEGO

-->
                                                   Gran Mezquita de Tánxer


     Foi o escritor Paul Bowles quen dixo desta cidade de Marrocos que era “une ville de rêve” e hai que tomar a frase ó pé da letra. Vivir Tánxer é experimentar unha serie de sensacións como descansar á sombra nun cemiterio abandonado, alemán evidentemente, pasear por estreitas e sombrías rúas que nos trasladan á época do Bagdad de Harum Al Rachid, contemplar portas que se abren directamente sobre o mar ou camiñar por rúas que constitúen un auténtico laberinto, que só se pode entender como parte dun universo onírico.
     A cidade "trepa" dende o mar por amplas e modernas avenidas que levan á parte máis alta coroada pola Gran Mezquita e a Catedral, flanqueadas por espazos verdes e prazas coma a de Francia ou a de Iberia,co Instituto Cervantes, o Instituto Español Severo Ochoa, o Colegio Ramón y Cajal e diversos establecementos hosteleiros con nomes que tamén fan referencia ó seu recente pasado histórico.
   Estes días milleiros de bandeiras bermellas coa estrela verde inundan a cidade xunto con paneis publicitarios co retrato do rei Mohamed VI, que tamén está presente en todos os locais públicos.
    A súa Maxestade tivo a ben elexir Tanxer para a celebración da Festa do Trono, a máis importante do ano, festexo que se complementa con numerosos festivais en distintos lugares da urbe mentres a Banda Real desfila maxestuosamente polo centro das avenidas.
    Pero o maís gratificante é sentarse nunha das súas terrazas e contemplar a espectacular beleza das tanxerinas realzada polos coloristas e variados atuendos musulmáns, os distintos persoaxes que desfilan polas súas rúas e escoitar, de vez en cando, o ronco e prolongado lamento que se alza dende a Gran Mezquita, chamando a oración, e se reproduce de inmediato en multiples ecos nos centos de templos musulmáns, pois a relixión e a Súa Maxestade programan, controlan e dirixen a vida dos seus súbditos.
  
  A alma de Tanxer está na súa Medina, nas limpas e estreitas rúas do seu Zoco no que non existe a insistencia, só a invitación “entre que mirar no cuesta” e onde o regateo é un acto amistoso no que sempre se pode chegar a acordo dividindo a metade do precio pola metade unhas cuantas veces. Aquí pode atoparse dende un camaleón ata a máis rara antiguidade. O que nunca se imaxinaría un é atopar unha muller rexentando un destes tradicionais establecementos tanxerinos.
       Diante da entrada, cunha chilaba bermella a xogo co pano e a cor dos beizos, recíbenos cun amplo sorriso:

 “Ola !, chámome María e son da Coruña, da Agra do Orzàn”. O nome da tenda indica ás claras a súa procedencia: A GALEGUIÑA.
     María é licenciada en Dereito e está agardando a homologación do título, que aquí é un proceso lento. Goza dun gran respecto por parte dos demais comerciantes da rúa e as súas donas van a miúdo a que lles coloque o pano pois ela sabe facelo de moitos xeitos.
     O seu home, Ismael, acompáñanos amablemente a recorrer o Petit Zoco e logo a Qasbah. Ao fin rematamos nun moderno establecemento do Paseo Marítimo onde María nos relata, non sen ironía, os diversos aspectos da súa nova vida e da dos seus tamén novos paisanos, incluso das caravanas automovilísticas que polas noites nos espertan cos seus bocinazos e berros e que nós non entendemos:
       “Iso está relacionado coas bodas que tamén forman parte de todo esto...Nós casámonos unha vez e xa está, pero aquí fan tres festas, a primeira a festa de pedida, as mulleres por un lado e os homes por outro; despois a boda , cando se casan legalmente, levan á noiva nunha especie de trono...,e cada un vaise a vivir cos seus e despois, máis tarde, é cando van vivir xuntos. Gástanse auténticas burradas. Ás veces millóns de euros".
 
     O papel da muller, a vivenda... amena conversa que remata xa tarde cunha amigable despedida e unha consideración entre risas: poñer no escaparate do seu comercio un carteliño coa seguinte frase : ON PARLE GALEGO