martes, 11 de junio de 2013

NO PASAMENTO DO PRESIDENTE DA UNIÓN BARCALESA DA HABANA

ROLANDO PÉREZ PALMERO


ROLANDO PÉREZ PALMERO,  Presidente da Unión Barcalesa da Habana, acaba de finar  logo dunha curta enfermidade. Foi durante 44 anos o representante do colectivo dos barcaleses na capital cubana ademáis dun home entrañable, un cubano galego de adopción polo seu matrimonio con Concepción Suárez Morilla, barcalesa pola familia paterna que era natural de Lueiro-Barbazán no concello de Negreira.

Hai unhas horas o Vicepresidente Manolo Rodríguez comunicounos a Amancio Liñares e a min a triste nova.

Cando o coñecín persoalmente no ano 1993 estableceuse de inmediato entre os dous unha corrente de amistade máis alá do protocolario sendo eu alcalde de Negreira e él o presidente da Unión Barcalesa. Estivo tres veces en Galicia, as mesmas que viaxei á Habana, símbolo da galeguidade exterior xunto a Bos Aires; con el e a súa dona, Secretaria da entidade, compartín xornadas inesquecibles e sei que para eles supuxeron unha porta por onde entraba o vento mareiro que lembraba a dignidade da emigración.

Repartindo a axuda de Barcala
A Unión Barcalesa da Habana agrupa aos descendentes dos nosos emigrantes e as súas familias e levou adiante unha importante labor de construcción de escolas na nosa comarca. Grazas á Sociedade os barcaleses en Cuba recibiron importantes envíos dos concellos de A Baña e Negreira e tamén do de Brión e logo da Asociación para a Solidariedade Alén Mar, froito das aportacións populares, comerciais e de diversas entidades, especialmente de FEIRACO.Tamén de particulares.

Rolando, coa súa dona Conchita foi a alma do rexurdimento da Unión Barcalesa que hoxe ten xa 104 anos de existencia, e o seu recordo seguirá sempre presente nas nosas vidas.
 
Día triste para a súa familia, para os barcaleses de aquí e de alá e especialmente para as numerosas persoas que tivemos a sorte de coñecelo e disfrutar da súa apacible e agradable compaña. Unha aperta  de afecto e amizade  para Conchita, a súa filla Adriana e Noel o seu home, a neta Kamila e demáis familiares. Para a Xunta Directiva da Asociación e tamén  para todos os barcaleses na capital cubana.